Jawbox

Jawbox
J.Robinson de Jawbox en 1991.
OrixeWashington, D.C.,
Período1989 - 1997
2009
2019 - presente
Xénero(s)rock alternativo, post-hardcore, post-punk, emo
Selo(s) discográfico(s)Dischord, Atlantic, TAG, Desoto
MembrosJ. Robbins
Kim Coletta
Zach Barocas
Brooks Harlan
Antigos membrosAdam Wade
Bill Barbot
Na rede
http://www.myspace.com/jawboxdc
Facebook: jawboxofficial Twitter: jawboxofficial Instagram: jawboxofficial MySpace: jawboxdc Youtube: UCVv3NTSYibn1R1pAUGFoq_Q Bandcamp: jawbox Musicbrainz: 016fba14-1fc6-4986-86c2-2113ec9b28de Songkick: 1861 Discogs: 252314 Allmusic: mn0000178906 Editar o valor en Wikidata

Jawbox é unha banda de rock alternativo estadounidense procedente de Washington, D.C.. Os seus compoñentes orixinais foron o vocalista e guitarrista J. Robbins, o baixista Kim Coletta e o batería Adam Wade. Bill Barbot (voces e guitarra) e Zach Barocas (batería) uníronse posteriormente ao grupo, substituíndo este último a Wade. A banda separouse en 1997 e reuniuse para unha única actuación en 2009. En 2019 anunciaron unha reunión oficial para unha xira de 12 datas.[1] Barbot deixou o grupo en 2021 e foi substituído por Brooks Harlan da banda War On Women.[2]

Formación, Grippe, e Novelty

[editar | editar a fonte]

De 1986 a 1989 J. Robbins tocou na derradeira encarnación de Government Issue, a máis lonxeva das primeiras bandas de hardcore punk de Washington, D.C. Despois da disolución de Government Issue, Robbins formou Jawbox co baixista Kim Coletta e o batería Adam Wade. Nese momento, Robbins e Coletta estaban nunha relación, e Wade era amigo de Robbins que recentemente regresara a casa da universidade.[3] O nome da banda foi atopado mentres lían Brewer's Dictionary of Phrase and Fable (un libro de referencia que contén definicións e explicacións de moitas frases famosas), no que viron que "jawbox é unha pía ou sumidoiro, e argot para a televisión". Jawbox citou a varias bandas e artistas como influencias, incluíndo Fugazi, Helmet, Sonic Youth, Big Black e Naked Raygun, entre outros.[4][5]

O primeiro concerto de Jawbox foi xunto con Shudder to Think e Fugazi en setembro de 1989.[6] A primeira aparición da banda nun recompilatorio foi coa canción "Bullet Park", que foi incluída no recompilatorio de 1989 They Don't Get Paid, They Don't Get Laid, But Boy Do They Work Hard!, da revista Maximumrocknroll. O trío lanzou un EP demo homónimo a finais de 1989 pola súa conta, seguido dun segundo EP homónimo a través de Slamdek Records. A principios de 1990 lanzaron o sinxelo "Tools & Chrome". O sinxelo foi o seu primeiro uso do nome DeSoto Records. DeSoto foi un selo discográfico independente que foi creado inicialmente pola banda Edsel, e despois de que Edsel se distanciase dos aspectos comerciais, Jawbox tomou o control do mesmo, que máis tarde medrou en tamaño. "Tools & Chrome" tamén foi distribuído polo selo independente de punk rock Dischord Records, aínda que a banda continuou utilizando o seu propio selo DeSoto para varios fins de distribución.

En 1991 a banda lanzou o seu álbum debut Grippe, que tamén foi editado por Dischord. Grippe contaba con material novo e regravacións de temas máis antigos. Tamén publicaron un sinxelo compartido coa banda Jawbreaker co selo independente Selfless Records, e as contribucións de ambas as bandas foron cancións exclusivas para o lanzamento. Pouco despois do lanzamento de Grippe, o amigo e compañeiro de cuarto de Wade, Bill Barbot, uniuse á banda como guitarrista e cantante adicional. Jawbox promocionou o álbum tocando concertos xunto a bandas como Superchunk, Corrosion of Conformity, Fuel e outros. A banda realizou a súa primeira xira importante xunto a Helmet durante a segunda metade de 1991, mentres Helmet tamén estaba de xira para promocionar o seu álbum de estrea, Strap It On.[6]

A primeira aparición de Barbot no estudio con Jawbox foi no sinxelo "Tongues", lanzado a principios de 1992. Uns meses despois a banda publicou o seu segundo álbum, Novelty, de novo a través de Dischord. O álbum xerou o primeiro vídeo musical do grupo, "Cutoff". Para promocionar Novelty Jawbox foi de xira novamente con Shudder to Think. Antes e durante a xira, Wade quedou frustrado coas loitas internas da banda, como o fin da relación de Coletta e Robbins, a raíz da cal Coletta e Barbot comezaron unha relación romántica, seguida do comportamento errático posterior de Robbins. Inmediatamente despois de rematar a xira Wade deixou Jawbox e rapidamente uniuse a Shudder to Think como o seu batería.[6]

