Minneapolis Millers | |
---|---|
Fundación | 1925 (desaparecido en 1950) |
Cidade | ![]() ![]() ![]() |
Estadio | Minneapolis Arena (5.500 espectadores) |
Liga | American Hockey Association |
Campionatos | 2 (1927-28, 1936–37) |
Os Minneapolis Millers foron un equipo de hóckey sobre xeo da cidade de Minneapolis, Minnesota (Estados Unidos). O equipo xogou na American Hockey Association (AHA) en dous períodos, gañando dous títulos de liga nas tempadas 1927-28 e 1936–37. Os Millers xogaban os seus partidos como local no Minneapolis Arena, un pavillón con capacidade para 5.500 espectadores.[1]
Entre 1925 e 1928, o equipo contou nas súas filas con Cecil « Tiny » Thompson, futura estrela da National Hockey League, que chegou aos Boston Bruins antes de iniciar a tempada 1928-29 e que gañaría unha Stanley Cup na súa primeira tempada na franquía de Boston.[2]
As orixes dos Millers remóntanse a 1925, cando o equipo comezou a participar de xeito semiprofesional na Central Hockey League (CHL), pasando a formar parte da American Hockey Association (AHA) a partir da tempada seguinte xunto cos outros equipos da CHL.[3] Na súa primeira tempada na AHA os Millers chegaron á final do campionato dirixidos polo canadense Lloyd Turner, mais caeron fronte aos Duluth Hornets nos play-offs por 3 a 0.[4][5] Ao ano seguinte, tamén con Turner no banco, o equipo proclamouse campión de liga por primeira vez nos seus tan só tres anos de existencia, porén na súa terceira tempada na AHA caerían na primeira rolda dos play-offs na que foi a última tempada de Turner no banco do equipo de Minnesota.[4]
Despois da Marcha de Turner, os Millers atravesaron unha crise nos seus resultados, xa que nin Bill "Red" Stuart na 1929-30, nin John "Nip" Dwan na 1930-31 conseguiron meter ao equipo nos play-offs.[4] De feito 1931 foi o último ano que o equipo competiría na AHA, volvendo a unha revivida Central Hockey League na que competían só equipos de Minnesota. En 1935, coa desaparición da CHL o equipo regresou á AHA, gañando o seu segundo e último título da competición na tempada do seu retorno con Harold "Joe" Simpson, con quen o equipo chegaría á final na tempada seguinte, perdendo fronte aos St. Louis Flyers por 3 partidos a 0, curiosamente o mesmo rival e o mesmo resultado que o ano anterior.[3][4][5] Os tres anos seguintes non foron mellores, e o equipo nin tan sequera conseguiu superar a primeira rolda das series finais. Finalmente na tempada 1941-42, que sería a última do equipo na AHA, os Millers non foron capaces de clasificarse para os play-offs.[4]
En 1942 o equipo cesou as súas actividades durante a segunda guerra mundial, sendo reestablecido na United States Hockey League en 1945.[3] Os dous primeiros anos dos Millers na USHL non foron bos, na primeira tempada o equipo non se clasificou para os play-offs, e na segunda caeron na primeira rolda. Porén, no seu terceiro ano na competición, e con Bill Cook no banco os de Minneapolis chegaron á final da liga, caendo fronte aos Houston Huskies por 3-2, malia comezar gañando o primeiro partido da serie.[4][6] Despois dunha tempada sen xogar as series polo título, na tempada 1949-50 os Millers volveron loitar polo título logo de clasificarse na segunda posición da liga por detrás dos Omaha Knights. Logo de desfacerse na primeira rolda dos St. Paul Saints por 3 partidos a 0, os Millers se enfrontaron na final aos de Omaha gañando a final en catro partidos despois de que os de Nebrasca se impuxeran no primeiro duelo.[7][8] Finalmente o equipo desapareceu en 1950.[3]
![]() |
A Galipedia ten un portal sobre: Hóckey sobre xeo |