(2024) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) José Antonio Kast Rist 18 de xaneiro de 1966 (58 anos) Santiago de Chile |
Deputado de Chile | |
11 de marzo de 2002 – 11 de marzo de 2018 | |
Datos persoais | |
Residencia | Paine (pt) |
Relixión | Catolicismo |
Educación | German School Santiago (en) Pontificia Universidade Católica de Chile - dereito |
Actividade | |
Campo de traballo | Dereito e política |
Lugar de traballo | Santiago de Chile |
Ocupación | avogado, político |
Empregador | Pontificia Universidade Católica de Chile Economical and Administrative Sciences Faculty, Pontifical Catholic University of Chile (en) |
Partido político | Partido Republicano (Chile) (pt) (2019–) político independente (2016–2019) Unión Demócrata Independente (1996–2016) |
Membro de | |
Movemento | Conservadorismo, Movimento antiaborto (pt) e antiglobalismo de dereita |
Familia | |
Familia | Familia Kast (en) |
Irmáns | Miguel Kast |
José Antonio Kast Rist, nado en Santiago de Chile o 18 de xaneiro de 1966, é un avogado e político chileno. Militante da Unión Demócrata Independente, primeiro, e, logo fundador do Partido Republicano, foi concelleiro, deputado e candidato á Presidencia de Chile en 2017 e 2021.
Os seus pais, Miguel Kast Schindele, veterano da segunda guerra mundial e membro do Partido Nazi,[1] e Olga Rist Hagspiel, emigraron a Chile dende Alemaña logo da segunda guerra mundial.[2] É o menor dos dez fillos da parella, a familia falaba en alemán no fogar.[3][4] Estudou no Colexio Alemán de Santiago e logo Dereito na Pontificia Universidade Católica de Chile, conseguindo ser avogado en 1990.[5] Fundou o bufete Kast, Pinochet, De la Cuadra y cia. en 1989, no que se mantivo ata 2002, e dende 1991 é avogado ante a Corte Suprema. Ademais, foi docente de dereito civil e comercial na Facultade de Ciencias Económicas e Administrativas da Universidade Católica de Chile.[6]
Varios dos seus irmáns ocuparon responsabilidades políticas. Destacan Miguel (1948-1983, ministro de Planificación e de Traballo, así como presidente do Banco Central de Chile durante o réxime de Pinochet) e Bárbara (concelleira en Paine).[7] Tamén é tío de Felipe e Pablo Kast, deputados da formación Evolución Política.
Declárase católico practicante e percente ao Movemento Apostólico de Schönstatt, como varios dos seus familiares.[3] Casou en 1991 con María Pía Adriasola, con quen tivo nove fillos.[8]
Sendo alumno universitario comezou a súa militancia política: candidato á presidencia da Federación de Estudantes, foi membro do Centro de Alumnos da Escola de Dereito, onde coñeceu a Jaime Guzmán, asesor do réxime de Augusto Pinochet, quen o convidou a militar na Unión Demócrata Independente (UDI). En 1988 participou nun anuncio de televisión da campaña polo "si" de cara ao plebiscito dese ano sobre a continuidade do xeneral Augusto Pinochet á fronte da xefatura do Estado.[9] O seu primeiro cargo público foi de concelleiro entre 1996 e 2000 na municipalidade de Buin na Rexión Metropolitana.
En 2001 foi electo por primeira vez deputado pola UDI representando o distrito 30 da Rexión Metropolitana de Santiago, sendo escollido sucesivamente ata 2014. Nesa convocatoria cambiou de distrito para ser electo por La Reina e Peñalolén, na cidade de Santiago de Chile. Durante estes anos, ademais de ser xefe do grupo da UDI en 2007, 2008 e 2011, logrou ser o secretario xeral do partido entre 2012 e 2014. En 2015 anunciou a súa intención de competir nas primarias do centro dereita contra Sebastián Piñera nas seguintes eleccións.[10] Finalmente acabou por deixar a UDI en 2016 alegando diferenzas coa dirección do partido, manténdose na Cámara de Deputados como independente.[11]
Presentouse ás eleccións presidenciais de 2017 sen o apoio dun partido político. Nun dos actos de campaña dixo defender "con orgullo a obra do goberno militar", en referencia ao réxime de Augusto Pinochet, e afirmou que as forzas de seguridade do Estado estaban sendo vítimas de persecucións.[12] Tamén se pronunciou contra o aborto e o matrimonio entre persoas do mesmo sexo.[13] Presentándose como o candidato máis á dereita do espectro político, logrou reunir o 7,9% dos votos,[14] aínda que pediu o voto por Sebastián Piñera na segunda volta.[15] O seu resultado foi o dobre do que estimaban as enquisas previas o que fixo que gañase grande notoriedade pública dende entón, sendo coñecido como "fenómeno Kast".[16][17]
Logo disto, en abril de 2018 fundou unha plataforma política, Acción Republicana,[18] e en decembro confesou a idea de presentarse ás eleccións presidenciais de 2021.[19] En 2019, fundou o Partido Republicano e en xullo de 2021 proclamou a súa candidatura á xefatura do Estado.[20][21] Foi moi crítico coa xestión do presidente Piñera en xeral e no relativo ás multitudinarias protestas de 2019 e o aumento da inseguridade na Araucanía en particular.[22][23] Tamén votou contra a reforma da Constitución que se someteu a plebiscito en outubro de 2020, opción que sería derrotada.[24][25]
