Iberia (Albéniz)

Isaac Albéniz.

A suite para piano Iberia, escrita por Isaac Albéniz, foi composta entre 1905 e 1909 (data da morte do compositor), e é quizais a máis importante obra da literatura pianística española, así como unha das cimas da música para piano de todos os tempos. Dela dixo Olivier Messiaen: “é a marabilla do piano, ocupa quizais o máis alto posto entre as máis brillantes mostras do instrumento rei por excelencia”. Non debe confundirse coa Suite española Op. 47, tamén de Albéniz.

Estrutura

[editar | editar a fonte]

Consta de catro cadernos de tres pezas cada un.

  • Caderno 1. Foi dado a coñecer na sala Pleyel de París o 9 de maio de 1906 por Blanche Selva, en versión simplificada. A mesma pianista foi a encargada de estrear o resto da obra.
    • Evocación. Consta de catro partes que lembran vagamente a forma sonata: un primeiro tema en la bemol menor (coa indicación “allegreto expressivo”) seguido dun intermedio con ritmo de fandanguillo e un segundo tema en do bemol maior. Continúa con reaparicións do intermedio e dos dous temas (o segundo en la bemol maior). Termina cun recordo ao fandanguillo en pianísimo.
    • El Puerto. É a peza máis curta da colección. Fai referencia a El Puerto de Santa María (Cádiz). Comeza cunha introdución que servirá como fórmula de acompañamento de gran parte da peza. Séguenlle o primeiro tema (coa indicación allegro commodo) e o segundo tema, no que utiliza o mesmo acompañamento da introdución pero cun matiz suave. O desenvolvemento vén indicado como "moi lánguido" e nel podemos atopar influencias claras de Debussy tanto na sutileza harmónica como no emprego da escala por tons.
    • El Corpus Christi en Sevilla. É a peza máis longa do primeiro caderno e á vez a que entraña unha maior complexidade técnica na súa execución. Cabe destacar a este respecto a escritura en tres pentagramas dalgunhas pasaxes da obra e as numerosas indicacións de matices, expresión e fraseo que o compositor deixou plasmadas. A peza comeza cunha representación pianística duns redobres de tambor aos que lle segue o primeiro tema, a marcha baseada na canción popular castelá La tarara, coa indicación "allegro giocoso". Séguelle un segundo tema, La saeta, cun aire máis tranquilo. Despois dunha transición de carácter flamenco chegamos a un desenvolvemento moi rico contrapuntística e ritmicamente falando. Conclúe a peza cun novo tema moi acougado en pianísimo.
      Fragmento de 'EL Corpus Christi en Sevilla' no que se realiza a notación en 3 pentagramas.
  • Caderno 2. As tres pezas que compoñen este caderno estreáronse en Saint-Jean-de-Luz o 11 de setembro de 1907.
    • Rondeña. Saltarina peza que alterna ritmos 6/8 e 3/4, propios da petenera. A sección central, a modo de copla, pon o contraste pola súa brillantez.
    • Almería. Estraña peza chea de contrastes, con tons melancólicos e alegres en alternancia, pasaxes de poética fantasía fronte a outros de opulencia sonora e ritmo marcado.
    • Triana. Unha das máis divulgadas pezas de Albéniz. Evoca o barrio sevillano a través dunha seguiriya buliciosa e colorista, dentro dunha estilización poética que non cae no folclore tópico.
  • Caderno 3. Deuse a coñecer en París, en casa da Princesa de Polignac, o 2 de xaneiro de 1908. Está formada por «El Albaicín», «El Polo» e «Lavapiés».
    • El Albaicín. Peza inspirada neste barrio granadino que mantén un extraordinario e orixinal xogo rítmico. Este mantense ao longo de toda a páxina, con infinitas facetas. Parece un cante jondo melancólico, unhas veces misterioso e outras apaixonado. Son de destacar o rítmico arranque da peza así como as numerosas referencias a arpexos e rasgueos característicos da guitarra flamenca. A primeira sección alterna unha rica e viva colección de temas de resonancias flamencas con outro tema máis pausado, misterioso e profundo, como o cantaor que debulla o seu lamento cun lixeiro acompañamento de fondo. Finalmente, unha tenra, case amorosa reexposición do mesmo tema remata a peza.
    • El Polo. Esta peza lévanos a un ámbito moito máis sosegado que a anterior. A pesar de que «El Polo» é un cante jondo de tendencias tráxicas, Albéniz dá unha visión desenfadada e voluptuosa, sobre todo na súa segunda parte, de ecos ravelianos.
    • Lavapiés. Peza que evoca o popular barrio madrileño mediante un curioso ritmo de habanera no que se mestura o ton castizo e chulesco propio do organillo.
  • Caderno 4. Estreouse o 9 de febreiro de 1909 en París, na Sociedade Nacional de Música.
    • Málaga. Atopámonos cunha gran dificultade rítmica que aumenta a medida que avanza a peza. Repítense reminiscencias de cante que se fan máis poderosas e que, tras unha breve pasaxe en piano, remátanse en dous contundentes acordes.
    • Jerez. Controlada no seu apasionamento, da liña máis cantabile -aínda que con pasaxes rítmicas moi complicadas.
    • Eritaña. Sobre unhas sevillanas a moto perpetuo, trázanse imaxes que alcanzan un ritmo irresistible. Debussy dixo dela: "Nunca a música alcanzou expresións tan diversas. Os ollos péchanse como fatigados de contemplar tantas imaxes".

