Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | 16 de febreiro de 1998 (26 anos) Santoña, España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Altura | 188 cm | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | baloncestista | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Nacionalidade deportiva | España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | baloncesto | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Pivote | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Participou en | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
xuño de 2023 | EuroBasket Women 2023 (en) (2ª) (medalla de prata) | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
2021 | FIBA Women's EuroBasket 2021 (en) (7ª) | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Paula Ginzo Arantes, nada en Santoña o 16 de febreiro de 1998, é unha xogadora de baloncesto galega, que xoga na posición de pívote no Club Baloncesto Jairis, da Liga Feminina. É internacional coa selección española, coa que participou en dous Campionatos de Europa (conseguindo unha prata en 2023) e nos Xogos Olímpicos de 2024.
Nacida circunstancialmente en Santoña, a onde se desprazara súa nai por motivos laborais,[1] criouse en Ourense, onde comezou a practicar varios deportes como tenis, natación e fútbol.[1] Aínda que seu pai era adestrador de tenis, foi convencida polo seu entorno para que practicase baloncesto, xa que era alta e seu irmán xogaba no club dos Salesianos.[1]
Comezou a xogar na posición de ala nos propios Salesianos, ata que o equipo se desfixo e pasou ao Carmelitas Vedruna.[2][3] Con 14 anos medía xa preto de 1,90 metros e destacaba no equipo ourensán e nas categorías inferiores da selección galega, cando ingresou no centro formativo Segle XX de Esplugues de Llobregat, no que permaneceu catro anos.[4] No seu primeiro ano como xuvenil, xogaba xa de xeito habitual co primeiro equipo na LF2 e na seguinte campaña (2015/16) obtivo unha media de 9,5 puntos e 7,7 rebotes por partido.
En xuño de 2016, rematada a súa etapa como xuvenil, comprometeuse co UCAM Jairis de Alcantarilla, tamén da LF2, pero só uns días despois o club foi descendido administrativamente,[5] fichando entón Paula polo Rivas Ecópolis, onde completou un gran ano.[3][6]
Para a tempada 2017/18 fichou polo Estudiantes, co que debutou na Liga Feminina.[6] Posteriormente xogou dúas campañas no Al-Qázeres (2017-19) e outras dúas no Gernika (2020-22). En maio de 2022 anunciouse o seu regreso a Galicia como nova xogadora do Ensino Lugo. Co equipo de Antonio Pernas gañou a Copa Galicia, tras derrotar na final ao BAXI Ferrol.[7]
En 2023 recibiu unha oferta do Barça Santfeliuenc, tamén da máxima categoría. En abril de 2024, despois de lograr a permanencia co club catalán, este permitiulle deixar o equipo para que puidese disputar a parte final da tempada co Valencia Basket, ocupando o lugar da tamén galega Raquel Carrera, que sufriu unha lesión de longa duración.[8] Co equipo valenciano disputou a derradeira xornada de liga e tamén os play-offs polo título, nos que se acabou proclamando campioa.[9]
Internacional coa selección española dende as categorías inferiores, gañou un Campionato de Europa sub-16 (2013), un sub-18 (2015) e dous sub-20 (2017, 2018).
En novembro de 2018 debutou coa selección española absoluta, da man do seleccionador Lucas Mondelo, nun partido de clasificación para o Europeo contra os Países Baixos en Ámsterdam.[10][11] En 2021 disputou o seu primeiro Campionato de Europa e dous anos despois o segundo, no que conseguiu a prata tras perder a final diante de Bélxica.[12]
En 2024 foi unha das 12 xogadoras seleccionadas polo vigués Miguel Méndez para os Xogos Olímpicos de París.[13] Debutou nos Xogos cunha vitoria sobre a China na prórroga.[14] Dúas vitorias nos dous seguintes partidos colocaron á selección española como líder do Grupo A, pero o equipo caeu nos cuartos de final contra Bélxica por 66-79.[15]