Pinchi | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Óscar Francisco García Quintela | ||
Nacemento | 17 de xuño de 1996 (28 anos) | ||
Lugar de nacemento | A Coruña | ||
Altura | 1,71 m. | ||
Posición | Centrocampista | ||
Información de club | |||
Club actual | Racing de Ferrol | ||
Número | 3 | ||
Carreira xuvenil | |||
2005–2013 | Deportivo da Coruña | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
2013–2018 | Deportivo B | 96 | (49) |
2015–2017 | Deportivo da Coruña | 1 | (0) |
2018–2019 | Atlético de Madrid B | 35 | (10) |
2019–2021 | Extremadura UD | 38 | (5) |
2020–2021 | → Fuenlabrada | 27 | (3) |
2021–2023 | Las Palmas | 16 | (0) |
2022–2023 | → Mirandés | 38 | (3) |
2023– | Çaykur Rizespor | 13 | (0) |
2024– | Racing de Ferrol | 1 | (0) |
Partidos e goles só en liga doméstica. Club: actualizado a 14 de febreiro de 2024. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Óscar Francisco García Quintela, coñecido como Pinchi, nado na Coruña o 17 de xaneiro de 1996,[1][2] é un futbolista galego, que xoga de centrocampista no Racing de Ferrol, da Segunda División, cedido polo Çaykur Rizespor turco.
Entrou na canteira do Deportivo da Coruña en 2005, aos nove anos. Pasou polas diferentes categorías do club e na tempada 2013/14 debutou co Fabril en Terceira División, disputando 17 encontros e marcando o seu primeiro gol, contra o Rápido de Bouzas. Seguiu alternando o equipo xuvenil co filial na 2014/15 e xa para a tempada 2015/16 pasou a ser xogador do Fabril a todos os efectos. Marcou 19 goles na liga regular esa tempada, formando unha gran dupla goleadora co colombiano Juan Ferney Otero, e fixo outro gol máis na fase de ascenso a Segunda B, na que o equipo de Manuel Mosquera caeu eliminado contra o Navalcarnero.
Esa mesma campaña debutou co primeiro equipo do Deportivo da Coruña, adestrado por Víctor Sánchez. Foi o 16 de decembro de 2015, nun partido de Copa do Rei fronte á UE Llagostera que rematou en empate (1–1). Comezou a tempada 2016/17 da Terceira División marcándolle cinco goles ao Compostela na primeira xornada e rematou a competición como o segundo máximo goleador do Grupo I, só por detrás do seu futuro compañeiro de equipo Uxío, por aquel entón no Cerceda. O Fabril proclamouse campión do seu grupo e logrou o ascenso á categoría de bronce despois de derrotar ao Cacereño.[3]
Ademais, o 20 de xaneiro de 2017 debutou na Primeira División, nun encontro contra a UD Las Palmas a domicilio que rematou en empate (1–1), e no que o adestrador Gaizka Garitano lle deu entrada case ao final do partido como substituto de Joselu.[4] Na tempada 2017/18 disputou 28 encontros e marcou 6 goles co Fabril na Segunda B, na que foi a mellor campaña da historia do club, rematando na segunda posición e xogando a promoción de ascenso a Segunda contra o Extremadura.[5]
O 27 de xuño de 2018, deixou o Dépor despois de 13 anos na disciplina do club, e uniuse ao Atlético de Madrid B.[6] No equipo de Óscar Fernández foi titular en case todos os partidos, marcando 10 goles e xogando unha nova fase de ascenso a Segunda.
O 19 de xullo de 2019, o Extremadura UD, de Segunda División, anunciou a fichaxe de Pinchi por tres tempadas.[7] O 8 de febreiro de 2020 anotou o seu primeiro gol como profesional, na derrota por 2-4 fronte ao Tenerife.[8] Xogou 38 partidos ao longo da tempada e marcou 5 goles. Os seus últimos dous tantos anotounos, co equipo estremeño xa descendido, na 40ª xornada fronte ao Deportivo da Coruña, e serviron para remontar o partido e lograr unha vitoria por 2-3 que deixou ao seu antigo equipo ao bordo do descenso, do que non conseguiu fuxir.[9] En setembro de 2020 marchou cedido ao Fuenlabrada, onde xogou 29 partidos, aínda que só 9 deles como titular, facendo tres goles.[10]
En xullo de 2021 anunciouse a súa fichaxe pola UD Las Palmas, onde asinou por tres tempadas.[11] Chegou ao equipo como unha petición do adestrador Pepe Mel, pero contou con pouca participación no conxunto amarelo, situación que empeorou trala chegada ao banco de García Pimienta.[12] Disputou un total de 18 partidos, a gran maioría deles como suplente, sumando menos de 700 minutos de xogo. No verán de 2022 a directiva do club, encabezada polo galego Luis Helguera, decidiu buscarlle unha saída, polo que foi cedido ao Mirandés, da mesma categoría.[13] En Miranda de Ebro, ás ordes de Joseba Etxeberria, o xogador coruñés converteuse nunha das pezas máis destacadas do equipo, que conseguiu o obxectivo da permanencia. Disputou 39 partidos, 33 deles como titular, e marcou 6 goles.[12]
En agosto de 2023 anunciouse o seu traspaso ao Çaykur Rizespor, da Süper Lig turca.[14] Debutou co seu novo equipo na primeira xornada de liga, diante do Adana Demirspor, converténdose no terceiro futbolista galego en xogar no campionato turco, despois do vilagarcián Dani Abalo e do coristanqués Angeliño. A súa estrea no campionato de liga produciuse nun partido ante o Adana Demirspor e sumou 13 partidos de liga e dous da Copa de Turquía, ata que no mercado invernal anunciouse a súa cesión ao Racing de Ferrol, da Segunda División.[15]