Izquierda-Ezkerra | |
---|---|
Tipo | coalición electoral |
Data de fundación | 29 de xaneiro de 2011 |
Sede | Pamplona |
País | España |
Na rede | |
http://www.izquierda-ezkerra.org | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Izquierda-Ezkerra é unha coalición política de ámbito navarro integrada por Izquierda Unida de Navarra (IUN-NEB) e Batzarre para concorrer ás eleccións forais e municipais de 2011.[1]
Entre 2003 e 2010, Batzarre formou parte da coalición Nafarroa Bai, abandonándoa ese ano[2] e aceptando en votación específica o ofrecemento de Izquierda Unida de Navarra para conformar unha nova coalición electoral de esquerdas. O 29 de xaneiro de 2011 deron a coñecer que a marca electoral da súa coalición levaría o nome bilingüe (en castelán e éuscaro) de Izquierda-Ezkerra.[1]
Izquierda-Ezkerra aspira xerar un movemento político aberto que reúna a esquerda navarra, poñendo máis énfase neste eixe ideolóxico que en calquera outro. Este propósito foi valorado positivamente pola Plataforma polo Cambio en Navarra (escisión do PSN-PSOE), que mostrou a súa disposición de sumarse a este "polo de esquerdas".[3] Tamén recibiron o apoio da coalición Los Verdes-Grupo Verde (LV-GV).[4][5]
Aínda que non se considera a si mesma unha coalición nacionalista vasca, Izquierda-Ezkerra comparte con dito movemento político a iniciativa de estender a oficialidade do éuscaro a todo o territorio navarro, avogando para isto pola reforma da actual Lei foral do éuscaro suprimindo a zonificación lingüística hoxe existente.[6]
As súas cabeza de lista ao Parlamento de Navarra, á alcaldía de Pamplona e á de Tudela foron, respectivamente, José Miguel Nuin (IUN-NEB), Edurne Egino (independente) e Milagros Rubio (Batzarre).
Finalmente, tras obter 18.409 votos (5,7%), conseguiron tres representantes no Parlamento: dous membros de IUN (José Miguel Nuin e María Luisa de Simón) e un de Batzarre (Txema Mauleón). No Concello de Pamplona conseguiron un concelleiro (Edurne Egino) e no de Tudela conseguiron ser terceira forza, con catro concelleiros.
O 27 de agosto de 2011 anunciouse que a coalición se mantería para as eleccións xerais de 2011. Lograron un total de 18.224 votos (5,51%), mais non conseguiron representación.