Os Maias

Os Maias
Portada de 1888
Título orixinalOs Maias
Autor/aJosé Maria Eça de Queirós
OrixePortugal
Lingualingua portuguesa
Xénero(s)saga familiar
EditorialLivraria Chardron
Data de pub.1888
Na rede
BNE: XX1956572
editar datos en Wikidata ]

Os Maias é unha novela do escritor portugués Eça de Queirós e unha das súas obras máis coñecidas. O libro foi publicado no Porto en 1888.

A acción da obra Os Maias transcorre en Lisboa, na segunda metade do século XIX. Presenta a historia de tres xeracións da familia Maia. A acción iníciase no outono de 1875, cando Afonso da Maia, nobre e rico propietario, se instala na casa do Ramalhete co neto acabado de licenciarse en Medicina. O nome da casa, 'O Ramalhete', ten orixe nun panel de azulexos cun ramo de xirasoles.

"A casa onde os Maias viñeran vivir en Lisboa, no outono de 1875, era coñecida na veciñanza da rúa de São Francisco de Paula, e en todo o barrio das Janelas Verdes, pola casa do Ramalhete ou simplemente O Ramalhete. A pesar deste fresco nome de vivenda campestre, O Ramalhete, sombrizo pazo de paredes severas, cunha liña de estreitas varandas de ferro no primeiro andar, e por riba unha timida fila de xaneliñas abrigadas á beira do tellado, tiña o aspecto tristoño de residencia eclesiástica que lle correspondía a un edificio do reinado de Dona Maria I: cunha campaíña e unha cruz no curuto había parecer un colexio de xesuítas. O nome do Ramalhete víñalle de certo dun revestimento cadrado de azulexos que facía panel no lugar heráldico do escudo de armas, que nunca chegara a ser colocado, e que representaba un gran ramo de xirasoles atado por unha fita onde se distinguían letras e números dunha data. Durante longos anos O Ramalhete permanecera deshabitado, con arañeiras polas grades dos poxigos terreos, a cubrirse con tons de ruína. En 1858 Monseñor Buccarini, Nuncio da Súa Santidade, visitárao con idea de instalar alí a Nunciatura,(...)"
Os Maias (1888)

Afonso da Maia é o personaxe mellor presentado polo autor, ao que non se lle atribúen defectos. Cando mozo adheriuse aos ideais do liberalismo, o que provocou que o seu pai, tradicionalista, o obrigase a marchar para un pazo na Beira primeiro, e logo a instalarse en Inglaterra. Cando o seu pai falece, regresa a Lisboa para casar con María Eduarda Runa, pero axiña volta ao exilio, neste caso por razóns políticas, presionado o seu liberalismo polo tradicionalismo da monarquía portuguesa.

Froito deste casamento resultou un fillo, Pedro da Maia, que presentaba un temperamento nervioso, fraco e de grande inestabilidade emocional. Afonso desexaría educalo á maneira inglesa, mais María Eduarda, católica fervorosa, cuxo fanatismo máis se exacerba ao vivir en Inglaterra, país protestante, non o consente e Pedro é educado por un padre mandado vir de Lisboa. Pedro crece, moi ligado á nai e após a súa morte, fica inconsolable, ten crises de melancolía negra recuperándose só cando coñece unha muller, extraordinariamente bela e vistosa, chamada María Monforte. Namórase dela e, a pesar de o seu pai non concordar, casa con ela, o que o afasta da convivencia co pai. O xove matrimonio parte para Italia e inicia unha vida fastuosa. Nácenlles dous fillos: María Eduarda e Carlos Eduardo. Pouco despois do nacemento do segundo fillo, María Monforte namórase dun italiano, visita da casa e, un día, Pedro chega á casa e descobre que a muller fuxiu co italiano, levando a filla. Desesperado, refúxiase en casa do pai, levando o fillo, aínda bebé. Nesa mesma noite, despois de escribir ao pai unha longa carta, Pedro suicídase cun tiro. Afonso da Maia pasa a dedicar a súa vida ao neto, ao cal dá a educación inglesa, forte e austera, que en tempos soñara para o fillo. Nun capítulo do libro esa educación, considerada a ideal, é contraposta a aquela que unhas veciñas, as señoras Silveiras, dan ao fillo e sobriño Eusebioziño, unha personaxe mediocre.

