(2019) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 17 de febreiro de 1914 Carolina, Estados Unidos de América (pt) |
Morte | 6 de xullo de 1953 (39 anos) Nova York, Estados Unidos de América |
Causa da morte | pneumonía |
Educación | Universidade de Porto Rico University High School (en) |
Actividade | |
Campo de traballo | Poesía, acción política, xornalismo e engajamento cívico (pt) |
Lugar de traballo | Porto Rico |
Ocupación | poetisa, xornalista, mestre de educación primaria, activista política, dramaturga, escritora, xornalista radiofónica |
Partido político | Partido Nacionalista de Porto Rico (pt) |
Descrito pola fonte | Latinas in the United States: A Historical Encyclopedia American Women Writers Dictionary of Caribbean and Afro–Latin American Biography |
Julia Constancia Burgos García, nada en Carolina, Porto Rico o 17 de febreiro de 1914 e finada o 6 de xullo de 1953, coñecida como Julia de Burgos é considerada por moitos críticos como a máis excelsa poeta nada en Porto Rico. Foi tamén partidaria da independencia da illa. Os seus pais foron Consuelo García e Juan de Burgos.[1]
Julia de Burgos criouse en Santa Cruz, aldeíña humilde da localidade de Carolina. Isto non a privaría de desenvolver o seu amor pola natureza e polo seu país. Sendo a maior de todos, foi a primeira -de trece irmás e irmáns- en cursar estudos universitarios.
Obtivo o seu título de mestra na Universidade de Porto Rico aos 19 anos de idade, pero o seu amor pola literatura levouna a escribir poesía. Posibles influencias na súa obra serían Luís Llorens Torres, Luís Pales Matos, Clara Lair, Rafael Alberti e Pablo Neruda. Tamén foi mestra na escola elemental Rosa Luz Zayas Cruz, no Sector Feijoo, do Barrio Cedro Arriba en Naranjito.[2]
En 1936 uniuse a "Hijas de la libertad", rama feminina do Partido Nacionalista de Porto Rico.[3] Este grupo político, liderado por Pedro Albizu Campos, promovía o ideal de independencia.[4]
Burgos publicou tres coleccións de poemas. Para os seus dous primeiros libros viaxou pola illa, dándose a coñecer e organizando os seus propios recitais. O seu terceiro libro foi publicado postumamente en 1954.
Casou con Rubén Rodríguez Beauchamp, e novamente —en 1944, en Nova York— con Armando Marín, pero o seu grande amor foi o historiador, médico e político dominicano Juan Isidro Jimenes Grullón, neto do extinto presidente dominicano Juan Isidro Jimenes. Este amor inspiraríalle moitos dos seus poemas. Pero o seu ánimo foi baixando e caeu no alcoholismo. O 6 de xullo de 1953 esvarouse sobre unha beirarrúa neoiorquina e morreu de pulmonía, nun hospital do barrio de Harlem, Nova York, á idade de 39 anos. Debido a que ninguén reclamou o seu corpo, e a que non levaba ningunha identificación, a cidade enterrouna baixo o nome de "Jane Doe". Algúns dos seus amigos, que foron capaces de rastrexala e atopar a súa tumba, reclamaron o seu corpo. Os seus restos foron enviados a Porto Rico. Foi solemnemente enterrada en Carolina e elevouse un monumento no lugar do enterro.[4]
Entre os traballos destacados de Julia de Burgos atópanse: "Río Grande de Loíza", "Poema para mi muerte", "Yo misma fui mi ruta", "Alba de mi silencio" e "Alta mar y gaviota".[5]
Viviu dous anos en Cuba, que quedan rexistrados na correspondencia da poeta coa súa irmá.[6] Na Habana estudou grego, latín e francés.
Julia de Burgos, ademais de mostrar o sentimento de amor nos seus poemas, tamén estimulou nas mulleres a liberación feminina. Julia de Burgos fomentou no seu tempo a verdadeira muller portorriqueña a través dos seus poemas, onde plasmou os problemas das mulleres do seu país. Cunha voz de rebeldía e feminista, escribiu obras que ían en contra da norma da sociedade e os convencionalismos da súa época. Obras moi estudadas por Julia de Burgos foron destacadas polo gran contido feminista que trae nos seus versos. Un exemplo dunha obra moi estudada: "Yo misma fui mi ruta", que trata sobre a liberación feminina. Neste poema De Burgos móstrase decidida a ser ela quen manexe a súa vida. Aquí exprésase en desacordo cos mandatos da sociedade. Este poema exhortou ás mulleres da xeración do 30 -quen se achaban nunha loita de poder polos seus dereitos- que tivesen conciencia de tres factores moi importantes: o seu potencial como muller, o manexo das súas propias vidas e non sentirse inferiores.[4]
O 19 de febreiro de 1987, o Departamento de Español do Recinto de Humacao da Universidade de Porto Rico homenaxeouna concedéndolle un póstumo doutoramento Honoris Causa en Letras e Humanidades. A proclamación foi presentada á súa sobriña, María Consuelo Sáez Burgos.[7]
A cidade de San Juan homenaxeou a súa memoria nomeando escolas e avenidas no seu nome. Existe tamén en San Juan a "Casa Protectora Julia de Burgos", que protexe a mulleres sobreviventes de violencia doméstica, e o Museo de Artes y Ciencias Julia de Burgos.
A cidade de Nova York homenaxeouna tamén cun "Centro Latino Julia de Burgos" en Manhattan e un "Centro de Arte Julia de Burgos" en Harlem, próximo ao lugar da súa morte. A poeta neoiorquina Giannina Braschi homenaxeou a Julia de Burgos na súa celebrada novela bilingüe Yo-Yo Boing! e Tomas Batista esculpiu un busto dela, que adorna o Parque Julia de Burgos en Carolina.[7]