![]() ![]() | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 4 de abril de 1881 ![]() Nottingham, Reino Unido ![]() |
Morte | 27 de xaneiro de 1965 ![]() Londres, Reino Unido ![]() |
Educación | Royal College of Art (pt) ![]() ![]() |
Actividade | |
Ocupación | escultora, medallista ![]() |
Familia | |
Cónxuxe | Ernest George Gillick (1905–) ![]() |
Premios | |
![]() |
Mary Gaskell Gillick (de solteira Mary Tutin), nada en Nottingham en 1881 e finada en Londres o 27 de xaneiro de 1965, foi unha escultora e medallista inglesa, coñecida sobre todo por ser a autora da primeira efixie de Isabel II utilizada nas moedas do Reino Unido e doutros territorios da Commonwealth, que se cuñou desde 1953 ata 1965.
Nada en Nottingham en 1881, filla de Elizabeth Gaskell e do construtor Thomas Tutin, Mary Gillick cursou o seu ensino secundario na escola para nenas desa cidade entre 1890 e 1898. Este último ano iniciou a súa formación artística na Escola de Arte de Nottingham ata 1902 e continuouna en Londres no Royal College of Art,[1] de 1902 a 1904, onde tivo como profesor o escultor e medallista franco-británico Édouard Lantéri.[2][3]
Na súa carreira posterior como medallista, Mary Gillick creou placas e medallas sobre personaxes como Henry Wellcome,[5] Henry Dale,[6] Margaret Babbington,[2] Frederick George Kelleway, o arquitecto Victor Heal ou o bispo de Chichester. Outras das súas medallas foron as coñecidas como Duddell Memorial, Ceres —para a Agricultural Mortgage Corporation—, un medallón do príncipe de Edimburgo para a Royal Mint e uns modelos para a Medalla Copley,[7] da Royal Society.[1]
Entre 1911 e 1962, Gillick expuxo 33 veces nas exposicións de verán da Royal Academy, cun total de 40 obras.[2] Tamén expuxo parte dos seus traballos na Sociedade de Mulleres Artistas en 1953, entidade da que formou parte desde ese mesmo ano.[1]
Entre as súas obras non medallísticas, cabe salientar un retrato de bronce de William Bragg —que fora presidente da Royal Society—, para a igrexa de Chiddingfold, Surrey; un relevo de bronce de Chifford Allbutt, para a Escola de Medicina de Cambridge; ou bronces de Percy e Elizabeth Molteno, para o Instituto de Parasitoloxía da mesma universidade.[1]
En 1952, Mary Gillick participou nunha competición convocada pola Royal Mint, xunto con outros 16 artistas, para a creación do primeiro retrato da nova raíña, Isabel II (1952-2002) nas moedas do Reino Unido.[1][2][3][8] Gillick traballou no retrato entre marzo e outubro de 1952, cunha sesión e a estreita supervisión do duque de Edimburgo.[14]
A súa proposta dunha monarca con aspecto xuvenil e sen coroa foi a gañadora e, como resultado, o busto deseñado por ela converteuse no motivo central do anverso de todas as moedas británicas entre 1953 e 1965,[3] e tamén nas doutros territorios da Commonwealth,[8] como Australia, o Canadá, Ceilán, Nova Zelandia, Rodesia e Nyasaland, Suráfrica e Zimbabwe.[15][16]
A noticia do novo deseño acadou gran repercusión na prensa, entre outras cousas pola coincidencia de que a artista gañadora fose unha muller, igual que a raíña. Malia ter un acollemento maioritariamente favorable, non faltaron algunhas críticas, centradas no grao de semellanza entre a monarca e o retrato, e na idade que este reflectía. Neste sentido, o escultor Jacob Epstein opinou: "podería ser... calquera rapaza fermosa". Outros críticos sinalaron, pola contra, que o éxito do deseño radicaba na semellanza co estilo dos grandes medallistas do Renacemento italiano.[16]
O numismático Humphrey Sutherland fixo notar esta asociación de estilos nun artigo publicado en Country Life: "O retrato da señora Gillick, coa súa simplicidade, o seu espazo e o seu ornamento económico, suxire máis ben a graza italiana do deseño renacentista". Pola súa banda, nun programa da BBC, o historiador da arte Charles Mitchell observou:[16]
“ | O novo retrato real non é en absoluto unha imitación de ningunha das medallas de Pisanello, mais o seu parentesco formal... é inconfundible. Respira o aire do primeiro Renacemento. [...] Creo que xa era hora de dar un salto á imaxinación, e a señora Gillick deuno. | ” |
Con todo, malia a mestría artística de Gillick, os seus primeiros cuños amosaban un relevo non o suficientemente marcado, o que provocaba que as primeiras cuñaxes saísen demasiado débiles, co que tanto os trazos faciais como os pregamentos do vestido da raíña aparecesen moi esvaecidos.[16] Para arranxar o problema, houbo que refacer as matrices para producir cuños novos sobre o deseño de Gillick. Este labor encomendóuselle a Cecil Thomas, un medallista experimentado que competira con Gillick no certame para o deseño do busto da raíña[8][14] —malia non ter éxito nese concurso, a Thomas encargóuselle un novo retrato de Isabel II coroada para algúns dos territorios do Imperio Británico e da Commonwealth que comezou a utilizarse tamén en 1953—.[17]
A silueta do busto de perfil creado por Gillick usouse tamén posteriormente para aparecer en pequeno tamaño nos selos conmemorativos británicos desde 1966 ata o 9 de marzo de 2023. Do mesmo xeito, o busto orixinal de Gillick mantívose para a serie de moedas Maundy,[18] ata a morte da Raíña en 2022.[8][14][16]
O deseño do primeiro busto de Isabel II na moeda británica valeulle a Mary Gillick o seu nomeamento como Oficial da Orde do Imperio Británico, durante as Honras de Coroación de 1953.[3][19]
O Museo Británico organizou entre xuño e xullo de 2022 a exposición "Mary Gillick modelling The Queen's portrait" ("Mary Gillick, modelando o retrato da raíña"), sobre a traxectoria da artista e centrándose especialmente no seu traballo como deseñadora do retrato da raíña.[20][21] Unha boa parte dos obxectos que formaron parte desta exposición foron doados ao Museo Británico polos herdeiros de Mary Gillick e o seu marido (medallas, modelos en xeso, esbozos e debuxos, etc.).[22]
Durante a súa etapa de formación na Escola de Arte de Nottingham, Mary Tutin coñeceu a Ernest Gillick, con quen coincidiu como compañeiro de estudos. En 1905, cando ela tiña 24 anos, Mary e Ernest casaron,[1] e ela adquiriu desde ese momento o apelido do seu home. Entre os seus compañeiros na Escola de Arte estaban os pintores Harold e Laura Knight, cos que o matrimonio Gillick mantivo a amizade durante toda a súa vida.[2]
Mary e Ernest Gillick tiveron unha profunda influencia mutua no seu traballo como medallistas, e a súa relación laboral durou 46 anos,[3] ata o falecemento de Ernest en 1951.[23]
Malia estar afectada pola artrite nos seus derradeiros anos, Mary Gillick continuou traballando ata o seu falecemento o 7 de xaneiro de 1965,[1][3] no hospital Elizabeth Garrett Anderson, de St Pancras, Londres.[2]
Predecesor: Humphrey Paget |
![]() Moedas da libra esterlina Autores dos anversos 1953-1965 |
Sucesor: Arnold Machin |