Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1 de marzo de 1921 ![]() Brighton, Reino Unido ![]() |
Morte | 26 de febreiro de 1995 ![]() Slough, Reino Unido ![]() |
Educación | Arnold House School ![]() |
Actividade | |
Lugar de traballo | Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda ![]() |
Ocupación | director de cinema, realizador, actor, produtor de cinema, produtor ![]() |
Período de actividade | 1936 ![]() ![]() |
Familia | |
Cónxuxe | Haya Harareet (–1995) Christine Norden (1947–1953) ![]() |
![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() |
Jack Clayton, nado en Brighton o 1 de marzo de 1921 e finado en Berkshire o 26 de febreiro de 1995, foi un director de cine británico.
Clayton naceu en Brighton,[1] e comezou a súa carreira cinematográfica coma actor infantil no filme Dark Red Roses (1929).[2] Renunciando á súa aspiración de converterse en patinador de velocidade[3] uniuse aos Denham Film Studios de Alexander Korda en 1935, aos catorce anos,[4] subindo desde mozo dos recados ata axudante do director e montador.
Durante a guerra, traballou en moitos filmes destacados como Wings of the Morning (1937), primeiro filme británico en cor, e con directores estadounidenses de visita no país, coma Thornton Freeland en Over the Moon (1939) e Tim Whelan en Q Planes (1939). Como segundo axudante de director coordinou as tres unidades da produción de Korda The Thief of Baghdad (1940). Tamén gañou experiencia na montaxe axudando a David Lean.
Clayton dirixiu o seu primeiro filme, o documental Naples is a Battlefield (1944), mentres servía na Royal Air Force durante a segunda guerra mundial. A principios da década de 1950 converteuse en produtor asociado para Romulus Films, traballando en filmes como Moulin Rouge (1952) e Beat the Devil (1953), de John Huston.
En 1956 gañou o Oscar á mellor curtametraxe con The Bespoke Overcoat, o seu segundo filme como director, baseado nun relato de Nikolai Gogol.
A súa primeira longametraxe foi Room at the Top (1959), proxecto que herdou do director Peter Glenville, e que foi un éxito comercial e de crítica. A súa distribución nos Estados Unidos converteu a Clayton dun dos directores do momento, fixo unha estrela do seu protagonista, Laurence Harvey e inaugurou unha serie de filmes realistas da New Wave británica.
Seguindo a pauta que dirixiu a súa carreira, cambiou totalmente de estilo de filme no seu seguinte proxecto, a historia de pantasmas Suspense (1961), adaptada por Truman Capote a partir do relato de Henry James Outra volta á torniqueta. Ao que seguiu The Pumpkin Eater (1964), adaptado por Harold Pinter, e que supuxo a primeira colaboración de Clayton co músico Georges Delerue, ademais da primeira aparición da actriz Maggie Smith.
Entre 1968 e 1982 só completou un filme, The Great Gatsby (1974), o filme máis caro da carreira de Clayton, que tamén foi o seu filme de máis éxito comercial.
Tras sufrir un infarto en 1977 volveu ao cinema en 1982. O seu último filme foi The Lonely Passion of Judith Hearne (1987), mais volveu reunirse con Maggie Smith e Georges Delerue en 1992 para o telefilme Memento Mori.