Haloquadratum | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
'Haloquadratum' Burns et al. 2007 | |||||||||||||||
Especies | |||||||||||||||
|
Haloquadratum ("cadrado do sal", abreviado Hqr.) é un xénero de arqueas da familia Halobacteriaceae.[1] A primeira e polo momento única especie identificada neste xénero foi Haloquadratum walsbyi, que é moi peculiar pola súa forma cadrada e plana.[2]
Este microorganismo descubriuno en 1980 A.E. Walsby na lagoa salina costeira de Gavish Sabkha na Península do Sinaí en Exipto, non foi cultivada ata 2004, e foi formalmente descrita por Burns et al. en 2007.[3] Cando os investigadores estaban intentando cultivar Haloquadratum walsbyi, illaron tamén a especie Haloarcula quadrata, que ten tamén unha "forma de célula predominantemente cadrada, algo pleomórfica, e plana",[4] pero este organismo é xeneticamente bastante diferente de Haloquadratum, pertence a un xénero distinto, e non é un microbio dominante en lagos salgados.
Haloquadratum é salientable polas súas células de forma cadrada regular e extremadamente fina (arredor de 0,15 μm), e a súa relativa abundancia en ambientes halófilos.
As células conteñen tipicamente gránulos de polihidroxialcanoato (PHA) e gran número de vacúolos cheos de gas que lle proporcionan flotabilidade en ambientes acuosos e poderían situar as células á profundidade que maximice a captación de luz.[5] As células poden unirse con outras para formar láminas de ata 40 microns. Estas láminas son moi fráxiles e as conexións entre as células na lámina rompen doadamente.
Haloquadratum walsbyi é moi abondosa nas augas hipersalinas de todo o mundo. Cando a auga do mar evapora, orixínanse altas concentracións e precipitación de carbonato de calcio e sulfato de calcio, dando lugar a unha salmoira rica en cloruro sódico hipersalina. Unha maior evaporación dá lugar á precipitación de cristais de cloruro sódico ou halita, e despois a unha salmoira con cloruro magnésico concentrado. Durante o estadio final da formación de halita, antes de que as elevadas concentracións de cloruro magnésico fagan que a salmoira se faga estéril, H. walsbyi se reproduce activamente e chega a constituír o 80% da biomasa da salmoira.
O mapado do xenoma de Haloquadratum walsbyi está completo, o que permitiu unha mellor comprensión da xenealoxía e taxonomía do organismo, e o seu papel no ecosistema.[6] Unha comparación xenómica dos illados examinados de España e Australia (cepas HBSQ001 e C23T) suxire claramente que experimentou unha rápida dispersión global, xa que son moi similares e manteñen a orde dos seus xenes (sintenia).[7]
O seu tipo de metabolismo non se coñece ben, e espérase que unha información xenética máis completa axude a esclarecela.
Haloquadratum walsbyi atopouse primeiro en lagoas salinas en Exipto, pero pode encontrarse en corpos de auga hipersalinos de todo o mundo. A evaporación de auga nestas lagoas orixina altas concentracións de sal que son o ambiente de óptimo crecemento de Haloquadratum walsbyi. Segundo Bolhuis et al., "Neste sentido son os organismos máis hiperhalófilos coñecedios, xa que unha maior concentración de sales de magnesio causa a esterilidade das salmoiras." O seu papel preciso no ecosistema non se coñece con seguridade, pero un maior estudo desta especie seguramente fornecerá moita información sobre a evolución morfolóxica e adaptación das arqueas.