O Pergamiño Sharrer é un fragmento de pergamiño copiado a finais do século XIII ou comezos do XIV, que contén sete cantigas de amor compostas polo rei de Portugal, don Dinís. Consérvase en Lisboa, no Arquivo Nacional da Torre do Tombo, Fragmentos, caixa 20, n. 2 (Casa Forte).
O fragmento foi descuberto o 2 de xullo de 1990 por Harvey Leo Sharrer, profesor da Universidade de California, Santa Barbara, no Arquivo Nacional da Torre do Tombo, en Lisboa. O pergamiño formaba parte da encadernación dun libro de rexistros notariais do século XVI.
Constitúe, xunto co Pergamiño Vindel, un dos dous únicos documentos achados de cantigas galaico-portuguesas con notación musical e o único deste tipo con cantigas de amor. É ademais, a fonte manuscrita portuguesa máis antiga de música profana en lingua vernácula que se conservou.
O seu tamaño é de 45,6 x 26,8 cm e está escrito polas dúas caras a tres columnas. O texto está manuscrito en letra gótica redonda e cursiva, e a música, en notación pre-franconiana con algúns trazos propios ibéricos. Cando se descubriu, o seu estado de conservación era bastante peor que o do Pergamiño Vindel, e non estaba completa a música de ningunha das sete cantigas que contén. En 1993 foi sometido a un proceso de restauración no cal se perdeu a maior parte da notación musical, que nos é coñecida só polas fotografías feitas denantes da restauración.[1]
Pénsase que podería ser un fragmento pertencente ao cancioneiro "Livro das Trovas de Dom Dinis", que como o seu nome indica, contiña composicións musicais da autoría do rei don Dinís e foi copiado no scriptorium real.
Musicalmente, as cantigas de amor do Pergamiño Sharrer son bastante diferentes ás cantigas de amigo de Martín Codax achadas no Pergamiño Vindel. Conteñen gran cantidade de melismas, cunha media de tres notas por sílaba e unha maior amplitude que as cantigas do Pergamiño Vindel, cun rango próximo á oitava.
A cantigas de amor que contén o pergamiño son as seguintes: