O Mapalé é unha danza de parellas que bailan con movementos frenéticos e eróticos. O baile baséase en saltos, caídas, persecucións e enfrontamentos entre a muller e o home. Mapalé é tamén o nome dun peixe e a lenda conta que os pescadores bailaban esta danza para celebrar a boa pesca e cos seus movementos estaban representando o movemento do peixe fóra da auga.
É unha danza típica que se baila en Colombia. Foi levada hai máis de catrocentos anos a Cartaxena de Indias polos escravos de Guinea.
Naceu como canto de pescadores de Mapalé ou Chigua, nas ribeiras do Río Magdalena. Obtivo o seu nome dese peixe famoso polo seu aceite, denominación que tamén se aplica ao tambor de forma cilíndrica que marca o compás.
Mapalé é unha danza de orixe africana que se baila na costa atlántica e nas ribeiras do río Magdalena, de ritmo rápido, con palmas constantes dos participantes e de marcada tendencia lúdica.
É un dos ritmos máis primitivos do folclore atlántico, e no cal se reproducen con notábel fidelidade moitos aspectos dos bailes africanos.
É un ritmo rápido que se baila e canta con grande axitación, logrando unha aceleración constante e case frenética do corpo. Este baile sempre tivo unha carga sexual compaxinada con movementos pélvicos e incluso con contorsións.
Só son precisos dous tambores: "o chamador" e o "tambor maior ou macho" son suficientes para acompañar esta danza. Actualmente, incorpóranse a "tambora" e o guache.