![]() ![]() | |
Nome orixinal | (es) José Manuel Couso Permuy ![]() |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | (es) José Couso Permuy ![]() 5 de outubro de 1965 ![]() Ferrol, España ![]() |
Morte | 8 de abril de 2003 ![]() Palestine Hotel, Iraq (en) ![]() ![]() |
Causa da morte | homicidio ![]() |
Educación | Universidade Complutense de Madrid ![]() |
Actividade | |
Ocupación | cámara, fotógrafo de guerra ![]() |
Empregador | Telecinco ![]() |
Familia | |
Cónxuxe | Lola Jiménez ![]() |
Irmáns | Javier Couso ![]() |
Parentes | Javier Couso, irmán ![]() |
Cronoloxía | |
8 de abril de 2003 | April 8, 2003 journalist deaths by U.S. fire (en) ![]() ![]() |
Premios | |
![]() ![]() ![]() |
José Couso Permuy, nado en Ferrol o 5 de outubro de 1965 e finado en Bagdad o 8 de abril de 2003, foi un cámara e reporteiro gráfico que morreu durante a invasión de Iraq de 2003 cando un carro de combate estadounidense disparou ó hotel no que se atopaba, o Hotel Palestina.
José Couso naceu nunha familia de tradición militar. Licenciouse en Ciencias da Información e Ciencias da Imaxe na Universidade Complutense de Madrid. Realizou varias tarefas para empresas como EFE ou Canal +, e traballou como cámara para a canle de televisión Telecinco durante oito anos, cubrindo noticias de relevancia como o secuestro do seu compañeiro Jon Sistiaga en Macedonia do Norte, os bombardeos de Bagdad de 1998, a guerra de Kosovo en 1999, diversas reportaxes no barco Hespérides na Antártida en 2001 ou reportaxe nas covas Lascaux (Francia), o incidente da illa Perexil e o verquido do Prestige no 2002[1].
Couso trasladouse a Iraq pouco antes do comezo da guerra de 2003, xunto a varios compañeiros dos informativos de Telecinco. De todos eles só quedaron dous en Bagdad: Jon Sistiaga como xornalista e José Couso como operador de cámara. O resto do equipo regresou a España poucos días antes do principio dos bombardeos.
O 8 de abril de 2003 José Couso encontrábase no Hotel Palestine de Bagdad, lugar onde se hospedaban numerosos xornalistas estranxeiros. Nese momento unha compañía da 3ª División de Infantaría do Exército estadounidense encontrábase loitando á outra beira do río Tigris, onde recibían fogo de morteiro e granadas propulsadas. Segundo o informe posterior realizado polo Mando Central dos Estados Unidos (CENTCOM), o fogo inimigo era dirixido por un observador que se encontraba na mesma beira do Tigris que o Hotel Palestine. Trala busca do presunto observador, un tanque M1 Abrams disparou o seu canón de 120 mm contra o hotel.[2] O proxectil do tanque impactou no piso 15, onde se aloxaba o equipo da axencia Reuters, resultando morto no acto o xornalista ucraíno Taras Protsyuk. José Couso encontrábase filmando no piso inferior, sendo ferido gravemente. Couso foi trasladado ó Hospital San Rafael de Bagdad, onde faleceu mentres era operado[3].
José Couso estaba casado e tiña dous fillos.
O Pentágono recoñeceu a autoría do ataque alegando que os soldados que dispararon contra o hotel, ó mando do sarxento Thomas Gibson, estaban respondendo a fogo inimigo.
Á morte do cámara sucedéronse varias manifestacións de repulsa ante as sedes diplomáticas dos Estados Unidos en España, e diferentes accións civís e xudiciais encamiñadas a resolver a culpabilidade dos implicados. A día de hoxe séguense realizando concentracións para pedir xustiza pola súa morte os días 8 de cada mes, fronte á embaixada estadounidense en Madrid.