Nome orixinal | (es) Juan Bautista Maino |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 15 de outubro de 1581 (Gregoriano) Pastrana, España (pt) |
Morte | 1 de abril de 1649 (67 anos) Madrid, España |
Actividade | |
Lugar de traballo | Madrid |
Ocupación | pintor, relixioso cristián |
Movemento | Barroco |
Orde relixiosa | Orde dos Predicadores |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron |
Frei Juan Bautista Maíno, Maino ou Mayno, nado en Pastrana (provincia de Guadalaxara), bautizado o 15 de outubro de 1581 e finado en Madrid o 1 de abril de 1649,[1] foi un pintor español do Barroco.
Os seus pais foron un comerciante de panos milanés e unha nobre portuguesa que estiveron ao servizo da duquesa de Pastrana, a famosa Princesa de Éboli.
Algúns críticos pensan que Maíno aprendeu con El Greco, pero non puido demostrarse documentalmente; o feito é que se formou en Italia, onde pasou os anos que van de 1600 a 1608 e onde coñeceu a pintura de Caravaggio, do seu discípulo Orazio Gentileschi, de Guido Reni e de Annibale Carracci.
En 1608 regresa a Pastrana, onde dá a coñecer un estilo que bebe do clasicismo boloñés, do naturalismo e do tenebrismo nunha Trindade pintada para o altar lateral do Mosteiro de Concepcionistas Franciscanas do lugar.
En marzo de 1611 instálase en Toledo e en 1612 pinta para os dominicos o Retablo das catro Pascuas, agora no Museo do Prado, seica a súa obra máis coñecida. Son especialmente reseñables os lenzos da Adoración dos Reis Meigos e A Adoración dos pastores, de formato vertical.
O 20 de xuño de 1613, Maíno ingresou na Orde de Santo Domingo e viviu no seu mosteiro de San Pedro Mártir. Iso reduciu a súa actividade artística, aínda que a esta época pertence outra Adoración dos pastores actualmente no Ermitage de San Petersburgo. Este tema bíblico foi tratado varias veces por Maíno; outra versión se garda no Museo Meadows de Dallas.
Filipe III chamouno á Corte en 1620 para que fose mestre de debuxo do futuro Filipe IV, xa que era famoso nesta disciplina que aprendeu en Italia e desenvolveu logo en Toledo. Por entón Maíno trabou amizade con Diego Velázquez, a quen protexeu; elixiulle nun concurso público para pintar o tema da expulsión dos mouriscos. Este cadro afianzou a posición do novo Velázquez na corte madrileña, aínda que tristemente non se conserva pois resultou destruído no incendio do Alcázar de Madrid de 1734.
Maíno morreu no convento de Santo Tomás de Madrid, en 1649. Un dos seus discípulos parece foi Juan Ricci.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Juan Bautista Maíno |