Esta é unha lista dos personaxes que aparecen no manga e mais o anime O detective Conan de Gosho Aoyama.
Shinichi Kudo é o protagonista desta historia. É un rapaz de 17 anos que ten engaiolada á policía de Toquio, pois coa súa idade xa ten resoltos unha chea de casos e resulta de grande axuda á policía nos máis complicados de resolver. O deporte que máis lle gusta é o fútbol e o seu personaxe literario favorito é Sherlock Holmes. Os seus pais son Yusaku Kudo, un sobranceiro escritor de novelas de misterio e Yukiko Kudo, unha famosa actriz. A súa mellor amiga dende que eran nenos é Ran Mouri da que está namorado.
Conan Edogawa é Shinichi encollido por mor da droga experimental dos Homes de Negro. Coa aparencia dun cativo segue a resolver os casos máis complicados aínda que moitas das veces todo o creto lévao o señor Mouri. O profesor Agasa fabrícalle unha morea de aparellos coma os tenis de forza, a paxariña imitadora de voces, o reloxo de dardos narcóticos ou os lentes radar.
Ran Mouri é a amiga da infancia de Shinichi, do que está namorada. Vai o mesmo instituto ca el e é a capitá do equipo de karate, ten bastante carácter pero é moi boa persoa. Os seus pais son Kogoro Mouri, un detective de pouca monta e Eri Kisaki, unha prestixiosa avogada. Ran non sabe que Conan é Shinichi, aínda que o sospeita nalgúns capítulos ao longo da historia. A súa mellor amiga é Sonoko Suzuki.
Kogoro Mouri é o pai de Ran. Hai anos fora policía e traballara en moitos casos a carón do inspector Megure. Agora Kogoro traballa coma detective privado na súa Axencia de Detectives Mouri. Pouco a pouco vai gañando sona en todas partes grazas a Conan, xa que é este quen resolve os casos durmindo a Kogoro co seu reloxo de dardos e imitando a súa voz coa paxariña. Así é como empeza a ser coñecido polo seu novo alcume: Kogoro Dormente. A Kogoro non lle cae moi ben Shinichi porque pensa que ameaza a súa reputación coma detective sobranceiro.
A Organización dos Homes de Negro é unha organización criminal secreta ficticia que fai o papel de antagonista principal na serie O detective Conan. Os primeiros membros dos que se soubo foron Gin e Vodka, os responsables da transformación en cativo de Shinichi Kudo.
A Organización dos Homes de Negro comezou os seus tratos xa hai 50 anos. O seu membro coñecido máis antigo era Pisco (Kenzo Matsuyama) quen realizaba investigacións do campo. A Organización está presidida por un misterioso xefe, descoñecido, quen envía ordes aos integrantes por medio do teléfono móbil. Ademais os pais de Ai Haibara, tamén eran membros da Organización.
A Organización ten varios cargos asignados dentro dela.
Gin e Vodka son os nomes en clave das dúas persoas que lle administraron a droga a Shinichi. Pertencen á Organización dos Homes de Negro e pouco se sabe sobre eles. Gin ten maior cargo ca Vodka dentro da organización.
Vermouth é unha peza importante dentro da Organización. A súa verdadeira identidade é Sharon Vineyard, unha famosa actriz estadounidense.
Akemi Miyano era a irmá de Shiho Miyano e formaba parte dos últimos chanzos da organización. Traballaba para eles co trato futuro de que deixasen ceibe a súa irmá. Pero os Homes de Negro non cumpriron a súa palabra e acabaron por desfacerse dela.
Tequila é un dos membros da Organización dos Homes de Negro. Morre a causa dunha explosión estando nunha presentación dunha compañía de videoxogos.
Kenzo Matsuyama é un home de 71 anos, magnate do mundo empresarial. Co nome en clave de Pisco é un dos membros da Organización dos Homes de Negro con máis idade. Tiña como cometido matar a un concelleiro no Hotel Cidade de Haido. Ó final asasínao Gin por orde de Vermouth pola súa incompetencia ó deixarse fotografar pola prensa.
Juuzou Megure é o inspector xefe da policía da xefatura de Toquio. Encóntrase a miúdo con Kogoro e Conan e adoita ir acompañado polo axente Takagi. É un home corpulento e ten un carácter autoritario. En ocasións moléstalle ver que Kogoro estea involucrado en tantos asasinatos e acaba por crer que o señor Mouri é gafe. Ten unha cicatriz na testa e por iso leva sempre o sombreiro posto.
