![]() | Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde decembro de 2016.) |
Neko Majin | |
---|---|
ネコマジン (Neko Majin) | |
Manga | |
Creado por | Akira Toriyama |
Editor | Shūeisha |
Publicado en | Shōnen Jump Semanal, Shōnen Jump Mensual |
Primeira edición | Abril de 1999 |
Última edición | Febreiro de 2005 |
Núm. de volumes | 1 (8 capítulos) |
Neko Majin (do katakana: ネコマジン e este, á súa vez, do kanji: 猫魔人, "gato do mal" ou "home gato do mal") é unha curta serie de manga composta por historias independentes de Akira Toriyama, que alcanzaron un total de oito textos, todos eles publicados entre 1999 e 2005. É máis famoso pola súa parte final, Neko Majin Z, que é unha autoparodia, de Dragon Ball, o traballo máis famoso do seu autor.
Orixinalmente tratábase dunha historia de manga dun só capítulo, que non tería relación cos outros traballos de Akira Toriyama. O primeiro capítulo de Neko Majin apareceu na revista semanal Shōnen Jump en abril de 1999 (WJ #22-23). Máis tarde acabouse convertendo nunha autoparodia do manga de Dragon Ball, incluíndo aparicións de personaxes desta, a obra mestra do autor. Para o ano 2005, a serie xa constaba de oito capítulos, dos cales cinco son parodias de Dragon Ball. Estes capítulos foron recompilados nun paquete estilo "kanzenban" para a súa publicación no Xapón, o 4 de abril do 2005.
Tódolos capítulos de Neko Majin foron publicados orixinalmente na revista semanal/mensual Shōnen Jump no Xapón.
Os oito capítulos están recompilados nun só volume, publicado por Jump Comics de Shueisha.
A serie desenvolveuse en torno ás aventuras de varios personaxes da raza "Neko Majin", un grupo de gatos que teñen o don de usar un chisco de maxia, pero que tamén parecen gozar das bromas pesadas e, aínda máis, das artes marciais. A serie converteuse en Neko Majin Z, centrándose en "Z", unha versión felina completa de Son Goku de Dragon Ball cos seus adornos familiares, coma o bastón máxico, nyoi-bo, e ataques co estilo típico de Dragon Ball Z, coma o "Neko-Hameha", parodia do "Kame-Hameha". Outros motivos familiares aparecen mentres transcorre a serie, incluíndo o fillo de Freezer: Kuriza, un Súper Saiyan gordo chamado Onio, e ata aparicións de personaxes reais de Dragon Ball, coma Vexeta, Majin Bu, e o propio Son Goku. Malia as referencias á famosa Dragon Ball, a serie en si non é unha continuación súa e as numerosas referencias non están pensadas para se integrar coa súa ficción. Por mor de que a conexión entrámbalas dúas historias é moi evidente, engadíronse moitas referencias a Neko Majin Z coma ovos de pascua para a versión xaponesa do videoxogo Dragon Ball Z: Budokai 2, particularmente na forma de Kuriza, como unha aparencia alternativa de Freezer.
Algúns críticos consideran que a existencia de Neko Majin, o seu paso dun capítulo illado a todo un tomo de manga e, especificamente, as autoparodias que realiza Toriyama nestas historias, son o final da vida creativa do seu autor e un signo seguro da súa decadencia como debuxante de manga.
En xuño de 2006, a editorial española Planeta DeAgostini editou en castelán os oito capítulos de Neko Majin nun tomo único, idéntico ó da edición xaponesa.
En agosto de 2006, a editorial brasileira Conrad editou en portugués o único volume.
En febreiro de 2007, a editorial italiana Star Comix editou a edición completa (Kanzenban) cos 8 capítulos, usando unha encadernación verde no canto do amarelo orixinal.
Por outra banda, este manga non foi oficialmente licenciado en inglés nin traducido. Porén, houbo grupos de fans que o traduciron ó inglés, achegando un chisco máis esta historia ó público.