Biografía | |
---|---|
Nacemento | 3 de marzo de 1898 Buenos Aires, Arxentina |
Morte | 24 de setembro de 1945 (47 anos) Nova York, Estados Unidos de América |
Lugar de sepultura | camposanto de San Isidro |
Actividade | |
Ocupación | bailarina de ballet, coreógrafa, cupletista |
Período de actividade | 1969 - |
Encarnación López Júlvez, nada en Buenos Aires o 3 de marzo de 1898 e finada en Nova York o 24 de setembro de 1945, coñecida artisticamente como La Argentinita, foi unha bailarina, coreógrafa, compositora e bailaora de flamenco hispanoarxentina, irmá da tamén bailarina e coreógrafa Pilar López Júlvez. Foi recoñecida en vida como a máis alta expresión do flamenco do seu tempo.[1]
López Júlvez era filla de inmigrantes españois na Arxentina, onde o seu pai tiña un negocio de tecidos. Mentres vivía alí, dous dos seus irmáns morreron nunha epidemia de escarlatina. En consecuencia, levárona á costa norte de España en 1901, onde comezou a aprender danzas rexionais españolas.[2] Con só catro anos comezou a aprender flamenco con Julia Castelao. A súa primeira actuación pública foi aos oito anos no Teatro-Circo de Donostia. Escolleu o nome de La Argentinita como homenaxe á famosa bailarina de flamenco Antonia Mercé (La Argentina).[3] Despois de viaxar por toda España como nena prodixio, estableceuse en Madrid para actuar no Teatro La Latina, no Teatro de la Comedia, no Teatro de La Princesa, no Teatro Apolo e no Teatro Príncipe Alfonso.
O seu éxito levouna a facer xiras por Barcelona, Portugal e París e despois por Latinoamérica. A principios dos anos 20 regresou a España, onde traballou en Madrid. Entre as súas primeiras actuacións atopouse a estrea en 1920 da obra musical de Federico García Lorca El maleficio de la mariposa como "bolboreta". Anunciou a súa retirada en 1926, mais regresou rapidamente ao negocio do espectáculo como parte da renovación artística que a uniu á Xeración do 27, en que combinou flamenco, tango, bulerías e boleros. Bailou composicións de Manuel de Falla, Joaquín Turina, Isaac Albéniz, Enrique Granados e Maurice Ravel.[4] Axudou no desenvolvemento do Ballet Español.[5] Adaptando pezas á tradición popular, fixo unha xira por Europa, triunfando en París e Berlín e participando nos movementos artísticos daquela época xunto a poetas españois como Rafael Alberti, Federico García Lorca, Edgar Neville e Ignacio Sánchez Mejías. Sánchez Mejías, intelectual e toureiro, era home casado e o seu amante. La Argentinita retirouse por segunda vez para manter a súa relación con el clandestina. Non obstante, regresou aos escenarios coa axuda de Sánchez Mejías, que participou na busca e no emprego de intérpretes para as súas actuacións posteriores.
En 1931, López Júlvez e Lorca gravaron cinco discos de lousa de gramófono, que ían acompañados do piano de García Lorca. A selección de cancións foi preparada, adaptada e titulada Colección de Canciones Populares Españolas por Lorca. Entre as dez cancións estaban "Los cuatro muleros", "Zorongo gitano", "Anda Jaleo" e "En el Café de Chinitas".[6]
Co comezo da Segunda República Española, López Júlvez formou a súa propia compañía de ballet chamada Bailes Españoles de La Argentinita xunto coa súa irmá, Pilar López Júlvez, e Lorca. López Júlvez puxo en escena varios espectáculos flamencos, incluíndo unha adaptación de El amor brujo de Falla en 1933 e Las Calles de Cádiz en 1933 e 1940.[7] Viaxou por España e París, onde foi recoñecida como unha das artistas flamencas máis importantes do seu tempo. A súa compañía incluía as figuras flamencas Juana la Macarrona, La Malena, Fernanda Antúnez, Rafael Ortega e Antonio de Triana, que foi a súa parella de baile ata a década de 1940, cando foi substituído primeiro por Federico Rey e despois por José Greco.
Ao final da súa xira por España, o seu amante Sánchez Mejías morreu por unha cornada en 1934 na praza de touros de Manzanares. Buscou refuxio no seu traballo e mudouse a Buenos Aires para bailar no Teatro Colón; a partir de aí emprendeu unha longa xira americana. En 1936 acadou o éxito en Nova York. Despois, regresou a España mais viuse obrigada a fuxir do país pouco antes do estalido da guerra civil española. Viaxou por Marrocos, Francia, Reino Unido, Holanda, Bélxica e os Estados Unidos, onde permaneceu exiliada en Nova York. Desde entón ata a súa morte en 1945, desenvolveu a súa carreira e converteuse nunha das maiores estrelas da danza internacional e participou en filmes. En 1943 presentou a compañía de flamenco El Café de Chinitas no Metropolitan Opera House de Nova York coa súa propia coreografía, textos de Lorca, escenarios de Salvador Dalí e a orquestra dirixida por José Iturbi. Ademais, actuou no complexo Watergate de Washington, D.C. coa súa irmá.
O 28 de maio de 1945 deu a súa última actuación no Metropolitan da obra orquestral Capricho español, composta en 1887 por Nikolai Rimskii-Korsakov e baseada en melodías españolas. Ao finalizar tivo que ser ingresada nun hospital, onde morreu o 24 de setembro por un tumor no abdome. Non quixo que a operasen porque non desexaba abandonar a danza. O seu corpo foi repatriado a España en decembro e enterrado en Madrid. Ese mesmo ano disolveuse a súa compañía.
Encarnación López Júlvez compuxo dúas obras e participou noutras vinte e sete gravacións.
Entre as honras que recibiu tras a súa morte atopábase unha placa consagrada no Metropolitan Opera House, ademais das medallas de Afonso X o Sabio e a Orde de Isabel a Católica para honrar os seus méritos no campo da cultura.[9][10][11]
O museo Julio Romero de Torres de Córdoba ten un retrato de López Júlvez, pintado en 1915 por Julio Romero de Torres, nun período en que as súas pinceladas e as súas cores estaban influenciadas polo impresionismo francés.[12][8]
A exposición Compañía de Bailes Españoles. Argentinita y Pilar López tivo lugar en Segovia en homenaxe de Encarnación e Pilar López Júlvez por iniciativa da súa familia, que mostrou por primeira vez ao público os vestidos das artistas. A mostra consistiu en dezasete traxes orixinais que as bailarinas levaron nalgunhas das súas interpretacións máis destacadas, incluídas La cosecha de Enrique Granados e El Café de Chinitas de Federico García Lorca. Tamén incluíu documentación xornalística e artística, pinturas, debuxos e carteis de promoción dos seus espectáculos e retratos contemporáneos.[13][14]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: La Argentinita |