Biografía | |
---|---|
Nacemento | 9 de agosto de 1885 Vigo, España |
Morte | 27 de agosto de 1944 (59 anos) Vigo, España |
Causa da morte | morte accidental, atropelo |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Actividade | |
Ocupación | xornalista , adestrador de fútbol |
Pseudónimo literario | Handicap |
Lingua | Lingua castelá |
Deporte | fútbol |
Manuel de Castro González, máis coñecido como Handicap, nado en Vigo o 9 de agosto[1] de 1885 e finado na mesma cidade o 27 de agosto de 1944, foi un deportista e xornalista deportivo galego.[2]
Foi redactor de Sprint e Faro de Vigo. No mundo do fútbol ocupou diversos postos, dende xogador ata árbitro e directivo. En 1921 comezou a desempeñar a función de adestrador da Selección de fútbol de España labor que desempeñou ata 1927 de forma colexiada con Julián Ruete e José Ángel Berraondo.[3]
O labor de seleccionador compaxinábao coa función de vicepresidente do Real Vigo Sporting Club, posto que ocupaba cando en 1923 promoveu, xunto a Juan Baliño Ledo e Pepe Bar, a fusión deste co Real Club Fortuna de Vigo para dar lugar ao Celta de Vigo.[4][5]
Tras o nacemento do Celta seguiu vinculado a este club, tendo un papel moi importante na construción do estadio de Balaídos, nos encontros amigábeis ante conxuntos como a selección do Uruguai, Boca Juniors ou o Club Nacional de Football.
Amais da selección española tamén dirixiu a selección de fútbol de Galicia en numerosas ocasións, nunha época na que a maior parte do combinado estaba formado por xogadores do Celta. O seu vínculo co deporte foi moito máis xeral, sendo un dos promotores do equipo de atletismo do Celta e mesmo sendo presidente da Federación Galega de Atletismo. Tamén foi presidente da Federación Galega de Fútbol en 1922.[6]
Finou o 27 de agosto de 1944 atropelado por un tren na zona do Areal, ao saír dunha exposición[7]. Unha efixie súa, esculpida por Rafael Álvarez Borrás en 1946, está situada nas proximidades do estadio de Balaídos.
No ano 2011 instaurouse o Premio Manuel de Castro,[8] para elixir o mellor xogador do Celta de Vigo do ano natural, mediante votación entre xogadores do primeiro equipo, os xornalistas que seguen ao Celta, as peñas e os afeccionados a través de diversos medios dixitais.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Manuel de Castro González |