Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | 21 de novembro de 1996 (28 anos) Cerceda, España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período de actividade | 2016 - | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Defensa e lateral | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Número deportivo | 5 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
Miguel Loureiro Ameijenda, nado en Cerceda o 21 de novembro de 1996, é un futbolista galego que xoga como lateral dereito no Huesca, da Segunda División.
Nado en Cerceda, formouse como futbolista nas Escolas de Fútbol Luís Calvo Sanz do Bergantiños.[1] En 2008 fichouno o Deportivo da Coruña para a súa canteira, pero só puido competir uns meses, ata que unha lesión o afastou dos terreos de xogo durante tres anos.[2] De regreso en Carballo, xogou co equipo xuvenil do Bergantiños na Liga Galega, e o 24 de agosto de 2013, con só 16 anos, debutou co primeiro equipo na Preferente, saíndo de titular nunha vitoria por 2-1 sobre o Atlético de Riveira na Fieiteira Marcou o seu primeiro gol o 1 de decembro, contra o Dumbría.
As súas actuacións espertaron o interese de varios equipos, entre eles o Celta de Vigo, que o incorporou para a súa canteira en xullo de 2014.[3] Xogou no equipo xuvenil celeste, co que foi campión da División de Honra.
En agosto do ano seguinte, o club comunicoulle que non contaba con el, polo que asinou polo Pontevedra CF, para xogar inicialmente no filial, o Pontevedra B, na Primeira Autonómica.[1] Con todo, xa esa tempada comezou a adestrar co primeiro equipo de Luisito, co que disputou os seus primeiros encontros. O seu debut co conxunto granate produciuse na primeira rolda da Copa do Rei, contra o Guijuelo. Xogou ademais sete partidos da Segunda División B co primeiro equipo, seis deles como titular. Na súa segunda tempada converteuse en titular indiscutible do primeiro equipo, co que xogou un total de 37 partidos, todos dende o inicio, e clasificouse para a disputa da promoción de ascenso.
En xullo de 2017 asinou un contrato de tres anos co Córdoba, da Segunda División.[4] Debutou na categoría de prata o 20 de decembro de 2017, nunha goleada por 5-0 sobre o Reus. Militou durante dous anos no club andaluz, perdendo a categoría ao remate da tempada 2018/19, ao rematar na penúltima posición. A continuación rescindiu o seu contrato e fichou polo FC Andorra, da Segunda División B.[5][6] Militou dúas tempadas no club andorrano, disputando un total de 46 partidos e marcando un gol.
En 2021 regresou a Galicia e fichou polo Racing de Ferrol para disputar a tempada inaugural da nova Primeira División RFEF.[7] Indiscutible no once inicial de Cristóbal Parralo, xogou 37 partidos, 36 deles como titular, e clasificouse para a promoción de ascenso, na que o equipo ferrolán caeu ante o Nàstic.[8]
No verán de 2022 fichou polo Lugo, volvendo así á Segunda División.[8] Titular indiscutible para os catro técnicos que pasaron polo banco lugués, foi o xogador de campo máis utilizado da tempada, con 3351 minutos repartidos en 40 encontros. Con todo, non puido evitar o descenso do equipo á Primeira División RFEF.
En xullo de 2023 foi traspasado ao Huesca, continuando así na categoría de prata.[9]
Foi convocado pola selección galega para o partido contra Panamá disputado no Estadio de Balaídos o 31 de maio de 2024, que finalizou con derrota (0–2).[10]