Biografía | |
---|---|
Nacemento | (de) Helena Maria Franziska Druschkovich 2 de maio de 1856 Hietzing, Austria |
Morte | 31 de maio de 1918 (62 anos) Clínica de Amstetten-Mauer, Austria |
Causa da morte | disentería |
Actividade | |
Ocupación | filósofa, escritora, crítica literaria, crítico musical |
Membro de | |
Descrito pola fonte | Lexikon deutschsprachiger Epik und Dramatik von Autorinnen 1730–1900 (en) , (sec:Helene von Druskowitz) Wissenschafterinnen in und aus Österreich (en) , (p.149-151) Der Verein der Schriftstellerinnen und Künstlerinnen in Wien (en) , (sec:22) >>>:Helene von Druskowitz |
Helene von Druskowitz, nada o 2 de maio do 1856 e finada o 31 de maio do 1918, foi unha filósofa, escritora e crítica musical austríaca.[1] Doutorouse pola Universidade de Zürich, sendo a segunda muller en facelo. Publicou a meirande parte dos seus escritos baixo un pseudónimo masculino, debido ao sexismo imperante.
Naceu en Hietzing (Viena) no 1856. O seu nome de nacemento era Helena Maria Druschkovich. No 1874, trasladouse a Zürich, completando o seu abitur no 1878.[2] Estudou filosofía, arqueoloxía, literatura alemá, orientalismo e linguas modernas.[2] Foi a primeira muller austríaca en doutorarse, e a segunda doutora pola Universidade de Zürich, despois de Stefania Wolicka (1851-1937).[2] A súa tese tratou sobre o Don Juan de Lord Byron (1788-1824).[2]
Posteriormente, traballou como profesora de historia da literatura en diferentes universidades (Viena, Zürich, Múnic e Basilea). Tamén viaxou polo norte de África, Francia, Italia e España. No 1881, coñeceu a Marie von Ebner-Eschenbach, quen a introduciu no seu círculo literario. Tres anos máis tarde, entrou en contacto con Lou Andreas-Salomé e Friedrich Nietzsche, a través de Malwida von Meysenbug. Von Druskowitz foi unha das poucas persoas en recibir un exemplar do Also sprach Zarathustra (1883-1885), autopublicado por Nietszche. Porén, a súa relación co filósofo non durou moito tempo, xa que este criticou a súa teoría da relixión, exposta en Moderne Versuche eines Religionsersatzes ("Intentos modernos de substituír a relixión", 1886).[2]
No 1885, publicou un libro sobre tres poetas inglesas: Joanna Baillie, Elizabeth Barrett Browning e George Eliot.[2] No 1886, finou o seu irmán, e a nai de ambos dous anos despois. No 1887, Druskowitz comezou unha relación sentimental en Dresden coa cantante de ópera Therese Malten.[3] Nesta época, empezou a beber en exceso, e tivo problemas coas drogas. Tras separarse de Malten no 1891, Druskowitz caeu no alcoholismo, polo que foi internada nun hospital psiquiátrico.[2] Porén, continuou a escribir e publicar até o 1905. Tamén contribuíu á fundación das revistas feministas Der heilige Kampf ("A santa loita") e Der Federuf ("A chamada da pluma"). Druskowitz criticou tanto a relixión coma o sexismo e, tras a súa ruptura con Nietzsche, a filosofía deste.
Faleceu a finais de maio do 1918 en Mauer-Öhling, dunha disentería, tras pasar vinte e sete anos de reclusión en institucións psiquiátricas.[2] A filósofa desexaba que a súa morte pasara desapercibida; no seu testamento, escribiu:[2]
Despois da morte, que escollan unha tumba axeitada e digna, aínda que sinxela (...) Desexo que non se informe do pasamento nas páxinas dos xornais.Helene von Druskowitz (1907)