Liocarcinus navigator | |||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() | |||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||
Liocarcinus navigator (Herbst, 1794) |
Liocarcinus navigator é un crustáceo decápodo braquiúro da superfamilia dos portunoideos e familia dos portúnidos,[1] moi abundante nas rías galegas.[2]
A escpecie foi descrita por primeira vez en 1794 polo naturalista alemán Johann Friedrich Wilhelm Herbst, na súa obra Versuch einer Naturgeschichte der Krabben und Krebse nebst einer Systematischen Beischreibung ihrer Verschieden Arten. Vol. 2, Parte 5, pp. 147–162, na que a designou como Cancer navigator.[3]
Ao longo do tempo foi coñecida polos sinónimos seguintes:[3]
Na especie recoñecéronse dúas subespecies:
das cales a segunda identifícase hoxe como a especie independente Liocarcinus rondeletii (Risso, 1816).[3]
Liocarcinus navigator ten un cacho de forma hexagonal, case ovalado, máis largo que longo e moderadamente convexo, de cor marrón escura e de entre 30 e 50 mm de largo, aproximadamente, presentando na superficie dorsal pequenas quillas transversais, ás veces con pequenas sedas na parte anterior. A rexión frontal é enteira, sen dentes nin lóbulos e, entre os ollos, ten unha franxa de sedas longas.[2][5]
Os pereiópodos son longos. Os quelípodos (pinzas) son de similar tamaño, relativamente lisos, coa superficie dorsal do carpo cunha quilla lonxitudinal e ás veces cunhas estrías pouco notorias. Os pereiópodos dos pares segundo a quinto son moderadamente robustos, e o dáctilo do quinto par lanceolado, adaptado á natación.[2][6]
O abdome do macho, de forma triangular, presenta os segmentos terceiro a quinto fusionados, mentres que no das femias, máis ancho e arredondado, están libres. O primeiro pleópodo do macho é ancho na patrte basal, e vai estreitándose progresivamente até a parte distal, que é notoriamente curvada cara á fóra, rematando nun lóbulo acabado en punta.[2]
Esta especie encóntrase no nordeste do océano Atlántico, incluíndo os mares do Norte e Mediterráneo, desde o norte de Noruega até Mauritania.[2][5][7][8]
Abunda en augas pouco profundas, principalmente en fondos de area.[2]
Este cangrexo nadador (aínda que de hábitos bentónicos) é un depredador, alimentándose de todos os pequenos animais que viven no fondo.
Liocarcinus navigator é unha especie moi abundante en toda Galicia. É común nas praias, a poucos metros de profundidade, e mesmo en zonas de bateas (sobre todo se o fondo está pouco transformado, como nas de ostras).[2]
Cómpre destacar que as poboacións galegas de Liocarcinus navigator, xunto coas do seu conxénere L. depurator, aumentaron considerabelmente a partir de mediados do século XX, á raíz da instalación das bateas mexilloeiras, debido á modificación dos ecosistemas bentónicos e, a dicir de Gurriarán e outros, constitúen dous dos principais braquiúros nas nosas augas.[9]
Nas augas galegas captúranse numerosos individuos xuvenís e adultos nas faenas de arrastre nas praias en zonas de algas verdes (Ulva sp.), chegando a densidades de 0,5 espécimes por metro cadrado.[2]
O tamaño dos exemplares capturados na ría de Arousa, referido á anchura do cacho, oscilan entre os 7 e os 46 mm, no caso dos machos, e de entre os 7 e os 38 mm nas femias.[2]
Na bibliografía consultada só se recolle esta especie en González Gurriarán e Méndez (1985),[2] que din que se coñece comunmente por cangrexo, e Lahuerta e Vázquez (2000), que lle adxudican o nome de cangrexo arqueado.[10]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Liocarcinus navigator ![]() |
![]() |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Liocarcinus navigator |