Nome orixinal | (ja) 契沖 |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 1640 Amagasaki, Xapón |
Morte | 4 de marzo de 1701 (60/61 anos) Enju-an, Xapón (en) |
Relixión | Budismo |
Actividade | |
Ocupación | lingüista, poeta, escritor |
Obra | |
Obras destacables |
Keichū (xaponés: 契沖), nado o 25 de febreiro do 1640 e finado o 3 de abril do 1701, foi un monxe budista xaponés e erudito da escola kokugaku de mediados do período Edo.[1][2] O máis importante pensador da kokugaku, Motoori Norinaga, consideraba a Keichū o fundador desta tradición intelectual.[3]
Keichū naceu en Amagasaki, o terceiro dos oito fillos da familia Shimokawa.[3] O seu avó foi un servo de Katō Kiyomasa, mais o pai foi un rōnin do feudo de Amagasaki. A pesar da decadencia familiar, a súa nai ofreceulle unha educación rigorosa.[2] Aos once anos, Keichū abandonou a casa familiar para ingresar na seita Shingon, estudando en Myōhōji, Imasato e Osaca.[1][2][3] Tras rematar a súa formación, obtivo un posto de ajari ou mestre no templo do monte Kōya, e logo foi sacerdote superior no Mandara-in de Ikutama, Osaca.[1][3] Durante este período, fíxose amigo do poeta e estudoso Shimonokōbe Chōryū (1627-1686).[3]
Con todo, Keichū estaba descontento coas súas obrigas monacais e, tras unha viaxe pola rexión de Kinki, regresou ao monte Kōya.[1] Despois, serviu como sacerdote superior no templo Myōhōji. Keichū pasou os seus últimos anos en Enju'an, na provincia de Settsu.[3]
Moi influenciado polo pensamento de Kūkai, tamén estudou os clásicos xaponeses baixo a tutela de Fushiya Shigetaka, un patrón das artes da provincia de Izumi.[1][4] A súa prolífica obra estableceu un novo estándar para o estudo dos clásicos, fundamentado en traballos anteriores sobre a materia.[4]
Cando o daimyō de Mito, Tokugawa Mitsukuni, decidiu patrocinar unha nova edición do Man'yōshū, encargou o traballo a Shimonokōbe Chōryū, discípulo do grande poeta e erudito Kinoshita Chōshōshi (1569-1649).[5] Porén, tras falecer por unha enfermidade, a obriga recaeu sobre o seu amigo Keichū, que fora recomendado polo propio Shimonokōbe Chōryū.[3][5]
O resultado foi o Man'yō Daishōki 万葉集大匠記 ("Gran rexistro do Man'yōshū", 1687-1690), unha obra moi influente entre os autores da kokugaku.[3][6] En particular, destacou por aplicar os métodos da filoloxía chinesa, combinados cun ríxido empirismo.[7] Tamén empregou esta metodoloxía hermenéutica para elaborar unha crítica filolóxica do budismo, ensalzando o shintō como a relixión indíxena do Xapón.[7]
De xeito similar, o seu Waji shōranshō 和字正濫鈔 ("Tratado sobre o modo apropiado de escribir as palabras xaponesas", 1695) puxo en dúbida as convencións ortográficas tradicionais, establecidas por Fujiwara no Teika.[3][4] Ademais, ofreceu unha nova interpretación sobre o uso dos kana nos textos antigos.[3]
Tamén escribiu o Kōganshō 厚顔抄 (1691), o Kokin yozaishō 古今余材抄 ("Restos materiais das épocas antiga e moderna"), o Seigo okudan 勢語臆断 ("Conxeturas sobre os Contos de Ise), o Genchū shūi 源註拾遺 ("Notas complementarias sobre a orixe") e o Hyakunin isshu kaikanshō 百人一首改観抄 ("Unha nova mirada sobre o Hyakunin isshu").[1]