Wade foi substituído por Zach Barocas, un amigo do grupo que xa estivera vivindo convenientemente no edificio da banda. O estilo único de percusión de Barocas converteuse no punto central do son característico da banda, e a súa incorporación tamén levou á banda a traballar máis colectivamente como un todo.[7]

Fichaxe por Atlantic, For Your Own Special Sweetheart, e Jawbox

[editar | editar a fonte]

Jawbox apareceu despois nunha serie de recompilatorios e publicou varios sinxelos, incluíndo un compartido coa banda Tar en 1993, no cal Tar versionaba o tema de Jawbox "Static" e estes versionaban a canción de Tar que tamén levaba o título de "Static". Jawbox fichou posteriormente co gran selo Atlantic Records en 1993. Debido á participación activa de Jawbox co seu propio selo DeSoto, a banda solicitou cláusulas pouco habituais para o seu contrato con Atlantic, como manter os dereitos para distribuír vinilos e controlar o seu propio orzamento de gravación. Para sorpresa da banda, Atlantic aceptou os termos.[7][3]

O grupo lanzou o seu terceiro álbum, For Your Own Special Sweetheart, a principios de 1994. O disco chegou ao número 28 da lista Billboard Heatseekers e vendeu unhas 50 000 copias. Apareceu regularmente no programa 120 Minutes da MTV e a banda tamén saíu nun episodio de Beavis and Butt-Head. A banda fixo unha aparición no estudo en 120 Minutes para un segmento televisado e tamén fixo unha aparición nun episodio de Late Night With Conan O'Brien, interpretando "Savory" en ambos os casos. Tamén gravaron unha sesión de radio para John Peel, coñecida normalmente como Peel Sessions. Tamén se publicou un segundo sinxelo e vídeo musical, "Cooling Card", pero recibiu unha atención mínima en xeral. Ao longo de 1994 a banda realizou unha xira como abreconcertos dos seus compañeiros en Atlantic Stone Temple Pilots para promocionar For Your Own Special Sweetheart.[7]

En 1995 Jawbox lanzou un álbum ao vivo compartido con Leatherface a través do selo independente alemán Your Choice Records, titulado Your Choice Live Series. O ano seguinte Atlantic moveu á banda a TAG Recordings, unha nova filial que Atlantic creara para albergar aos seus artistas de rock alternativo. A banda comezou entón a gravar sesións co produtor John Agnello para o seu álbum de 1996 Jawbox (que non debe confundirse cos seus anteriores lanzamentos homónimos en Dischord e Slamdek). "Mirrorful" foi o primeiro sinxelo e vídeo que se publicou, e o vídeo estreouse en 120 Minutes. Incluíuse unha versión da canción de Tori Amos "Cornflake Girl" como canción oculta en Jawbox e posteriormente publicouse como sinxelo promocional. A banda tamén foi o primeiro artista en tocar na edición de 1996 do gran HFStival. O grupo saíu de xira ao longo dese ano e tocou xunto a bandas como Nada Surf e Rocket from the Crypt. Aínda que Jawbox tivo recensións favorablementes, estímase que se venderon tan só unhas 40 000 copias en total e a etiqueta TAG tamén pechou pouco despois. A principios de 1997 Jawbox e Atlantic/TAG acordaron separarse.[7]

Separación, outros proxectos e breve reforma

[editar | editar a fonte]

Barocas mudouse despois a Nova York para estudar cine no Hunter College. O batería Peter Moffett (antes en Government Issue e Wool) chegou como o seu substituto e a banda comezou a planear unha xira por Europa. Porén, Jawbox separaríase posteriormente en 1997.[7] A banda lanzou o recompilatorio My Scrapbook of Fatal Accidents en 1998 a través do seu selo DeSoto. O disco estaba formado por caras b, descartes, cancións gravadas para as Peel Sessions de 1994, temas ao vivo e versións.[8]

Tras a separación da banda Barbor e Coletta casaron en 1997. Robbins e Barbot formaron a banda Burning Airlines con Moffett, e con este grupo lanzaron dous álbums en 1999 e 2001. Durante a súa xira en 2001, os atentados do 11 de setembro ocorreron no medio da mesma e moitos promotores negáronse a mostrar o nome da banda (que se podería traducir como "aeroliñas en chamas"). Burning Airlines separouse abruptamente en 2002.[9]

En 1998 Barocas formou The Up on In que, ao igual que Burning Airlines, separouse pouco despois. Máis tarde uniuse á banda Bells≥ e comezara a publicar a revista literaria en liña The Cultural Society. Barbot tamén se converteu no propietario de Threespot, unha axencia web de Washington, DC.

