Biografía | |
---|---|
Nacemento | 17 de agosto de 1906 ![]() Condado de Yuncheng, República Popular da China ![]() |
Morte | 24 de novembro de 1982 ![]() Pequín, República Popular da China ![]() |
Educación | Universidade Tsinghua Universidade de París ![]() |
Actividade | |
Ocupación | tradutor, crítico literario ![]() |
Empregador | Universidade Jinan ![]() |
Movemento | Escola de Beijing ![]() |
Obra | |
Obras destacables
|
Li Jianwu (chinés tradicional e simplificado: 李健吾; pinyin: Lǐ Jiànwú; Wade-Giles: Li3 Chien4-wu2), coñecido polo pseudónimo de Liu Xiwei 刘西渭, nado en Yuncheng (Shanxi) o 17 de agosto do 1906 e finado en Beijing o 24 de novembro do 1982, foi un escritor, dramaturgo, tradutor e crítico literario chinés.[1] Está considerado un dos membros da chamada Escola de Beijing.[2][3]
Li Jianwu naceu no condado de Yuncheng, na provincia de Shanxi. O seu pai, Li Mingfeng, foi líder do Exército Revolucionario na súa provincia. Posteriormente, o pai serviu no Exército do Goberno de Beiyang, polo que Li Jianwu se trasladou a Beijing para estudar a primaria. Pouco despois, o pai sería arrestado polas súas conexións e, tras saír da cadea no 1919, foi asasinado.[1]
Li Jianwu comezou a actuar dende moi novo, colaborando con estudantes da Universidade Normal de Beijing. Durante esta época, interpretou papeis femininos como o de Chen Dabei en Youlan nüshi 幽兰女士 (A señora Youlan). Tamén coñeceu a Xiong Foxi (1900-1965).[1]
Tras aprobar os exames de ingreso da secundaria no 1921, Li Jianwu comezou a escribir pezas teatrais, novelas curtas, poesía e outros textos en prosa, algúns dos cales se publicaron na revista Chenbao. Estas obras chamaron a atención do editor Wang Tongzhao (1897-1957), con quen trabaría amizade. No 1925, cando estaba a piques de graduarse, foi detido por organizar accións contra Ma Junwu, o director xeral de educación.[1]
Nese mesmo ano, Li Jianwu foi admitido no departamento de chinés da Universidade Tsinghua; porén, o profesor Zhu Ziqing (1898-1949) suxeriulle ingresar no departamento de literatura occidental. Durante os anos de universidade, Li Jianwu padeceu pleurite e tuberculose, polo que pasou longas tempadas convalecente. Secasí, logrou escribir varias novelas. Tras graduarse, entrou a traballar como asistente do xefe do departamento, Wang Wenxian.[1]
No 1930, o caudillo Yan Xishan (1883-1960) tivo que abandonar o país, polo que Li Jianwu puido regresar á súa terra natal para enterrar aos pais. Despois de recibir algún financiamento, matriculouse na Universidade de París para estudar aos realistas franceses, como Gustave Flaubert (1821-1880). Nos dous anos seguintes, continuou a publicar en revistas chinesas, opoñéndose á guerra civil e defendendo a unidade fronte ás tropas xaponesas.[1]
No 1933, regresou á China e rematou a súa obra Fuloubai pingzhuan 福楼拜评传 (Flaubert: biografía crítica). Entrou a traballar na Universidade de Jinan invitado por Zheng Zhenduo (1898-1958), decano da Facultade de Literatura, mais dimitiría pouco despois. Tras o estalido da guerra co Xapón, trasladouse á Concesión Francesa, onde se dedicou a escribir teatro, contos e ensaios. Tamén traducíu obras de autores franceses, especialmente Flaubert e Molière (1622-1673).[1][4]
A dramaturxia de Li Jianwu estivo moi influenciada polo teatro francés, especialmente o de Molière. Moitas das súas primeiras pezas teñen un estilo sinxelo, e narran a vida das clases baixas. Porén, a complexidade das súas obras aumentou tras os seus estudos en Francia, diversificando tamén as temáticas. Así, comeza a traballar arredor de asuntos históricos ou políticos. Por exemplo, a súa obra mestra Zhe bu guo shi chuntian 这不过是春天 (Non é máis cá primavera, 1934), mestura unha narración amorosa con temas de corte revolucionario. Inspirado no realismo, elaborou personaxes complexos, explorando tanto as súas virtudes como os seus defectos.[4] Foi pioneiro do teatro socialista na China.[5]