Gonium | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Gonium pectorale Mueller | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
especies | |||||||||||||||
|
Gonium é un xénero de algas verdes coloniais pertencente á orde Volvocales. As colonias típicas de Gonium teñen de 4 a 16 células, todas do mesmo tamaño, dispostas formando un placa plana, máis ou menos cadrada, sen diferenciación anterior e posterior. Nunha colonia de 16 células, catro delas están no centro, e outras doce nos catro lados, tres en cada un.[1] Unha descrición detallada feita por G. M. Smith é a seguinte:[2]
Gonium Mueller 1773: Colonias de 4-8-16 células dispostas nunha placa plana cuadrangular e inmersas nunha matriz xelatinosa común ou conectadas por febras xelatinosas amplas. Células ovoides ou piriformes, cun só cloroplasto con forma de copa que contén un pirenoide. Cada célula ten dous cilios de igual lonxitude, vacúolos contráctiles na base dos cilios, e unha mancha ocular. Colonias de catro e oito células cos cilios no mesmo lado ; colonias de dezaseis células coas catro células centrais cos seus cilios no mesmo lado e as doce células marxinais con cilios dispostos radialmente.
Reprodución asexual por división simultánea de todas as células da colonia para formar autocolonias, ou pola formación de 2-4 zoósporas en cada célula.
Reprodución sexual isógama por fusión de zoogametos biciliados.
O xénero Gonium contén especies moi relacionadas coa alga unicelular Chlamydomonas e a alga multicelular diferenciada Volvox. A orde Volvocales é un recoñecido sistema modelo para o estudo da evolución multicelular. Gonium e o xénero Tetrabaenecae conteñen especies representativas da formación de colonias entre unicelulares. A morfoloxía das colonias de Gonium formadas por células semellantes suxire que é máis similar xeneticamente a Chlamydomonas ca a Volvox, o que foi confirmado polas análises filoxenéticas.[3]
As Volvocales hipotetízase que evolucionaron en doce pasos, segundo D. L. Kirk.[4] Gonium representa os primeiros seis pasos evolutivos para o establecemento da multicelularidade, que son:[3] (1) citocinese incompleta, (2) inversión parcial, (3) rotación dos corpos basais, (4) polaridade do organismo, (5) transformación da parede celular nunha matriz extracelular, (6) control xenético do número de células. Aínda que a orde exacta e a progresión a través destes doce pasos de David Kirk da evolución da multicelularidade [4] probablemente non son necesariamente lineares e cada un deles ocorreu máis dinamicamente ca a idea orixinal.[3]
Gonium, ao estar relacionado evolutivamente con Chlamydomonas, ten un ciclo vital que deriva do de Chlamydomonas. As células de Gonium crecen asexualmente formando colonias de 4, 8 ou 16 células. O crecemento das células e colonias está desacoplado da división celular igual ca en Chlamydomonas, e cada célula da colonia divídese por fisión múltiple. Así, cada célula da colonia divídese 2, 3 ou 4 veces, producindo 2"n" células fillas, ou 4, 8 ou 16 células na colonia. A diferenza de Chlamydomonas, nas cales cada célula filla se separaba da outra, en Gonium as células fillas permanecen adheridas na súa matriz extracelular.
O ciclo sexual de Gonium é tamén moi similar ao de Chlamydomonas. O programa sexual de Gonium está inducido pola privación de nitróxeno, e nel cada célula vexetativa da colonia diferénciase en gametos. Os gametos de Gonium son isógamos, ou de igual tamaño, e unicelulares. Deste modo, os gametos unicelulares de Gonium sepáranse das colonias multicelulares cando se inicia o programa sexual. Ademais, igual que en Chlamydomonas, hai dous "sexos" (ou tipos celulares de apareamento), máis ou menos controlados por uns xenes homólogos [5] aos atopados en Chlamydomonas e Volvox.[6]