Biografía | |
---|---|
Nacemento | 14 de xullo de 1771 Estocolmo, Suecia |
Morte | 29 de novembro de 1832 (61 anos) Berlín |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Reino de Prusia |
Educación | Universidade de Greifswald (pt) Universidade de Gotinga Universidade de Jena |
Director de tese | Christian Ehrenfried Weigel |
Actividade | |
Campo de traballo | Zooloxía e botánica |
Ocupación | biólogo , anatomista , fisiólogo , parasitólogo , botánico , zoólogo , profesor universitario , helminthologist (en) |
Empregador | Universidade de Greifswald (pt) Universidade Humboldt de Berlín |
Membro de | |
Alumnos | Friedrich Gustav Jakob Henle |
Lingua | Lingua latina |
Obra | |
Doutorando | Johannes Peter Müller |
Abreviación dun autor en botánica | Rudolphi |
Arquivos en | |
Familia | |
Fillos | Julia Rudolphi (en) |
Premios |
Israel Karl (ou Carl) Asmund (ou Asmunt, ou Asmus) Rudolphi, nado o 14 de xullo de 1771 en Estocolmo, e finado o 29 de novembro de 1832 en Berlín, foi un botánico e zoólogo alemán de orixe sueca.
Está considerado como o "pai" da helmintoloxía.
O seu pai era un mestre de escola e pastor protestante, en Stralsund, Pomerania, que naquela época pertencía á coroa sueca.
Rudolphi realizou os seus estudos na Universidade de Greifswald onde obtivo o doutoramento en filosofía en 1793.
Posteriormente estudou medicina na Universidade de Jena, e despois nas de Dresde, Erlangen e Göttingen.
Defendeu a súa tese de doutoramento, co título en francés, Sur les vers intestinaux, na Universidade de Greifswald.
En 1801, despois de dar clases na Escola de Veterinaria de Berlín, foi designado profesor no Instituto Veterinario de Greifswald, para, en 1808, obter a cátedra de Anatomía e Fisioloxía na Universidade Humboldt de Berlín.
En 1810 Rudolphi fundou o "Museo de Zooloxía de Berlín" que chegaría a ser, baixo o nome de Humboldt-Universität zu Berlin Museum für Naturkunde, un dos máis grandes do mundo.
Rudolphi contribuíu en numerosos dominios da historia natural e da bioloxía, especialmente en parasitoloxía, en anatomía e en fisioloxía. Foi o primeiro en describir os nematodos en Enterozoorum, Sive Vermium Intestinalium Historia Naturalis (1808-1810) seguindo con Entozoorum Synopsis (1819).
Un dos seus libros máis célebres foi o Grundriss der Physiologie, cuxa primeira versión aparece en 1821 e que melloraría até a fin da súa vida. Neste texto afirmaba que as razas humanas deben ser consideradas como especies, o que constituíu un soporte teórico de base do racismo científico alemán e escandinavo.
Será Johannes Peter Müller (1801-1858) quen o suceda na cátedra de Fisioloxía e Anatomía da Universidade de Berlín.
En 1816 foi elixido como membro estranxeiro da Real Academia das Ciencias de Suecia.
Botánica: A abreviatura Rudolphi emprégase para indicar a Karl Asmund Rudolphi como autoridade na descrición e clasificación científica dos vexetais.
Zooloxía: A abreviatura Rudolphi emprégase para indicar a Karl Asmund Rudolphi como autoridade na descrición e taxonomía en zooloxía.