José de Ribas y Boyons (en catalán: Josep de Ribas i Boyons), nado en Nápoles, Reino de Nápoles, o 6 de xuño de 1749 (na súa tumba figura 1750) e finado en San Petersburgo, Rusia, o 2 de decembro de 1800, foi un mariño hispano–ruso que chegou a almirante da Armada rusa, na que foi coñecido coma Osip Mikhailovitch Deribas. Foi o fundador da cidade de Odesa (actual Ucraína).
Naceu na capital do Reino de Nápoles (vinculado dinásticamente ao de España) no seo dunha familia nobre procedente de Cataluña (España). O seu pai, o barcelonés Miguel de Ribas, trasladárase ao país ao servizo da dinastía entronizada logo da Guerra de Sucesión Española.
Ingresou no exército napolitano aos 16 anos. Aos vinte, xa maior do exército, deu un xiro a súa vida cando foi presentado ao Conde Aleksei Orlov, irmán do amante da tsarina Catarina a Grande, que o tomou ao seu servizo como axudante e intérprete. Durante a súa viaxe cara a Rusia, participou na batalla naval de Chesme, onde a frota rusa destruíu á otomá.
Chegou a Rusia no 1772 e alistouse no Corpo de Cadetes de Terra, co rango de capitán. O feito de que sempre se considerara español quedou de manifesto no documento de inscrición do corpo, onde se lle nomea como iz ispánskij dvorián ou "membro da nobreza española". En San Petersburgo tomou contacto co Ministro de construcións da tsarina Catalina, Iván Ivánovich Betskói e a súa filla ilexítima Anastasia Ivanovna Sokolovskaia, coa que casaría tres anos despois. A voda celebrouse no pazo de Tsarskoe Selo, coa presenza da tsarina, que máis tarde amadriñaría as dúas fillas do matrimonio, Sofía e Anna.
No 1783, máis de nove anos despois da súa chegada a San Petersburgo, entrou ao servizo do novo favorito da tsarina, o Príncipe Grigorii Potemkin, co que viaxou cara ao sur de Ucraína. Ascendido a coronel e máis tarde a brigadier, axudou a Potemkin a conquistar para Rusia a península de Crimea, a construír a nova Frota do Mar Negro e o seu porto base, Sebastopol. Reanudada a guerra con Turquía, tivo unha salientable actuación na batalla naval do estuario do Dnieper, grazas á cal lle foi concedido o mando da nova flotilla de remos do Mar Negro, a metade dos seus efectivos estaba composta por cosacos. Con estes homes participou no asedio á fortaleza de Ochakov, tomando a illa de Berezán, o que lle valeu o ascenso a xeneral maior.
No outono do 1789 iniciou unha operación nocturna, durante a cal tomou a vila de Hadjibei e mais a fortaleza costeira de Yení Dunyá. Ribas era consciente das posibilidades desta baía para a construción dun porto militar, que máis tarde daría lugar á cidade de Odesa.
Ao ano seguinte tivo lugar o seu meirande triunfo, ao conseguir a toma da fortaleza de Ismail, que fora reforzada por enxeñeiros franceses e alemáns, considerándose inexpugnable. Ribas levou a súa flotilla a través da desembocadura do Danubio e remontou o río deica a fortaleza, deixando no seu camiño máis dun cento de naves turcas desfeitas ou capturadas. Crendo na posibilidade de tomala ao asalto, efectuou un plan para logralo. Porén, o consello presidido polo tenente xeneral Gudóvich decidiu levantar o cerco e retirarse. Ribas enviou cartas a Potemkin que lle convenceron de enviarlle o seu camarada de armas, o xeneral Suvorov. Coa súa axuda asaltaron a fortaleza, tomándoa nunha das maiores masacres do século, o que lle valeu ser considerado parte do selecto círculo das Aguias de Catalina.
No 1792 asinou o Tratado de Jassy como un dos tres plenipotenciarios enviados por Potemkin ante o Imperio Otomán para acadar a paz. Nel cedíase a Rusia toda a ribeira norte do Mar Negro. Ribas foi nomeado contraalmirante e logo vicealmirante, co que puxo fin á insólita situación dun mando do exército de terra á fronte da frota. Nun decreto persoal, Catalina encomendoulle a construción do que chegaría a ser Odesa, o que faría no tempo récord de dous anos.
Á morte da emperatriz Catarina e o acceso ao trono do seu fillo Paulo I, Ribas foi chamado por este a San Petersburgo para ser sometido a proceso por supostas malversacións na fundación de Odesa. Na capital, Ribas logrou a confianza do Tsar, polo que os cargos foron desestimados e as súas propiedades e honras, restituídas. Foi ascendido a almirante, sendo máis tarde vítima de conspiracións palacianas co que foi apartado dos seus cargos en marzo de 1800. A raíz desta destitución, contactou cos círculos de descontentos da errática política de Paulo I e conspirou, xunto co vicechanceler Nikita Panin e o gobernador de San Petersburgo Piotr Alekseievich Von Palen para dar un golpe de estado que puxera no poder ao gran príncipe Alexandre, o herdeiro; pero estes plans foron frustrados pola enfermidade que lle producira unhas febres crónicas contaxiadas en campaña, falecendo o 2 de decembro do 1800. Moitas fontes coinciden en manifestar que foi envelenado por Von Palen, crendo que no seu delirio revelaría os plans golpistas.
A rúa principal de Odesa foi rebautizada coma Deribásovskaya na súa honra.
A Galipedia ten un portal sobre: Rusia |