Pasados algúns anos, Carlos contra a vontade de todos, excepto do seu avó, faise médico (profesión que, aínda nos finais do século XIX, era considerada sucia e indigna dun home de ben) e acaba por montar un luxoso consultorio e incluso manda construír un laboratorio, onde pretende dedicarse á investigación. Carlos é un dandi e bastante bohemio. Con todo, após varias aventuras, un día coñece unha muller chamada María Eduarda e apaixónase por ela, aínda supoñéndoa casada cun señor brasileiro, Castro Gomes. Carlos e María fanse amantes. Carlos, coa excepción da súa viaxe no fin de carreira, viviu sempre en Portugal, pensando que a súa irmá e a mai estaban mortas, e María Eduarda apenas se lembra de que tivera unha irmanciña, que morreu en Londres. De volta a Lisboa e desagradado coa nova de que a súa «muller» era amante de Carlos, Castro Gomes revela a este que María non é súa muller senón simplemente unha señora á cal paga para vivir con el. Así Carlos descobre que María lle mentiu sobre o seu pasado. Ela cóntalle o que sabe sobre a súa vida e el perdóaa. Resolven fuxir, mais van adiando o proxecto, pois Carlos recea magoar o avó. Este, xa vello, pasa o tempo en conversas cos amigos, lendo, co seu gato -Reverendo Bonifácio- aos pés, opinando sobre a necesidade de renovación do país. Afonso é xeneroso para cos amigos e os necesitados, ama a natureza e o que é pobre e débil. Ten altos e firmes principios morais. A verdade precipítase cando un tío dun amigo de Carlos (Guimarães, tío de Dâmaso Salcede), absolutamente por casualidade, revela a Ega, o grande amigo de Carlos, que María é irmá deste. Aínda que Ega é cauteloso ao dar a noticia a Carlos, este ten un grande choque. Porén, non consegue pensar en María como irmá e continúa a ser o seu amante. Ao descubrir a verdade, Afonso morre dunha apoplexía. Carlos e María sepáranse e el vai dar unha volta ao mundo.

O romance termina cando Carlos, pasados 10 anos, regresa a Lisboa de visita. O final é ambiguo, como o foi a acción de Carlos e João da Ega ao longo da narrativa: aínda que ambos afirmen que "non vale a pena correr para nada" e que todo na vida é ilusión e sufrimento, acaban por correr desesperadamente para apañar un transporte público que os leve a un xantar para o cal están atrasados.

Hai n'“Os Maias” un retrato da Lisboa da época. Carlos, que vive na Rúa das Janelas Verdes, camiña con frecuencia ata o Rossio (aínda que, ás veces, vai a cabalo ou en carruaxe). Algunhas das tendas citadas no libro aínda existen (a Casa Havaneza, no Chiado, por exemplo). É posible seguir os diferentes percorridos de Carlos ou do Ega polas rúas da Baixa lisboeta, aínda que algunhas teñan mudado de nome. Ao final do libro, cando Carlos volta a Lisboa moitos anos despois, somos levados a ver as novidades -a Avenida da Liberdade, que substituíu o Paseo Público, e que é descrita como unha cousa nova, e fea pola súa novidade, exactamente como nos anos 70 se falaba das casas de emigrante-.

O Ramalhete

[editar | editar a fonte]

Habitado no Outono de 1875, o Ramalhete situábase na Rúa de San Francisco de Paula, Janelas Verdes, Lisboa. É por tanto unha casa afastada do centro de Lisboa, daquela, nun local elevado da cidade, no barrio onde hoxe se sitúa o Museu Nacional de Arte Antiga. O seu nome deriva do panel de azulexos cun ramo de xirasoles pintados que se encontraba no lugar heráldico, ao envés do brasón de familia. Estes xirasoles non son inapropiados, pois simbolizan a ligazón da familia á terra, á agricultura.

O Ramalhete corresponde á descrición do palacio do Conde de Sabugosa, grande amigo de Eça de Queirós e membro do grupo dos Vencidos da Vida. As paredes severas e a tímida fila de xaneliñas son aínda visíbeis nas fachadas do casarón.

