Lourinhasaurus | |||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||
Lourinhasaurus alenquerensis |
Lourinhasaurus é un xénero representado por unha única especie de dinosauro saurópodo neosaurópodo macronario, que viviu a finais do período Xurásico, hai aproximadamente entre 150 e 142 millóns de anos, no Kimmeridgiano[1] e o Titoniano, no que hoxe é Portugal. O xénero foi descrito por Dantas et al. en 1998, e a especie tipo é Lourinhasaurus alenquerensis.
Lourinhasaurus é un saurópodo herbívoro, que non debe confundirse co terópodo carnívoro Lourinhanosaurus, de nome parecido, tamén atopado en Portugal.
Os restos do exemplar tipo de Lourinhasaurus atopáronse en 1949 polo xeólogo norteamericano Harold Weston Robbins na localidade portuguesa de Moinho do Carmo (Alenquer). O exemplar constaba de 26 vértebras e as patas case completas menos os pés. Inicialmente, en 1957 foi denominado ”Apatosaurus” alenquerensis por Lapparent e Zbyszewski, pero en 1998 Dantas et al. crearon o xénero Lourinhasaurus[2] e incluíron nel o exemplar de Moinho do Carmo e un novo exemplar descuberto en Porto Dinheiro (Lourinhã, Portugal). Porén, posteriormente, o exemplar de Porto Dinheiro foi clasificado como Dinheirosaurus, polo que o xénero Lourinhasaurus quedou restrinxido ao exemplar de Alenquer, Lourinhasaurus alenquerensis.
O Lourinhasaurus chegaba a medir case 17 metros de longo, e era un herbívoro de pescozo longo de constitución pesada. Caracterizábase pola morfoloxía das primeiras sete vértebras dorsais con apófises neurais relativamente altas e bifurcadas, tamén as dorsais posteriores posúen espiñas ventrais prominentes no seu centro. A clasificación de Lourinhasaurus sufriu algunhas modificacións ao longo do tempo e, aínda que tradicionalmente existía a tendencia a consideralo unha forma próxima a Camarasaurus (por exemplo, Upchurch, 2004 [3]), isto non se expresou formalmente ata a proposta feita por Mocho et al (2014) de que Lourinhasaurus é unha forma europea de neosaurópodo macronario camarasáurido[4].