Biografía | |
---|---|
Nacemento | 14 de maio de 1947 (77 anos) Múnic, Alemaña |
Actividade | |
Ocupación | escultor, debuxante, artista de instalacións, fotógrafo, pintor, profesor universitario, artista visual |
Empregador | Kunstakademie Düsseldorf (en) |
Familia | |
Cónxuxe | Annette Holzmann |
Premios | |
Sitio web | jurgenpartenheimer.com |
Jürgen Partenheimer, nado en Múnic o 14 de maio de 1947, é un artista alemán. Está considerado como un dos artistas máis singulares e importantes do panorama da arte contemporánea alemá.
A obra de Jürgen Partenheimer, xurdida na Alemaña ao comezo dos anos 80, revela unha profunda experiencia do artista en actividades que inclúen a pintura, o debuxo, a escultura, e tamén a teoría e a prosa como a súa forma de expresión artística. O seu traballo distínguese polo seu carácter abstracto, que expresa en aparencia un estado de inconsistencia, e que pon en cuestión as certidumbres preconcibidas do espectador. A singularidade de Partenheimer estriba no seu afastamento de calquera forma de expresionismo, no seu empeño en avanzar fóra dos camiños trillados, e na súa capacidade para conciliar un proxecto formal de raíz construtiva e postminimalista, e unha intensidade poética que lle fai preferir o leve ao ampuloso e o sutil ao evidente. Interesa tamén subliñar que Partenheimer é un artista que non considera que sexa posible traballar, hoxe, sen atender tamén ao ámbito da reflexión teórica.
Partenheimer celebrou numerosas exposicións en prestixiosos museos internacionais. Entre as súas aparicións públicas destacan entre outros as exposicións colectivas no MOMA, Museo de Arte Moderna, Nova York; o Metropolitan Museum, Nova York; a Galería Nacional de Washington; Museo de Arte Contemporánea, San Francisco; Singapore Art Museum, Singapur; Galería de Arte Moderna, Lisboa; Galería Nacional de Berlín; Fundación Joan Miró, Barcelona; Museo Ludwig, Colonia; a súa presenza na Bienal de Venecia, a Bienal de París e a Bienal de São Paulo, Brasil e importantes exposicións individuais na Galería Nacional de Berlín (1988), na Kunsthalle Hamburgo (1990), no Gemeentemuseum da Haia e Städelesches Kunstinstitut de Frankfurt (1993), no Stedelijk Museo en Ámsterdan (1997), no IVAM en Valencia (1998), na Staatliche Kunsthalle Karlsruhe (1999), no Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela e no Palacete do Embarcadoiro de Donostia (1999), no Haags Gemeente Museum, A Haia (2000) as súas dúas retrospectivas na Galería Nacional de Pequín e no Museo de Nanking (2000) representando a Alemaña a arte contemporánea pola primeira vez dende 1945 na China e as súas grandes exposicións no S.M.A.K. Gante (2002), no Museum am Ostwall Dortmund (2003) e na Pinacoteca do Estado, São Paulo (2004 e 2007).
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Jürgen Partenheimer |