Foi gañando apoios ata ser un dos favoritos para as eleccións de novembro de 2021, cando tivo lugar a primeira volta. Presentouse pola Fronte Social Cristiá, unha coalición formada polo seu Partido Republicano e o Partido Conservador Cristián. Durante a campaña, Kast incidiu na súa defensa da orde pública e dos valores tradicionais, así como no endurecemento da política de inmigración e un programa económico centrado no control da inflación e redución do peso do Estado.[26][27][28] Acadou a primeira posición co 27,92% dos votos, mentres que o candidato da esquerda, Gabriel Boric, logrou quedar na segunda posición co 25,83%.[29] José Antonio Kast triunfou tamén na maior parte das rexións, ao gañar en Arica e Parinacota, Tarapacá, O'Higgins, Maule, Ñuble, Biobío, Araucanía, Los Ríos, Los Lagos e Aysén.[30] Destaca entre elas o resultado da Araucanía onde sumou o 42,6% dos votos fronte o 16,6% de Boric, onde se considera que rentabilizou a súa retórica dura contra a conflitividade mapuche.[31]
Os resultados supuxeron un troco importante en Chile, pois por primeira vez dende a fin do réxime de Pinochet os candidatos de centro dereita e centro esquerda non foron quen de pasar á segunda volta.[32] De cara a ela, que se celebrará o 19 de decembro, Kast obtivo o apoio das forzas do centro-dereita chileno.[33][34][35]
Durante a campaña da segunda volta fixo unha viaxe aos Estados Unidos mantendo unha reunión co senador estadounidense Marco Rubio e fixo fronte ás revelación de que seu pai, Michael Kast, fora militante nazi.[1] Aínda que durante anos, José Antonio Kast negara esa vinculación, a principios de decembro varios medios publicaron o carnet de afiliación do proxenitor de Kast no que se sinalaba que se integrara en 1942 no Partido Nacionalsocialista Alemán.[36]
No serán do 19 de decembro de 2021, antes dunha hora e media logo do peche dos colexios electorais, José Antonio Kast recoñeceu a súa derrota fronte Gabriel Boric.[37][38] Kast sumou o 44,13% dos votos fronte o 55,87 de Gabriel Boric, que foi electo xefe do Estado co maior número de votos ata ese momento.[39] En xaneiro de 2022 comunicou a súa renuncia á presidencia do Partido Republicano, anunciando que centraría o seu traballo na Acción Republicana, unha plataforma aliñada con posicións políticas e sociais de dereitas.[40]
A súa formación política, o Partido Republicano é cualificado como "populista".[41] Malia a que el se autodefine como de "dereitas",[42] José Antonio Kast é catalogado como "ultradereitista" e de "extrema dereita" pola maioría de analistas.[26][43][44] Cualificou a vitoria de Jair Bolsonaro como "a esperanza" do Brasil,[45] tamén aprobou o indulto a Alberto Fujimori no Perú.[46] Cultivou relacións cordiais con forzas ultraconservadoras como Vox en España e outros membros do partido de Conservadores e Reformistas Europeos.[47][48]
É considerado como moi próximo ao pinochetismo,[49][50] ao que algúns dos membros do seu movemento están moi vencellados ou sobre o que se manifestaron a favor.[51][52][53] José Antonio Kast non se considera pinochetista, aínda que valora positivamente o goberno militar entre 1973 e 1990, e tamén en, 2020, aprobou o golpe de Estado do 11 de setembro de 1973 contra Salvador Allende.[54] Aínda así, non nega a existencia de violacións de dereitos humanos durante ese período.[55] Por estas posicións, durante a campaña da segunda volta de 2021, un grupo de persoeiros políticos e intelectuais de todo o mundo asinaron unha proclama na que cuestionaban a relación de José Antonio Kast co pinochetismo. Entre os asinantes destacan Noam Chomsky, Naomi Klein, Yanis Varoufakis, Ada Colau e o galego Antón Gómez-Reino.[56]
Acusado de homofobia en diversas ocasións, rexeita esa cualificación,[57] aínda que afirma que existe unha "ditadura gai" que intenta dirixir Chile.[58] Tampouco é favorable ao matrimonio entre persoas do mesmo sexo, algo que si apoian algúns partidos do centro dereita chileno, razón polo que na campaña da segunda volta afirmou que se é aprobado polo parlamento, non impediría a súa ratificación.[59] Tamén, como deputado, expresou as súas reservas coa a lexislación sobre persoas transxénero e os anticonceptivos.[60] Ademais, é contrario ao aborto e á súa autorización parcial en Chile.[61][62]
Durante a campaña de 2021 tamén houbo controversia por se Kast era negacionista do cambio climático e sobre as súas propostas enerxéticas e medioambientais.[63] Posteriormente, afirmou que non nega o cambio climático e que está en contra da construción de novas centrais termoeléctricas, contradicindo o seu propio programa electoral.[64][65]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: José Antonio Kast |