Coletta deu a luz un fillo en 2001, aínda que Barbot e Coletta divorciáronse anos despois. Oletta tamén continuou dirixindo DeSoto de forma máis permanente, e máis tarde converteuse en profesora substituta en Bethesda, Maryland.

Aínda que inicialmente Wade deixou Shudder to Think en 1996, máis tarde uniuse a eles en 2008, permanecendo na banda ata 2013. Wade tamén estivo involucrado con outras numerosas bandas como Sweet 75, The Jealous Sound, e Film School, entre outras.

Robbins converteuse nun produtor cunha amplatraxectorias ás súas costas, traballando con artistas como Texas Is the Reason, Jets to Brazil, Shiner, Against Me!, Clutch e moitos máis.

O 7 de outubro de 2009 Jawbox anunciou que a banda reformaríase para unha única actuación no episodio do 8 de decembro do programa Late Night With Jimmy Fallon.[10][11] A actuación estaba destinada a marcar a reedición do seu álbum de 1994 For Your Own Special Sweetheart e foi o seu primeiro concerto dende 1997. A emisión mostrou ao grupo tocando a canción "Savory", con imaxes adicionais publicadas en liña da banda interpretando "68" e "FF=66". Robbins declarou que a banda non tocaría ningún concerto nese momento á parte da aparición de Late Night, eliminando así os rumores dunha reunión en toda regla.[12]

Reunión e cambios na formación

[editar | editar a fonte]

En xaneiro de 2019 a banda anunciou oficialmente a súa reunión cunha xira de 12 datas no verán. A esta xira seguíronlle outras xiras e concertos.[13][14] En agosto de 2021 o grupo anunciou que Barbot marchaba, citando como principal razón o longo percorrido dende a súa nova casa en Vermont. Foi substituído por Brooks Harlan, o guitarrista e cofundador da banda War on Women e colaborador de Robbins dende había moito tempo.[15]

O 8 de xullo de 2022 Jawbox lanzou The Revisionist EP, que constaba de dúas regravacións de Grippe ("Grip" e "Consolation Prize") ademais dunha versión de Wire ("Lowdown"). The Revisionist EP foi o primeiro novo material de estudo da banda en 26 anos, xunto coa primeira aparición de Harlan como membro.[16]

Discografía

[editar | editar a fonte]
Álbum Ano Selo
Grippe 1991 Dischord Records
Novelty 1992 Dischord Records
For Your Own Special Sweetheart 1994 Atlantic Records
Jawbox 1996 Atlantic Records/TAG
  1. "Jawbox Announce Reunion Tour". Pitchfork (en inglés). 2019-01-14. Consultado o 2022-07-04. 
  2. Sacher, rew. "Bill Barbot leaves Jawbox, replaced by Brooks Harlan of War On Women". BrooklynVegan (en inglés). Consultado o 2022-07-04. 
  3. 3,0 3,1 "Jawbox Moves to the Majors". Washington Post (en inglés). 2024-01-05. ISSN 0190-8286. Consultado o 2024-10-06. 
  4. Grubbs, Eric (2008). POST: A Look at the Influence of Post-Hardcore-1985-2007. iUniverse. p. 68. ISBN 978-0595518357
  5. Brazier, Penny (2023-11-15). ""When we signed to a major, one guy wrote to tell us he hoped we died in a firey van accident": Your ultimate guide to every Jawbox album in the band's own words". louder (en inglés). Consultado o 2024-10-06. 
  6. 6,0 6,1 6,2 Grubbs, Eric (2008-08). Post (en inglés). iUniverse. ISBN 978-0-595-51835-7. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 "Treble's Top 50 Drummers". Treble (en inglés). 2012-04-29. Consultado o 2024-10-07. 
  8. "My Scrapbook of Fatal Accidents - Jawbox". AllMusic (en inglés). Consultado o 2024-10-07. 
  9. "Burning Airlines Songs, Albums, Reviews, Bio &...". AllMusic (en inglés). Consultado o 2024-10-07. 
  10. "How I Wrote Savory, By Jawbox's J. Robbins". Kerrang! (en inglés). 2020-02-07. Consultado o 2024-10-10. 
  11. Prince, David J. (2009-10-07). "Jawbox Reuniting For ‘Jimmy Fallon’ Performance". Billboard (en inglés). Consultado o 2024-10-10. 
  12. Dombal, Ryan (2009-12-09). "Jawbox Reunite on "Fallon"". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2024-10-10. 
  13. Shteamer, Hank (2019-01-14). "Jawbox Talk First Tour in More Than 20 Years: 'This Year Made Sense'". Rolling Stone (en inglés). Consultado o 2024-10-10. 
  14. Yoo, Noah (2019-01-14). "Jawbox Announce Reunion Tour". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2024-10-10. 
  15. "Anuncio en Facebook". www.facebook.com. Consultado o 2024-10-10. 
  16. "Jawbox Surprise Release First New Music In 26 Years". Stereogum (en inglés). 2022-07-08. Consultado o 2024-10-10.