Movemento Popular Democrático | |
---|---|
Partido político de Namibia | |
Dirixentes e organización | |
Líder | McHenry Venaani |
Mocidades | PDM Youth League |
Filiación internacional | Unión Internacional Demócrata |
Historia | |
Fundación | novembro de 1977 |
Posicións políticas | |
Ideoloxía | Conservadorismo |
Outros datos | |
Sede | Windhoek, Namibia |
Na rede | |
http://www.dtaofnamibia.org/ | |
O Movemento Popular Democrático, anteriormente chamado Alianza Democrática Turnhalle, é unha agrupación de partidos políticos de Namibia, rexistrada como un partido unido con fins de representación parlamentaria.
En coalición coa Fronte Democrática Unida (FDU) constituíu a oposición oficial no parlamento até as eleccións parlamentarias de 2009. O partido actualmente mantén cinco escanos na Asemblea Nacional de Namibia, un escano no Consello Nacional de Namibia e é a oposición oficial. McHenry Venaani é presidente do PDM.
O PDM é membro asociado da Unión Internacional Demócrata, un grupo transnacional de partidos políticos nacionais identificados xeralmente co conservadorismo político de centro dereita, que é membro da Unión Democrática de África, creada en Accra (Ghana) en febreiro de 2019.
O partido formouse como Alianza Democrática Turnhalle en novembro de 1977 como resultado da Conferencia Constitucional de Turnhalle celebrada en Windhoek entre 1975 e 1977, e como contrapeso e principal oposición á Organización do Pobo de África do Suroeste (SWAPO).[1] Os participantes da Conferencia Constitucional saíron do Comité Constitucional pola insistencia do Partido Nacional de manter a lexislación do apartheid na nova constitución. Tanto a conferencia como o ADT recibiron o nome do edificio Turnhalle, nome alemán do edificio de Windhoek onde se celebrou a Conferencia.[2]
A ADT gañou as eleccións lexislativas de África do Suroeste en 1978 por unha esmagadora maioría, reclamando 41 dos 50 escanos. Isto debeuse en gran parte á "intimidación xeneralizada",[3] e a presenza de tropas surafricanas, particularmente no norte do territorio.[4]
O goberno interino posterior, formado por unha Asemblea Nacional e un Consello de Ministros, durou até o 18 de xaneiro de 1983 cando, debido á inxerencia continuada do Administrador Xeral surafricano, o Consello de Ministros dimitiu. O 18 de xaneiro de 1983 Suráfrica aceptou a disolución tanto do corpo lexislativo como do executivo, sen que se fixasen eleccións, e asumiu de novo a autoridade administrativa sobre África do Souroeste.[5][6][7]
Este baleiro durou até o 17 de xuño de 1985, cando o Goberno de Transición de Unidade Nacional (GTUN) foi instalado polo Administrador Xeral surafricano. As súas accións lexislativas e executivas estiveron sometidas a aprobación surafricana,[8] co Administrador Xeral recentemente nomeado, Louis Pienaar, tendo o dereito de veto a todas as lexislacións.[9] O GTNU era percibido como un organismo en gran parte impotente que buscaba unha reforma moderada, pero foi incapaz de obter o recoñecemento das Nacións Unidas.[10] A ADT tamén dominou este goberno, aínda que non con maioría absoluta: na Asemblea Nacional de 62 escanos a ADT ocupaba 22, e cinco partidos máis pequenos obtiveron 8 escanos cada un.[9] O 1 de marzo de 1989 o GTNU foi suspendido segundo os termos da Resolución 435 do Consello de Seguridade das Nacións Unidas,[5] para que dera paso a un goberno independente, determinado polas eleccións parlamentarias que se celebraron en novembro de 1989]. O SWAPO gañou as eleccións, quedado en segundo lugar a ADT.[11][12]
A asociación no pasado da ADT co goberno do apartheid antes da independencia de Namibia segue afectando a súa imaxe pública actual. O 4 de novembro de 2017, días despois do seu 40º aniversario, o partido pasou a denominarse Movemento Popular Democrático co fin de facilitar a modernización e desbotar o seu nome "colonial".[13]