Andalucismo

[editar | editar a fonte]

É notable a visión de España que a obra presenta. O seu tema evidentemente é España, título que Albéniz non podía usar pois había dúas pezas recentes con este título.) Sevilla, Cádiz, Almería, Ronda, O Albaicín (Granada), Málaga, Xerez e tres pezas dedicadas a Sevilla: El Corpus en Sevilla, Triana e Eritaña (desaparecida venta sevillana). O único elemento madrileño - incluso o único elemento castelán - é a popular praza de Lavapiés.

Intérpretes

[editar | editar a fonte]

A obra foi interpretada por moitos pianistas, destacando os rexistros fonográficos de Esteban Sánchez, Alicia de Larrocha (que a gravou en tres ocasións), Guillermo González, Ricardo Requejo, Rafael Orozco e Luís Fernando Pérez, pola que recibiu a Medalla Albéniz.[1] Do primeiro, tras ser preguntado Daniel Barenboim acerca de cando gravaría Iberia, este respondeu que despois de escoitar a gravación de Esteban Sánchez, pouco quedaba por engadir.[2]

Orquestacións

[editar | editar a fonte]

Un dos primeiros interesados en orquestrar Iberia foi Maurice Ravel. Con todo, houbo de desistir, pois os herdeiros do compositor cederon os dereitos a Enrique Fernández Arbós, o cal orquestrou cinco das doce pezas: Evocación, El puerto, Corpus Christi en Sevilla, Triana e El Albaicín. Carlos Surinach orquestrou anos despois as restantes, completando así o traballo de Arbós. A versión de Arbós foi gravada en múltiples ocasións, mentres que complementada pola de Surinach non tanto, destacando os rexistros de Eugene Ormandy coa Orquestra Filharmónica de Filadelfia e de Jesús López Cobos coa Orquestra Sinfónica de Cincinnati.


A principios dos anos noventa, o músico eslovaco Peter Breiner recibiu o encargo da discográfica Naxos de orquestrar Iberia. Terminou os doce números, cunha orquestración bastante romántica pero cun papel máis destacado da percusión. Foi gravada pola discográfica en 1996, con Igor Golvschin e a Orquestra Sinfónica de Moscova.

Francisco Guerrero Marín iniciou unha orquestración da obra cunha linguaxe máis moderna, con gran masa sonora e predominio do metal, pero o seu repentino falecemento en 1997 fixo que o traballo quedase sen terminar. Completou Corpus Christi en Sevilla, Almería, El Albaicín, El Polo, Málaga e Jerez. As pezas orquestradas foron gravadas por José Ramón Encinar e a Orquestra Sinfónica de Galicia. Actualmente, Jesús Rueda, alumno de Guerrero atópase finalizando este labor.

  1. [1] Luis Fernando Pérez "En torno a la Suite Iberia"
  2. [2] Interpretar a Albéniz, algunas sugerencias discográficas, José Ramón Ripoll