Inocente e despistado, Wataru Takagi é inspector da policía de Toquio e acompaña normalmente a Megure. Está namorado de Sato.
Miwako Sato é inspectora da policía de Toquio esperta en artes marciais. Admira ó inspector Megure coma se fose un verdadeiro pai para ela, xa que o seu morreu sendo ela unha cativa.
O axente Chiba é un policía de Toquio que ás veces axuda a resolver algún caso.
Ninzaburo Shiratori é o recentemente ascendido a inspector xefe; a forma de ser deste policía é un tanto fachendosa xa que non admite nunca que Conan ten certa capacidade para encamiñar os casos. Está, ao igual que Takagi, namorado de Sato.
Yumi Miyamoto é unha axente de tráfico da policía de Toquio. En moitas ocasións axuda a Takagi a conquistar a Sato.
O axente Tome é o xefe da policía científica encargado de encontrar indicios e pegadas que poidan aclarar a autoría dos asasinatos.
Heizo Hattori é o comisario xefe da policía de Osaca. O seu fillo é Heiji Hattori e a súa muller, Shizuka Hattori.
O Sr. Toyama é o comisario da policía de Osaca, que traballa sempre con Heizo Hattori ao seu carón. É o pai de Kazuha Toyama.
Ó comezo, Sango Yokomizo fora o inspector xefe da prefectura de Saitama. Tempo despois é destinado a prefectura de Shizuoka para ocupar ese mesmo posto nesa comisaría. Yokomizo admira moito o señor Mouri e a súa faceta de Kogoro Dormente.
O inspector Yamamura é oficial novato da policía da prefectura de Gunma. É un entusiasta do seu traballo pero a súa forma de levar as pescudas é bastante inxenua e inepta. Admira a Kogoro Mouri.
Jodie Saintemillion é a profesora de inglés do instituto Teitan. Chegou ó Xapón dende os Estados Unidos. Faise pasar por profesora pero en realidade é axente do FBI e está perseguindo a Vermouth.
Shuichi Akai é un misterioso axente do FBI que sempre leva posto un pucho negro de la.
James Black tamén forma parte do FBI. Vivía en Chicago pero agora atópase no Xapón xunto a Jodie e Akai e é o que ten o maior rango de todos eles. É un home moi intelixente e ata Shinichi móstrase abraiado pola súa perspicacia.
Genta Kojima é un neno amigo de Conan e que forma parte da Asociación de Detectives Xuvenís. É o máis mangallón do grupo e zóscalle a todo aquel que lle leva a contra a Ayumi. Gústalle papar a todas horas e onde sexa, e devece sempre por un prato de anguías á prancha.
Ayumi Yoshida é unha nena amiga de Conan e que tamén forma parte da Asociación de Detectives Xuvenís. Doce e moi amigable, Ayumi está namorada de Conan.
Mitsuhiko Tsuburaya tamén é membro da Asociación de Detectives Xuvenís e amigo de Conan. Intenta ter sempre un razoamento científico.
Shiho Miyano pertenceu á Organización dos Homes de Negro co nome en clave de "Sherry" e foi ela a creadora da droga que encolleu a Shinichi, a apoptoxina 4869 (APTX 4869), pero non soportou que Gin e Vodka asasinaran a Akemi Miyano, a súa irmá, e decidiu deixar na estacada á organización. Cando Gin e Vodka souberon dos seus verdadeiros propósitos, apreixárona. Shiho decidiu entón suicidarse tomando a súa propia droga pero os seus insólitos efectos secundarios convertérona na nena Ai Haibara. Ai faise amiga de Shinichi e vai vivir para a casa do profesor Agasa.
Hiroshi Agasa é o veciño e amigo de Shinichi. Ten 52 anos e é un científico ó que todo lle sae mal, pero de cando en vez fai algo de xeito e dállo a Conan para axudarlle nos seus casos. É, ademais, o primeiro en coñecer a verdadeira identidade de Conan. Gústanlle moito os nenos e por iso non dubida en levar sempre de excursión os nenos da Asociación de Detectives Xuvenís. Ó final acaba acollendo de bo grao na súa casa a Ai Haibara.
Sonoko Suzuki é a mellor amiga de Ran e compañeira de instituto. Pertence a unha familia adiñeirada. Sempre anda á procura dalgún mozo co que saír.
