A Operación Salomón foi unha operación militar israelí que permitiu en 1991 rescatar aos xudeus de Etiopía e levalos cara a Israel. Esta operación foi a inmigración máis importante da comunidade Beta Israel cara ao seu novo fogar nacional, moito máis grande que a Operación Moisés e a Operación Xosué.
O réxime etíope de Mengistu Haile Mariam foi desestabilizado polos rebeldes de Eritrea e Tigray en 1991. Varias organizacións xudías así como o Estado de Israel preocupáronse pola sorte da considerable comunidade xudía de Falashas que vivían en Etiopía, cuxa emigración en masa fora dificultada até entón polo réxime de Mariam. O enfraquecemento e a diminución do poder do réxime africano presentou unha prometedora oportunidade para que os Beta Israel puidesen realizar a súa Aliyah e así poder emigrar a Israel, segundo un plan xa ideado desde 1990.
No ano anterior o Goberno de Israel e as Forzas de Defensa de Israel, conscientes do empeoramento da situación política de Mengistu Mariam, realizou plans encubertos de transporte aéreo para o traslado dos xudeus etíopes cara a Israel. Isto converteuse na maior emigración de Beta Israel até a data.
En 36 horas,[2] 35 avións da compañía aérea israelí El Al releváronse para transportar a 14.325 xudeus Beta Israel desde Etiopía a Israel.[3]
Esta operación rexistra a marca de número de pasaxeiros nun voo, con 1087 pasaxeiros transportados nun Boeing 747 de El Al. Os planificadores esperaron poder encher o avión con 760 pasaxeiros. Debido a que os pasaxeiros eran moi liviáns, moitos máis puideron subir a bordo.[4] Cinco bebés naceron durante os voos.[2]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Operación Salomón ![]() |