Naya | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | José Antonio Naya Mella | ||
Nacemento | 30 de abril de 1934 (90 anos) | ||
Lugar de nacemento | A Coruña | ||
Posición | Centrocampista e dianteiro | ||
Carreira xuvenil | |||
Imperátor OAR | |||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1952–1954 | Xuvenil | ||
Adestrador | |||
Júpiter Leonés | |||
Cultural Leonesa | |||
1965–1966 | Hullera | ||
1967–1968 | Alcalá | ||
1969–1970 | Toledo | ||
1970–1971 | Real Madrid Afeccionados | ||
1970–1972 | Cádiz | ||
1972–1973 | Getafe Deportivo | ||
1973–1974 | Ourense | ||
1974–1975 | Burgos CF | ||
1975–1976 | Deportivo da Coruña | ||
1976–1977 | Murcia | ||
1977–1979 | Levante | ||
1979–1980 | Recreativo | ||
1981–1982 | Linares | ||
1982–1983 | Castellón | ||
1984 | Alavés | ||
1984–1985 | Granada | ||
1987 | Xerez | ||
1989–1990 | Real Burgos | ||
1990–1991 | Sabadell | ||
1991–1992 | Murcia | ||
1993–1994 | Cádiz | ||
1995 | Ourense | ||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
José Antonio Naya Mella, nado na Coruña o 30 de abril de 1934, é un exmilitar e exadestrador de fútbol galego. De estilo férreo e intransixente,[1][2] adestrou unha vintena de equipos, entre eles o Deportivo da Coruña e o desaparecido Ourense. O seu maior éxito deportivo foi o ascenso á Primeira División co Real Burgos na tempada 1989/90.
Fillo de Julio Naya García e Mercedes Mella Sabín, naceu na praza Fonte Luisa da Coruña o 30 de abril de 1934.[3] Xogou no Imperátor OAR e no Xuvenil e aos 18 anos marchou a Madrid para ingresar no Exército do Aire. Destinado en León, obtivo o título de preparador físico, e máis tarde os de adestrador rexional e nacional.[3]
Adestrou ao Júpiter Leonés, filial da Cultural Leonesa, e tamén o primeiro equipo, pasando logo polo Hullera, o Alcalá, o Toledo, o Real Madrid Afeccionados e a selección de Castela.[1][2] En febreiro de 1972 debutou na Segunda División, ao coller as rendas do Cádiz, polo que xa pasaran varios adestradores esa tempada. Estivo á fronte do equipo andaluz durante as últimas 15 xornadas, e conseguiu o obxectivo da permanencia.[1] Na seguinte tempada fichou polo Getafe Deportivo, da Terceira División, que no momento da súa chegada levaba só un punto en dez xornadas. Finalmente conseguiu salvar o equipo do descenso.[1][2]
En decembro de 1973 regresou a Galicia para adestrar o Ourense, trala destitución de León Lasa.[4] O equipo ocupaba a penúltima praza (19ª) naquel momento, pero acabou a tempada 12º, fóra dos postos de descenso e de promoción de permanencia.[5] Con todo, non continuou no equipo, fichando na tempada seguinte polo Burgos, que viña de salvarse do descenso na promoción. Liderado no ataque polo galego Machicha, e grazas tamén aos goles de Juanjo e Juanito, o equipo acabou noveno.
Na tempada 1975−76 adestrou o Deportivo da Coruña en Segunda División. O equipo liderou a táboa durante varias xornadas, pero unha serie de malos resultados fixérono caer ata a quinta praza, a un punto dos postos de ascenso, na xornada 32, motivo polo que Naya foi cesado e substituído por Cheché Martín.[6]
Tras un breve paso polo Murcia, foi contratado en decembro de 1977 polo Levante, que militaba na Segunda División B, como substituto de Vicente Dauder. O equipo estaba 12º e acabou 4º con Naya no banco, polo que foi renovado para a tempada 1978/79. Despois dun inicio irregular, a partir da xornada 15 o Levante non baixou da segunda praza, e acabou primeiro e obtendo o ascenso a Segunda. Nos seguintes anos adestrou en Segunda División a Recreativo de Huelva, Linares, Castellón, Granada e Xerez, e en Segunda B ao Alavés.[7][8]
En 1989 regresou a Burgos, para facerse cargo do Real Burgos, sucesor do desaparecido equipo que adestrara nos anos 70. Cun cadro de xogadores no que estaban entre outros Bastón, Portela, Ribera, Tocornal, Manolo Peña, Magdaleno ou Jurić, o Burgos acabou campión de Segunda, e logrou o primeiro ascenso á máxima categoría da súa historia.[9] Naya deixou o club ao remate da tempada, e adestrou a continuación a Sabadell, Murcia e Cádiz.[10][11]
En xaneiro de 1995 volveu ao banco do Ourense, cabeiro da Segunda División, substituíndo a Antoni Teixidó. Tras só seis xornadas, nas que só puido sumar catro puntos, e despois de protagonizar enfrontamentos con algúns xogadores, foi cesado e substituído por José Mario Guede.[12]
Levante
Real Burgos