Tipo | illa ![]() | |||
---|---|---|---|---|
Parte de | Arquipélago das illas do Canal ![]() | |||
Localizado na área protexida | Parque Nacional das Ilhas do Canal (pt) ![]() ![]() | |||
Localización | ||||
División administrativa | Condado de Santa Bárbara, Estados Unidos de América ![]() | |||
| ||||
Bañado por | Océano Pacífico ![]() | |||
Características | ||||
Altitude | 193 m ![]() | |||
Dimensións | 2,1 (![]() ![]() | |||
Superficie | 2,625 km² ![]() | |||
A illa Santa Bárbara (en inglés Santa Barbara Island; en tongva Tchunashngna),[1] é unha pequena illa, a máis pequena do arquipélago das illas do Canal, no sur de California.
Está protexida dentro do Parque Nacional Channel Islands, e o seu ecosistema mariño forma parte do Santuario Mariño Nacional Channel Islands.
A illa encóntrase a uns 61 km da costa da península de Palos Verdes do condado de Os Ánxeles, no sur de California (cerca do condado de Ventura e ao oeste do Gran Os Ánxeles).[2]
Cunha superficie total de aproximadamente 1 milla cadrada (260 hectáreas), é a máis pequena das oito illas do Canal, e a máis meridional do Parque Nacional Channel Islands. O seu cumio máis alto é Signal Hill, a 193 m.
Aínda que está máis cerca do condado de Ventura e do condado de Os Ánxeles, a illa forma parte do condado de Santa Bárbara (Oficina do Censo dos Estados Unidos, Bloque 3012, Bloque Grupo 3, Área do Censo 29.10). É a única das catro illas do sur do Canal incluída no Parque Nacional das Illas do Canal, que tamén abarca as catro illas do norte. Segundo o censo de 2000, a illa está deshabitada, e ten unha superficie total de 2,625 km².[3]
Como a maioría das illas do Canal, non se pode ver desde o continente, excepto en días despexados (xeralmente en inverno) e ao atardecer, cando a illa se ve como unha silueta retroiluminada.
Se ben a illa non é volcánica, está composta principalmente de rochas volcánicas do Mioceno (basalto) intercaladas con sedimentos mariños.[4]
Os abruptos acantilados tallados polas ondas da súa costa indican que se trata dunha das illas do Canal máis nova. Presenta polo menos seis terrazas mariñas, que evidencian levantamentos e subsidencias tectónicas repetidas. A Arch Point (punta do Arco), na costa nordeste da illa, é un arco de 40 m de altitude causado pola erosión mariña de rochas debilitadas por fallas.[5]
Nas súas proximidades hai dous illotes rochosos denominados illa Sutil, de 49 km², fronte ao extremo suroeste, e Shag Rock, de 4 m², cara ao norte.
Pobos indíxenas americanos, probabelmente das tribos Chumash e tongva, ocuparon a illa Santa Bárbara periodicamente durante milenios. Na illa hai documentados xacementos arqueolóxicos de até 4 000 anos de antigüidade,[6] lugares que poderían servir como puntos de parada ou de refuxio para viaxeiros entre o continente e as outras illas do Canal.[7]
A illa foi nomeada polo explorador español Sebastián Vizcaíno, que avistou a illa o 4 de decembro de 1602, o día en que se conmemora a Santa Bárbara.[2]
O National Geodetic Survey dos Estados Unidos investigou a illa na década de 1850. Ocupárona pescadores e cazadores de focas, incluído a H. Bay Webster preto de Webster Point, até que o goberno federal arrendou a illa a J. G. Howland en xullo de 1909 por un período de 5 anos. Alvin Hyder foi o arrendatario os seguintes 5 anos. Desde 1916, a illa estivo ocupada polos irmáns Hyder, Alvin, Clarence e Cleve, coas súas familias, que criaron alí ovellas até abandonar a illa en 1922. Os únicos outros individuos que arrendaron a illa, antes de que pasase a formar parte do Monumento Nacional en 1938, foron Arthur McLelland e Harry Cupit de 1929 a 1932.[7]
En 1852, Charles Melville Scammon, no bergantín Mary Helen, cazaba elefantes mariños do norte (Mirounga angustirostris) e leóns mariños na illa Santa Bárbara.[8] En decembro de 1934, a goleta de vapor California pasou unha semana ancorada fronte á illa, procesando rorcuais azuis, comúns e cachalotes capturados polos seus dou barcos cazadores de baleas a vapor Hawk e Port Saunders.[9]
A United States Lighthouse Board erixió un faro no lado noroeste da illa en 1928, seguido por un segundo faro no canto suroeste en 1934. A Garda Costeira dos Estados Unidos fíxose cargo do servizo e substituíu a torre noroeste por unha de aceiro, e outra, alimentada con enerxía solar, en 1980. Entre 1942 e 1946, a Armada dos Estados Unidos de América construíu unha estación de observación costeira na illa e, na década de 1960 construíu unha estación de seguimento de fotos, pero abandonaron a illa a mediados da década de 1960.[10]
A illa Santa Bárbara é o fogar dunha gran colonia de lobos mariños e de colonias de aniñadoiros de varias aves mariñas. Tamén é o lugar onde se asenta a maior colonia de cría do Synthliboramphus scrippsi. unha especie de ave caradriforme da familia dos álcidos (a dos araos) ameazada; o seu status está catalogado como vulnerábel porque gran parte da súa reprodución ten lugar nunha illa tan pequena e illada como a de Santa Bárbara.[11]
Catorce especies de aves añidan anualmente na illa, entre elas Eremophila alpestris (un aláudido), Leiothlypis celata (un parúlido) e Haemorhous mexicanus (un pimpín). Outras aves que se poden ver na illa son o pelicano pardo (Pelecanus occidentalis), petreis, Synthliboramphus hypoleucus e corvos maiños. En canto a mamíferos, encóntranse, ao longo da costa, lobos mariños, focas comúns (Phoca vitulina) e elefantes mariños do norte (Mirounga angustirostris).[12]
Dudleya traskiae é unha planta suculenta endémica da illa. E unha variedade de Eriogonum giganteum, Eriogonum giganteum var. compactum é endémico e particularmente raro na illa de Santa Bárbara.[Cómpre referencia]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Illa Santa Bárbara, California ![]() |