N'Os Maias, o Ramalhete é visto en tres perspectivas diferentes:

  • - Posto ao abandono.
  • - Habitada por Carlos da Maia e o avó, despois de decorada por un inglés.
  • - Dez anos despois, posta novamente ao abandono, despois de ser habitada dous anos (2ª perspectiva)

Catro elementos son de indiscutible importancia na caracterización do edificio en cada unha das perspectivas. Son un alcipreste e un cedro, unha fervenza e unha estatua de Venus Citerea.

Primeira perspectiva

[editar | editar a fonte]

Na primeira perspectiva o Ramalhete é descrito como un inútil pardieiro (palabras de Vilaça) e simple depósito dos mobles vindos dos palacetes de Benfica e Tojeira, vendidos recentemente (1870). Vilaça non estaba de acordo coa compra deste palacete, pois fora en Benfica onde Pedro da Maia se suicidara, á parte de ser aquela casa a ilustre morada da familia.

Era un edificio de paredes severas. Tiña un terrazo de ladrillo e un pobre quinteiro inculto, onde envellecian un alcipreste e un cedro, permanecía unha fervenciña seca e xacía a un canto unha estatua de Venus Citerea. A descrición de cada un deses elementos dános a idea de que este é un lugar botado ao abandono.

Un dos elementos principais na descrición do Ramalhete é unha estatua de Venus Citerea, identidade recoñecida por Monsenhor Buccarini, Nuncio de Súa Santidade.
    • Venus Citerea
"... ennegrecendo a un canto na lenta humidade das ramaxes silvestres."
Ennegrecendo - O uso do xerundio confire unha idea de continuidade que xa vén do pasado.
Canto - Esta expresión reforza a idea de abandono do lugar. Xeralmente un canto é un lugar solitario e esquecido, ao tempo que a estatua de Venus acompáñaa o estado de abandono do edificio.
Lenta humidade - Esta expresión é unha marca do estilo persoal do autor. O obxectivo, ao trocar muito por lento, é realzar o pasar dos anos, e non a cantidade de humidade.
    • Fervenciña
"... unha fervenciña seca"
Fervenciña seca - Este adxectivo simboliza a ausencia de vida. O uso do diminutivo inclúe na obra queiroziana, xeralmente, unha caracterización depreciativa e irónica. Porén, aquí o obxectivo de Eça é dar a impresión de que é algo simple, sinxelo.
    • Alcipreste e cedro
Simbolizan a morte, por asociación do alcipreste aos cemiterios, en Portugal.
Sen ningunha descrición adicional.

Segunda perspectiva

[editar | editar a fonte]

Despois de decorado por un inglés, o edificio ten agora un aspecto xubiloso, novo e limpo. Esta perspectiva simboliza o apoxeo do Ramalhete. Mentres tanto, permanece aínda o estilo romántico, bucólico e un certo melancolismo dramático. En canto dous elementos nos levan para un ambiente próspero, outros dous, especialmente o cedro e o alcipreste, continúan a ser un espectro da traxedia, pois son aquí descritos como dous amigos tristes.

A citación de Versalles, de forma metafórica, describe o replandecer do edificio na segunda perspectiva, marca do apoxeo da intriga principal.
    • Venus Citerea
"... parecia ter chegado de Versalles."
Chegado de Versalles - Esta metáfora simboliza o apoxeo da estatua e, conseguintemente das dúas protagonistas das intrigas principal e secundaria, María Eduarda e María Monforte, respectivamente. Só esta expresión bastaría para describir o ambiente do Ramalhete durante a segunda perspectiva, pois dá conta do seu resplandecer.
    • Fervenciña
"... unha delicia"
Delicia - O que antes era unha fervenciña seca, é descrita agora como unha delicia. Esta expresión simboliza a vida e alegría, así como algo tenro.
    • Alcipreste e cedro
"... envellecendo xuntos como dous amigos tristes"
Envellecendo - Novamente o uso do xerundio: acción continua.
Amigos tristes - Esta comparación confire unha sensación de ambigüidade, dentro desta perspectiva, pois nos remite a unha carga melancólica, ao tempo que todos os outros elementos acompañan o aspecto novo e pleno de vida do edificio

Terceira perspectiva

[editar | editar a fonte]

