MV Doña Paz | |
---|---|
O buque en Tacloban en 1984. | |
Historial | |
Tipo | Transbordador |
Botado | 25 de abril de 1963 |
Baixa | 20 de decembro de 1987 |
Destino | Afundido despois de chocar cun petroleiro |
Características xerais | |
Desprazamento | 2602 t |
Eslora | 93,1 m |
Manga | 13,6 m |
Puntal | 8,1 m |
Velocidade | 18 nós |
Tripulación | 66 tripulantes |
Capacidade | 1518 pasaxeiros |
O MV Doña Paz foi un transbordador filipino que afundiu tras chocar co petroleiro MT Vector o 20 de decembro de 1987, o cal ocasionou 4.341 vítimas mortais, e fixo daquela traxedia a maior catástrofe marítima en tempo de paz.[1]
O Doña Paz foi construído en 1963 polo estaleiro Onomichi Zosen de Onomichi (Hiroshima, Xapón), sendo chamado orixinalmente Himeyuri Maru.[2] Durante o tempo que navegou por augas xaponesas, tiña unha capacidade de 608 pasaxeiros.[3]
En outubro de 1975, o barco foi vendido a Sulpicio Lines, unha navieira filipina que operaba unha frota de transbordadores de pasaxeiros. Foi rebautizado por Sulpicio Lines como Don Sulpicio.[3] O 5 de xuño de 1979, o barco foi parcialmente destruído por un incendio mentres se dirixía de Manila a Cebú. As 1.164 persoas a bordo foron rescatadas, pero o barco ficou encallado e foi declarado unha perda total. O barco foi recomprado aos aseguradores por Sulpicio Lines, e despois foi arranxado e devolto ao servizo como Doña Paz.[4] No intre do seu afundimento, o Doña Paz percorría a ruta de Manila-Tacloban-Catbalogan-Manila e viceversa, realizando viaxes dúas veces por semana.[5]
O 20 de decembro de 1987, ás 06:30 da mañá, o Doña Paz partiu do porto de Tacloban (illa Leyte) cara a Manila. Oficialmente 675 pasaxeiros embarcaron en Tacloban e 907 fixérono máis tarde, sumando un total de 1583 pasaxeiros e 58 tripulantes,[6] pero esa lista non reflectía a realidade, xa que na navieira Sulpicio Lines era unha práctica común vender billetes extraoficialmente. No Doña Paz tamén viaxaban uns 100 homes do exército filipino. Calcúlase que había máis de 4300 persoas a bordo do barco.
Ás 22:00 da noite o Doña Paz chocou contra o buque MT Vector, un pequeno petroleiro de 639 Tn que ía cargado con 8.000 barrís de gasolina e queroseno. A colisión provocou unha explosión que envolveu rapidamente a ambos os barcos; só 24 sobreviventes do Doña Paz e 2 do Vector foron rescatados.[7] Os poucos sobreviventes víronse obrigados a saltar do barco e nadar entre corpos carbonizados en augas en chamas ao redor do barco; algúns usaron maletas como dispositivos de flotación improvisados.[8] O Doña Paz afundiuse dúas horas despois da colisión, namentres que o Vector afundiuse en catro horas.[9]
Investigacións posteriores revelaron que se cometeron unha cadea de despropósitos e erros, e que houbo un claro abandono de responsabilidade por parte das empresas propietarias dos barcos. Descubriuse que ningún dos dous buques contaba cunha radio VHF en funcionamento.
Sobre o Doña Paz, descubriuse que o sobrepeso impediu un rescate correctamente organizado; e en canto ao Vector descubriuse que navegaba sen un capitán con licenza, sen un vixía cualificado e co temón avariado, o cal obrigaba ao petroleiro a navegar en zig-zag, polo que o Vector resultaba moi difícil de gobernar.[6]
O 13 de abril de 2019 o RV Petrel localizou os restos do naufraxio do Doña Paz, sendo divulgadas posteriormente imaxes de vídeo o 19 de decembro dese mesmo ano. O Doña Paz atópase de pé a unha profundidade de 500 metros (1640 pés). Os restos do Vector atopáronse a 2200 metros (7218 pés) de distancia no mesmo estado. Ambos barcos están en boas condicións.[10]
Un monumento en homenaxe ás vítimas do Doña Paz atópase no Parque Pieta en Catbalogan. Localizado xunto á Igrexa de San Bartolomeu e o Colexio de Santa María de Catbalogan, o parque arestora serve como un espazo público para os familiares e amigos das vítimas.[11]
Na versión asiática da canle National Geographic, o 25 de agosto de 2009 estreouse un documental sobre o MV Doña Paz titulado O Titanic de Asia.[12][13]
En 2018 estreouse unha película de terror filipina titulada Aurora, inspirada nos acontecementos da traxedia.