Javier Bellido

Modelo:BiografíaJavier Bellido
Nome orixinalJavier Bellido Plaza
Biografía
Nacemento(es) Francisco Javier Bellido Plaza Editar o valor en Wikidata
9 de marzo de 1966 Editar o valor en Wikidata (58 anos)
Bilbao, España Editar o valor en Wikidata
Altura1,78 m.
Actividade
Ocupaciónfutbolista Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1984 Editar o valor en Wikidata -
Deportefútbol Editar o valor en Wikidata
Posición de xogoDefensa
Traxectoria Editar o valor en Wikidata
  Deporte base
Q5773971
  Equipo Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
1984–1986   Sociedad Deportiva Amorebieta 55(10)
1985–1988   Bilbao Athletic 69(4)
1988–1989   Sociedad Deportiva Eibar 29(4)
1989–1991   Elche CF 72(3)
1991–2001   SD Compostela 389(26)

Javier Bellido Plaza, nado en Bilbao o 9 de marzo de 1966, é un exfutbolista español, que xogaba de defensa. Formado na canteira do Athletic, xogou co seu filial na Segunda División, antes de pasar polo Eibar e o Elche. En 1991 fichou polo Compostela, onde xogou durante dez tempadas, converténdose nun dos xogadores máis destacados da historia do club. Disputou co equipo branquiazul 389 partidos oficiais, 137 deles en Primeira División, e aínda que xogaba como defensa central, marcou 26 goles. Viviu os momentos de maior gloria do club pero tamén dous descensos, e tralo segundo deles, no 2001, colgou as botas.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Athletic Club

[editar | editar a fonte]

Formouse nas categorías inferiores do Athletic Club, e tras unha cesión ao Amorebieta, en setembro de 1986 debutou co Bilbao Athletic na Segunda División, nun partido contra o Deportivo da Coruña en Riazor. Esa mesma tempada marcou o seu primeiro gol na categoría, no partido da xornada 17 contra o Cartagena.

Eibar e Elche

[editar | editar a fonte]

Despois de dúas campañas no filial do Athletic, en 1988 fichou polo Eibar, tamén de Segunda, onde o adestrador Barasoain o colocou como titular durante a maior parte da tempada. Ao remate da campaña, fichou polo Elche, da mesma categoría, onde militou durante dous convulsos anos, nos que pasaron polo banco do equipo ata cinco adestradores diferentes, e que culminaron co descenso do club ao remate da tempada 1990/91.

Compostela

[editar | editar a fonte]

En 1991 fichou polo Compostela, adestrado por Fernando Castro Santos, onde xa na súa primeira tempada foi o futbolista con máis minutos do equipo. Titular indiscutible no centro da defensa durante os seguintes anos, gañou o alcume de "O muro de San Lázaro".[1] Na tempada 1993/94, o conxunto galego conseguiu un histórico ascenso á Primeira División, sendo de novo Bellido o futbolista con máis minutos da tempada, e contribuíndo con seis goles. Nos seguintes catro anos na máxima categoría foi unha das pezas máis importantes do equipo de Castro Santos primeiro, e Fernando Vázquez despois, compartindo defensa con Villena, Tocornal, Nacho e Mauro entre outros. A pesar de xogar de defensa central, marcou 12 goles na Primeira división, anotándolle entre outros ao Real Madrid, Atlético de Madrid, Valencia, Celta de Vigo e facendo un dos goles no histórico 2-6 contra o Deportivo da Coruña en Riazor.

Na tempada 1997/98 o equipo branquiazul acabou no posto 17º, tendo que xogar unha promoción de permanencia contra o Villarreal. Cun empate a cero goles na ida e co marcador sinalando 1-1 no partido de volta en San Lázaro, Bellido tivo a derradeira oportunidade de salvar o equipo do descenso, rematando de cabeza un córner lanzado por Fabiano nos derradeiros instantes do partido, pero a súa cabezada acabou saíndo desviada á dereita da portería de Palop.[2] Continuou no equipo tralo descenso, xogando outras tres campañas na categoría de prata ata que o conxunto santiagués volveu caer outra categoría na tempada 2000/01, momento no que colgou as botas, despois de dez anos e 389 partidos co Compostela, nos que marcou 26 goles.

Trala retirada

[editar | editar a fonte]

Trala súa retirada continuou en Santiago de Compostela, como adestrador dos xuvenís do Atlético Fátima. En decembro de 2004, substituíu a Manolo Petaca como adestrador do primeiro equipo, ao que dirixiu ata o final da tempada.[3] En 2015 volveu ao Compos, como director de canteira.[4] Ademais dirixe unha residencia de maiores en Artes, Ribeira.[1]

O seu fillo, Ander Bellido, tamén é futbolista e defensa, e xogou tamén no Compostela entre outros equipos.[5]

  1. 1,0 1,1 Parada, Antón (13 de febreiro de 2020). "Javier Bellido: «El ascenso fue el fin de un sueño»". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 9 de setembro de 2021. 
  2. "El Compos recorta en más de un 50% su presupuesto". La Voz de Galicia (en castelán). 6 de agosto de 2001. p. 28. 
  3. "Manolo Petaca cede su puesto en el banquillo a Jav¡er Bellido". La Voz de Galicia (en castelán) (Santiago ed.). 16 de decembro de 2004. p. 43. 
  4. Reigosa, M. G. (5 de marzo de 2015). "Bellido regresa al Compos para coordinar el trabajo de cantera". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 10 de setembro de 2021. 
  5. Baliño, Bieito (10 de xullo de 2019). "Ander Bellido regresa al Estradense un año después". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 10 de setembro de 2021. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]