Na terceira perspectiva, a casa e o ambiente que a envolve e que a caracteriza, torna a ser descrito de forma melodramática. Esta perspectiva é dada dez anos despois de que María Eduarda e Carlos da Maia cometesen o incesto, período no cal eles tornan a Lisboa, antes de partir para o Xapón. Este último capítulo é aproveitado novamente para describir Portugal, despois de dez anos, onde poucas mudanzas se notaban. Con João da Ega, Carlos da Maia percorre os lugares que frecuentara, até chegar ao vello casarón de novo botado ao abandono, tal como o coñeceran. Todos os elementos que habitualmente caracterizan o palacete nas outras dúas perspectivas, van volver a transmitir o abandono e a melancolía daquel espazo.

    • Venus Citerea
"... unha ferruxe verde, de humidade, cubría os grosos membros da Venus Citerea."
Grosos membros - Mentres que na primeira perspectiva, a que está máis próxima desta terceira, a estatua aínda parece conservar algunha beleza, nesta descrición os seus membros son tratados como "grosos", sinal da fealdade a que o abandono a botou.
    • Fervenciña
"... e máis lento corría o prantiño da fervenza."
Prantiño da fervenza - Esta expresión significa que da fervenza, que na segunda perspectiva, parecía unha delicia, escorrían agora lentas lágrimas.
    • Alcipreste e Cedro
"... envellecían xuntos, como dous amigos nun ermo."
Como dous amigos nun ermo - O uso da expresión ermo, invoca, máis que abandono, inexistencia de vida, dado que, polo significado, ermo é un campo deserto.

A crítica social ou dos costumes

[editar | editar a fonte]

O romance traza sobre o país unha perspectiva moi derrotista, moi pesimista. Tirando a natureza (o Texo, Sintra, Santa Olávia…), é todo unha «choldra ignóbil». Predomina unha visión de estranxeiro, de quen só valora as «civilizacións superiores» -de Francia e Inglaterra, principalmente.

Os políticos son mesquiños, ignorantes ou corruptos (Gouvarinho, Sousa Neto…); os homes de Letras son bohemios e disolutos, retrógrados ou distantes da realidade concreta (Alencar, Ega…: lémbrese o que pasou no Sarao do Teatro da Trindade); os xornalistas bohemios e venais (Palma…); os homes do deporte non conseguen organizar unha carreira de cabalos, pois non hai hipódromo, nin cabalos, nin cabaleiros, as persoas non visten como o evento esixía, son feas.

Como remate de todo isto, os protagonistas acaban «vencidos da vida». A pesar de ser isto referido no final do libro, pódese ver que aínda hai algunha esperanza implícita nas pasaxes en que Carlos da Maia e João da Ega din que o apetito humano é a causa de todos os seus problemas e que polo tanto nunca máis terán apetitos, mais seguidamente din que lles está apetecendo un "prato de chourizo con ervellas", ou cando din que a présa non leva a nada e que a vida debe ser levada con calma, pero comezan a correr para apañar o americano (tranvía).

Máis que crítica de costumes, a novela móstranos un país -sobre todo Lisboa- que se disolve, incapaz de se rexenerar.

Cando o autor escribe máis tarde A Cidade e as Serras, expón unha actitude moito máis construtiva: o protagonista rexenérase pola descuberta das raíces rurais ancestrais non atinxidas pola degradación da civilización, nun movemento inverso ao que predomina n’Os Maias.

O papel das mulleres na obra

[editar | editar a fonte]

Non só n'Os Maias, tamén noutros libros de Eça de Queirós, como O Primo Basílio e O Crime do Padre Amaro, os personaxes femininos representan o pecado da luxuria, da perdición. Os historiadores tentan explicar este feito con base no rexeitamento materno que Eça sufriu.

Eça naceu fillo dunha relación non marital. Aínda que despois os seus pais casaron e tiveron máis fillos, nunca chegaron a recoñecelo como fillo. Eça foi criado coa avoa, despois cunha ama e máis tarde nun colexio. Os historiadores tentan establecer un paralelo entre o que a nai de Eça representou para el e a caracterización das mulleres na súa obra.

