Jesús Sancho Rof, nado en Madrid o 16 de decembro de 1940, é un político e profesor universitario español que foi ministro nos gobernos de UCD durante as presidencias de Adolfo Suárez e Leopoldo Calvo-Sotelo.
Con vínculos familiares en Galicia, é neto de Juan Rof Codina e sobriño de Juan Rof Carballo. É doutor en Ciencias Físicas pola Universidade Complutense de Madrid, da que foi Catedrático de Óptica e Estrutura da Materia.
Nos últimos anos do franquismo foi director xeral de Radiotelevisión Española (RTVE), substituíndo no cargo a Juan José Rosón. Restablecida a democracia foi director xeral de Política Interior e subsecretario do Interior, onde destacou como 'número dous' e home de confianza de Rodolfo Martín Villa, a quen o unía unha grande amizade dende a universidade.
Foi o fundador e líder da Federación Social Independiente, agrupación de corte socialdemócrata que remataría integrándose na Unión de Centro Democrático (UCD), e nas eleccións xerais de 1977 foi elixido deputado por este partido pola provincia de Pontevedra, repetindo nas eleccións de 1982 e nas de 1986, esta vez con Alianza Popular (AP).
En 1979 foi nomeado ministro de Obras Públicas e Urbanismo e prometeu a construción dun millón de pisos de protección oficial. Coa chegada ao poder de Leopoldo Calvo-Sotelo en 1981, foi nomeado ministro de Traballo, Sanidade e Seguridade Social, sendo impulsor do I Acordo Nacional de Emprego entre a CEOE, Comisións Obreiras, UGT e o Goberno. Deixou o cargo en 1981 en parte debido ás súas declaracións sobre a chamado síndrome tóxica, provocado por aceite de colza adulterado. Tres semanas despois da morte da primeira vítima producida polo aceite de colza declarou en TVE:
[El síndrome] es menos grave que la gripe. Lo causa un bichito del que conocemos el nombre y el primer apellido. Nos falta el segundo. Es tan pequeño que, si se cae de la mesa, se mata[1].
Predecesor: Joaquín Garrigues Walker |
Ministro de Obras Públicas e Urbanismo 6 de abril de 1979 - 28 de febreiro de 1981 |
Sucesor: Luis Ortiz González |
Predecesor: Félix Manuel Pérez Miyares |
Ministro de Traballo 1981 |
Sucesor: Santiago Rodríguez Miranda |
Predecesor: Alberto Oliart Saussol |
Ministro de Sanidade e Seguridade Social 1981 |
Sucesor: Manuel Núñez Pérez |