Ligand Pharmaceuticals Incorporated | |
---|---|
![]() | |
Tipo | negocio |
Data de fundación | setembro de 1987 |
Sede | San Diego |
País | Estados Unidos de América |
Na rede | |
http://www.ligand.com | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Ligand Pharmaceuticals é unha empresa biofarmacéutica norteamericana con sede en San Diego[1], que se fundou en 1987 como Progenx Inc. e que principiou a cotizar en bolsa en 1992. Inicialmente centrouse en desenvolver os seus propios medicamentos, pero tras un período de problemas internos a comezos da década de 2000 que levaron á expulsión do seu director executivo polos accionistas e unha mudanza da estratexida da empresa, para se centrar na adquisición de dereitos de medicamentos xa existentes e formar alianzas para os desenvolver.
Dende 2005 a empresa tivo por dúas veces que corrixir as súas contas financeiras, e foi obxecto de demandas xudiciais colectivas. Fortune clasificadouna entre as 100 empresas que máis medraron no período 2014-2016, e en 2018 o seu director executivo apareceu na listaxe dos cinco mellor pagados de San Diego.
Ligand Pharmaceuticals desenvolve ou adquire activos xeradores de regalías que abranguen numerosas tecnoloxías, terapias e medicamentos[2]. Entre outros medicamentos recibe regalías de Kyprolis, Melphalan, Nexterona e Baxdela[3].
En 2015 Ligand tiña acordos con aproximadamente 120[4] empresas farmacéuticas, entre elas Captisol[5].
En 1987 Brook Byers fundou Progenx Inc. que en 1989 mudou o nome polo actual, e que se transformou en compañía de capital aberto a finais de 1992[6]. Howard Birndorf foi seu primeiro director executivo ao que lle sucedeu David Robinson, e os dous enfocaron a actividade ao desenvolvemento de medicamentos baseados en receptores nucleares orfos[7].
En setembro de 2005 a NASDAQ retirouna dos seus índices despois de imcumprir varios prazos para a presentación das súas contas financeiras[8]. A empresa estaba a ser investigada polo organismo federal Securities and Exchange Commission (SEC) polos informes financeiros emitidos entre 2002 e 2004[9], e tivo que corrixir as súas contas dese período. Finalmente, non se tomou acción ningunha contra da empresa[7], pero ao seu auditor da época, Deloitte, multouno máis tarde a Public Company Accounting Oversight Board cun millón de dólares por conduta impropia na realización de auditorías, e que podería revelar que Ligand estaba inflando as vendas[10]. Ligand volveu ao índice NASDAQ en xuño de 2006 e acordou pagar máis de 12 millóns de dólares para resolver o litixio dos accionistas[11].
Ademais destes problemas de contabilidade, en 2006, a empresa informou da ausencia de beneficios malia algúns dos medicamentos que desenvolveran contaban coa aprobación das autoridades sanitarias, e accionistas disidentes, como Dan Loeb, forzaron a marcha de Robinson substituído por Henry F. Blissenbach que vendeu todas as operacións comerciais da compañía e despediu traballadores. En xaneiro de 2007 John Higgins, un antigo banqueiro de investimento, asumiu o posto de director executivo e mudou a estratexia da empresa para se centrar en medicamentos en desenvolvemento e na formación de acordos con outras empresas para desenvolvelos totalmente[7].
Durante a crise económica de finais da década de 2000, a compañía utilizou o seu capital para adquirir outras empresas, como Neurogen, Farmacopeia Biotecnology, Metabasis Therapeutics e Cydex Pharmaceuticals. Higgins afirmou que o resultado das compras foi unha carteira de preto de 60 medicamentos en desenvolvemento, acordos con empresas farmacéuticas e outros activos[7].
Fortune clasificou a empresa como unhas das primeiras cen empresas de maior crecemento no período 2014-2016 e listouna no nº 6 en 2016.[12]. En novembro de 2016, Ligand notificou á SEC que tiña que corrixir os seus últimos informes financeiros por mor de controis ineficaces na contabilidade, esaxeración de activos por impostos diferidos e categorización errónea de débeda non garantida[13]. Como resultado presentáronse varios procesos de demanda colectiva, alegando que a empresa estaba involucrada en fraude de valores[14][15][16]. En 2018 Van Doorn de MarketWach clasificou Ligand no número dous da listaxe das empresas de maior rápido crecemento no sector da saúde[17]. As accións de Ligand medraron un 99% no período 2014-2019[18].