N'Os Maias, varias mulleres teñen relacións amorosas fóra do casamento. A primeira é María Monforte, a Negreira, que foxe co napolitano Tancredo, levando consigo a filla e orixinando a intriga principal. Raquel Cohen non resiste aos encantos de Ega, e fanse amantes, mesmo estando casada. O mesmo acontece entre Carlos da Maia e condesa de Gouvarinho. María Eduarda non estaba casada, mais preséntase en Lisboa co apelido do acompañante, ao paso que toda a sociedade lisboeta pensa que é o seu marido. Aínda así (e, aos ollos de Carlos, casada) envólvese nun romance con Carlos, que os leva a cometer o incesto.

Todas son caracterizadas como seres frívolos e envoltas nun ambiente de insatisfacción [María Monforte (casada con Pedro da Maia), a Gouvarinho e Raquel Cohen] e mesmo de degradación (imaxe que é dada de María Monforte no seu apartamento de París).

Ao paso que María Monforte e María Eduarda se insiren nas tramas secundaria e principal, respectivamente, as dúas outras personaxes son personaxes-tipo, que caracterizan a sociedade e os costumes da época.

Personaxes

[editar | editar a fonte]
Árbore xenealóxica da familia Maia.

Intriga principal

[editar | editar a fonte]

Intriga secundaria

[editar | editar a fonte]

Personaxes secundarias

[editar | editar a fonte]
  • Afonso da Maia.
  • María Eduarda Runa.
  • Tomás de Alencar non está directamente implicado na intriga secundaria (entre Pedro da Maia e María Monforte), mais a súa influencia naquela familia é grande, visto que é o mellor amigo de Pedro. Na obra, a familia é sempre descrita como unha familia que sabe recibir ben, e Alencar tivo sempre "o seu taller na mesa dos Maias", o que fai que sexa case considerado familiar.
  • João da Ega Ega equivale a Alencar, mais, desta feita, envolto na intriga principal (entre Carlos e María Eduarda), gozando de semellantes regalías en casa dos Maias, así como da amabilidade de Afonso.

Personaxes-tipo

[editar | editar a fonte]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Os Maias: Pontos essenciais de todos os capítulos
  • Alfredo Campos Matos,"Dicionário de Eça de Queiroz", Caminho, 1988 dep. legal 24464/88.
  • Roger Bismut, "Os Maias: imitação flaubertiana, ou recriação?", Colóquio/Letras, 69, 1982, pp. 20–28.
  • María Leonor Carvalhão Buescu, "O regresso ao 'Ramalhete'" in Ensaios de literatura portuguesa, Lisboa, Editorial Presença, 1985, pp. 104–119.
  • Jacinto do Prado Coelho, "Para a compreensão d'Os Maias como um todo orgânico" in Ao contrário de Penélope, Lisboa, Bertrand, 1976, pp. 167–188.
  • Suely Fadul Flory, "O Ramalhete e o código mítico: uma leitura do espaço em Os Maias de Eça de Queirós" in Elza Miné e , Ed. Caminho, 1984, pp. 69–114.
  • António Coimbra Martins "O incesto d'Os Maias" in Ensaios queirosianos, Lisboa, Europa-América, 1967, pp. 269–287.
  • João Medina, "O 'niilismo' de Eça de Queiroz n'Os Maias"; "Ascensão e queda de Carlos da Maia" in "Eça de Queiroz e a Geração de 70", Lisboa, Moraes Editores, 1980, pp. 73–81 e 83-86, respectivamente.
  • Jorge Vieira Pimentel, " As metamorfoses do herói e as andanças do trágico em Os Maias de Eça", Arquipélago, 1, Ponta Delgada, 1979, pp. 91–106.
  • Carlos Reis, Introdução à leitura d'"Os Maias", 4.ª ed., Coímbra, Almedina, 1982.
  • Carlos Reis, "Pluridiscursividade e representação ideológica n'Os Maias" in Leituras d'"Os Maias", Coímbra, Liv. Minerva, 1990, pp. 71–89.
  • Carlos Reis, (coord.) Leituras d'"Os Maias", Coímbra, Liv. Minerva, 1990.
  • Alberto Machado da Rosa, "Nova interpretação de Os Maias" in Eça, discípulo de Machado?, 2.ª ed., Lisboa, Ed. Presença, 1979.