Algúns sapos conteñen substancias pezoñentas.As píntegas son animais considerados pezoñentos.Ferrón de avespa co veleno a saír.A faneca brava é típica nas praias galegas, crava as tres espiñas dorsais pezoñentas nos pés dos bañistas.
Pezoña é un líquido velenoso segregado por algúns animais[1].
É unha substancia velenosa ou destrutiva tóxica producida e inoculada noutro animal por aparato inoculatorio presente no ser vivo produtor por picadura ou mordedura[2]. Son toxinas que son utilizadas activamente para caza ou defensa; en contraste, os animais velenosos producen velenos, que se utilizan de forma pasiva para defensa. O termo en galego adoita referirse ao veleno só dalgúns animais como serpes, escorpións, sapos e píntegas etc.[3]. De feito a píntega (tamén a víbora[4]) recibe ás veces mesmo o nome de pezoña[5].
As pezoñas poden estar compostas de diversas formas, sendo común a presenza de proteínas e péptidos.
O termo pezoña (do latín vulgar potionea[6]) (en portugués: peçonha, en castelánponzoña) está relacionado co francés e inglés: poison que significa veleno, mentres que á pezoña lle chaman venin e venom respectivamente.
Pezoña é todo tipo de substancia tóxica animal producida por unha glándula especializada (ou sexa, o animal posúe unha estrutura específica para producir a substancia). Xeralmente cando inxeridas son inactivadas polas encimas dixestivas. A glándula de pezoña pode ou non estar aliada a unha estrutura de inoculación: os sapos posúen unha pezoña de defensa (cando unha serpe vai mordelo, ao premer as glándulas no seu dorso, prodúcese a liberación da pezoña que vai causar irritación na mucosa do agresor). Os animais predadores xeralmente posúen a glándula de pezoña aliada a unha estrutura de inoculación, como as Crotalidae, serpes que posúen un par de caninos anteriores cunha canle central por onde circula a pezoña.
A pezoña citotóxica afecta células e tecidos: ocorre unha destrución de células e tecidos, seguida de necrose da rexión afectada.
A pezoña hemotóxica afecta a células sanguíneas: os vasos sanguíneos perden a súa capacidade de reter o sangue, a capacidade de coagulación e o sistema imunolóxico son anulados, ocorren hemorraxias internas e outros síntomas.
A pezoña miotóxica afecta os músculos: produce lesións de fibras esqueléticas con liberación de encimas e mioglobina para o soro e son posteriormente excretadas polos ouriños. O feito que máis se observa nesta acción, son as dores musculares que permanecen durante un longo período. O tratamento fundamental consiste na aplicación precoz de soro antiofídico por vía endovenosa.
A pezoña neurotóxica afecta o sistema nervioso: ocorre debido á fracción crotoxina, unha neurotoxina de acción presináptica que actúa nas terminacións nerviosas inhibindo a acción da acetilcolina, sendo o principal factor responsábel do bloqueo neuromuscular, o que vai ocasionar as parálises motoras.
A terapéutica popular contra os animais pezoñentos é moi variada. As raspaduras do dente cairo do porco bravo, bebidas, estimábanse moi eficaces para curar as súas picaduras ou contactos.
O termo pezoña aparece nos dicionarios galegos xa do século XVIII. Ademais é moi nomeada na literatura galega dende antes do rexurdimento (século XIX), xa que é un termo moi empregado na lingua coloquial, moitas veces non só a nivel científico, senón relacionado coa maxia e os meigallos:
Hai bocas tan pezoñentas com'as cóbregas e as píntigas, que deixan dentro do corpo a pezoña, cando bican...[9]
O termo pezoñento ou pezoñoso refírese ao animal que ten pezoña. Unha substancia ou soro antipezoñoso é aquel que contrarresta a acción do veleno das serpes, tamén chamado antiofídico, antiveleno ou antipezoñento[3].
↑Complemento de definición en Diccionario Cumio da lingua galega Vigo, Edicións do Cumio, 1999
↑ 3,03,1Diccionario galego de termos médicos, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2002
↑Constantino García González (1985): Glosario de voces galegas de hoxe, Universidade de Santiago, Verba, anexo 27
↑Léxico de xeografía, Universidade de Santiago de Compostela, Universidade, 1996; "Zooloxía" en Vocabulario de ciencias naturais, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1991; Gran dicionario Xerais da lingua galega, Vigo, Xerais, 2009; e Dicionario da Real Academia Galega A Coruña, RAG, 2012