Se ben Shinichi é o detective xuvenil máis coñecido en Toquio, Heiji Hattori é o detective xuvenil máis coñecido en Osaka. A rivalidade que nun primeiro intre xorde entre os dous detectives vaise convertendo co paso do tempo nunha verdadeira amizade. Heiji ten 17 anos e descubriu a verdadeira identidade de Conan a partir das súas deducións. É un bo loitador de kendo. Os seus pais son Heizo Hattori, comisario xefe da policía de Osaka e Shizuka Hattori.
Kazuha Toyama é a mellor amiga de Heiji desde que eran cativos. O seu pai traballa con Heizo na comisaría de Osaka.
Makoto Kyougoku é o mozo de Sonoko. É karateka e aparece moi pouco na historia.
Yusaku Kudo é o pai de Shinichi e actualmente reside nos Ánxeles. Sabe que Conan é Shinichi. Yusaku é un célebre escritor de novelas de misterio, famoso pola súa obra "O Misterioso Barón Nocturno". É bastante infantil e sempre que pode gástalle (coa axuda de Yukiko) unha broma de mal gusto ó pobre de Shinichi.
Yukiko Kudo é a nai de Shinichi e actualmente reside nos Ánxeles. Sabe que Conan é Shinichi. Yukiko é unha famosa actriz que deixou a súa carreira no mundo do espectáculo ó casar, cando tiña 20 anos. É bastante infantil e sempre que pode gástalle (coa axuda de Yusaku) unha broma de mal gusto ó pobre de Shinichi.
Eri Kisaki é a nai de Ran e muller de Kogoro Mouri de quen se quere separar. Traballa como avogada no Bufete de Avogados Kisaki e é coñecida como A Raíña, por ser moi boa na súa profesión.
Shizuka Hattori é a muller do comisario Heizo e nai de Heiji Hattori. É unha experta das artes marciais.
Caco Kid, antes coñecido como 1412 é un ladrón moi sobranceiro que non utiliza a violencia para maquinar os seus roubos. Ten un gran talento para o disfrace, é un bo imitador de voces e ten unha aparencia física moi parecida á de Shinichi. Unha americana branca cunha capa de seda, unha camisa azul, unha gravata vermella, un sombreiro de copa e un monóculo constitúen a súa mítica indumentaria. A súa verdadeira identidade é Kaito Kurobane (Kaito Kuroba no orixinal), un estudante de instituto de 17 anos afeccionado á maxia.
Seiko Nakamori (Aoko Nakamori no orixinal) é a mellor amiga de Kaito, aínda que ela sente algo máis por el. Ten 17 anos e tamén estuda no mesmo instituto. Odia a Caco Kid porque sempre lle está a crear problemas ó seu pai Ginzo Nakamori. Non sabe que Kaito e Caco Kid son a mesma persoa.
Ginzo Nakamori é o pai de Aoko. Ginzo é inspector da policía e o seu maior desafío é conseguir atrapar dunha vez por todas ó famoso ladrón Caco Kid aínda que este sempre consegue escaparlle no último momento. É unha persoa cun carácter moi autoritario e sempre está a rifar e a zoscarlle ós seus axentes.
Saguru Hakuba é un detective londiniense da idade de Shinichi e de Kaito. Desprázase o Xapón para intentar atrapar a Caco Kid. Ten como mascota unha ave rapaz chamada Watson.
Beniko Koizume (Akako Koizume no orixinal) é unha compañeira de clase de Kaito e Aoko. É practicante de bruxería e adoita ter visión do que acontecerá. Akako sabe que Kaito e Caco Kid son a mesma persoa.
Keiko Momoi é a mellor amiga de Aoko. Leva lentes e ten unha faciana que recorda moito á de Conan.
Tomoaki Araide é o médico que se encarga de facer as revisións ós estudantes no instituto Teitan. Ran parece levarse moi ben con el, cousa que en ocasións esperta un certo desacougo en Shinichi. O seu pai, que tamén era médico, morreu asasinado, electrocutado na bañeira da súa casa.
Yoko Okino é unha famosa actriz e cantante. Ten como primeiro admirador a Kogoro Mouri.
Azusa Enomoto é a camareira do bar chamado Poirot, que está embaixo da Axencia de Detectives Mouri.
Midori Megure a muller do Inspector Megure. Coñecéronse traballando xuntos nun caso no que un tipo atropelaba a raparigas de instituto. Os dous acabaron feridos, pero finalmente todo rematou ben e acabaron casando.