Biografía | |
---|---|
Nacemento | 27 de setembro de 1931 Brooklyn, Estados Unidos de América |
Morte | 23 de febreiro de 2011 (79 anos) Daytona Beach, Estados Unidos de América (pt) |
Actividade | |
Ocupación | mestra, profesora universitaria, activista polos dereitos das mulleres, escritora, escultora, historiadora |
Empregador | Universidade Estatal de Nova York Universidade do Estado de Nova York en Buffalo |
Merlin Stone, nada como Marilyn Jacobson[1] en Brooklyn, Nova York, o 27 de setembro de 1931 e finada o 23 de febreiro de 2011, foi unha autora, escultora e profesora de arte e historia da arte. Foi unha salientable pensadora da teoloxía feminista e da Deusa nai[2] máis coñecida polo libro que escribiu, When God Was a Woman (1976).
Merlin Stone comezou a interesarse pola arqueoloxía e a relixión antiga a partir dos seus estudos en historia da arte. Deu clases na Universidade de Nova York.
A autora pasou unha década pescudando antes de escribir o libro entón titulado The Paradise Papers e despois na edición norteamericana como When God Was a Woman (1976). A obra describe a teoría sobre como os hebreos suprimirían a suposta relixión baseada no culto á Deusa nai, que sería practicada en Canaán, e como esa estrutura de relixión matriarcal e matrilinear moldearía a estrutura da relixión xudaica e polo tanto, do cristianismo.
Noutra obra, Ancient Mirrors of Womanhood engadiu historias, mitos e oracións arredor da figura da deusa nunha ampla variedade de relixións. A hipótese de Stone é radical e desafiadora para as visións normalmente aceptadas sobre a antigüidade e como tales son controvertidas. É autora tamén de moitos ensaios, como por exemplo "3,000 Years of Racism."
A obra When God Was a Woman tivo un profundo impacto na emerxente cultura do culto á Deusa dos anos 70 e 80 nos Estados Unidos. É escrito de forma clara e sinxela, especialmente para mulleres criadas nunha tradición xudaico-cristiá e propiciou por iso que o tema dunha divindade feminina fose máis accesíbel.