Biografía | |
---|---|
Nacemento | 27 de setembro de 1969 (54 anos) Austin, Estados Unidos de América (pt) |
Datos persoais | |
Residencia | Oslo |
País de nacionalidade | Estados Unidos de América |
Educación | University of California, Berkeley College of Natural Resources (en) - Doutora en filosofía (–1996) Universidade de Minnesota (pt) (–1991) Universidade de Copenhague |
Actividade | |
Campo de traballo | Geobiologia (pt) e Xeoquímica |
Lugar de traballo | Oslo |
Ocupación | xeoquímica , bióloga , geobiologista (pt) , xeóloga |
Empregador | Universidade de Oslo (2016–) Instituto de Tecnoloxía de Xeorxia Universidade do Havaí (pt) |
Lingua | Lingua inglesa |
Premios
| |
Páxina web | hopejahrensurecanwrite.com |
Anne Hope Jahren, nada en Austin (Minnesota) o 27 de setembro de 1969, é unha xeoquímica e xeobióloga estadounidense.
O seu pai ensinou ciencias nun colexio comunitario e ela é a menor de catro irmáns, os outros tres homes.[1][2] Completou os seus estudos de Xeoloxía na Universidade de Minnesota, graduándose cum laude en 1991. Obtivo o seu doutoramento en 1996 na Universidade de California, Berkeley. De 1996 a 1999 foi profesora asistente no Instituto de Tecnoloxía de Xeorxia e logo trasladouse á Universidade Johns Hopkins onde permaneceu até 2008.[3]
En Xeorxia levou a cabo unha investigación pioneira en paleoatmosferas utilizando plantas fosilizadas, e descubriu o segundo evento de liberación de hidratos de metano que ocorreu hai 117 millóns de anos. Tamén pasou un ano cunha bolsa Fulbright na Universidade de Copenhague, aprendendo técnicas de análises de ADN.[4]
Durante a súa estancia en Johns Hopkins, recibiu a atención dos medios de comunicación polo seu traballo cos bosques fósiles da illa Axel Heiberg (Canadá). Os seus estudos das árbores permitíronlle estimar as condicións ambientais na illa hai 45 millóns de anos. Cos seus colaboradores analizou o esgotamento dos isótopos de osíxeno para determinar os patróns climáticos que permitiron que grandes bosques de Metasequoia prosperasen durante o Eoceno.[5][6][7] A súa investigación en Johns Hopkins tamén incluíu a primeira extracción e análise do ADN atopado no paleosolo e o primeiro descubrimento de isótopos estábeis existentes no ADN dun organismo multicelular.[4]
Deixou a Johns Hopkins para exercer a cátedra na Universidade de Hawai.[5] A súa investigación centrouse no uso da análise de isótopos estábeis para determinar as características do ambiente en diferentes escalas de tempo.[8] Desde o 1 de setembro de 2016 é profesora no Centro para a Evolución da Terra e a Dinámica da Universidade de Oslo, onde estuda a forma en que os organismos viventes e fósiles están quimicamente relacionados co ambiente.[9]
O seu libro Lab Girl foi aplaudido como "unha memoria persoal e un himno ao mundo natural", unha fusión literaria de memorias e escritos científicos, e "unha narrativa convincentemente terreal"; "a historia dunha vocación científica que xorde no laboratorio de ciencias dunha vila pequena de Estados Unidos e termina, de momento, na Universidade de Hawai. No medio, todas as plantas e moita vida".[1][2][10][11][12]
Recibiu tres bolsas Fulbright: en 1992 para traballos de xeoloxía en Noruega, en 2003 para ciencias ambientais en Dinamarca e en 2010 para ciencias árticas en Noruega.[3] En 2001, gañou a Medalla Donath, outorgada pola Geological Society of America. En 2005 foi galardoada coa Medalla Macelwane, converténdose na primeira muller e o cuarto científico en gañar tanto a Medalla Macelwane como a Medalla Donath.[4][5] En 2016, a revista Time Magazine nomeouna unha das "100 persoas máis influentes do mundo".[13] Foi galardoada coa Medalla da Sociedade Australiana de Investigación Médica en 2018, ano no que tamén foi elixida membro da Academia Norueguesa de Ciencias e Letras.[14][15]