Os plasmalóxenos son un tipo de éter fosfolípido caracterizado pola presenza dun enlace vinil éter na posición sn-1 e un enlace éster na posición sn-2.[1][2][3] Nos mamíferos, a posición sn-1 deriva tipicamente de alcohois graxos C16:0, C18:0, ou C18:1, mentres que a posición sn-2 está ocupada xeralmente por ácidos graxos poliinsaturados. Os grupos de cabeza máis comúns presentes nos plasmalóxenos de mamíferos son a etanolamina (estes denomínanse plasmeniletanolaminas) ou colina (denominados plasmenilcolinas).
Os plasmalóxenos encóntranse en numerosos tecidos humanos, e son particularmente abondosos no sistema nervioso, o inmunitario e o cardiovascular.[1][2][3] No tecido cardíaco humano, case o 30–40% dos glicerofosfolípidos de colina son plasmalóxenos, e case o 30% dos glicerofosfolípidos do cerebro humano adulto e ata o 70% dos glicerofosfolípidos de etanolamina das vaíñas de mielina son tamén plasmalóxenos.[4]
Aínda que as funcións dos plasmalóxenos non foron totalmente esclarecidas, demostrouse que poden protexer as células de mamíferos contra os efectos daniños das especies reactivas do oxíxeno.[1][2][3] Ademais, foron sinalados como moléculas de sinalización celular e moduladores da dinámica das membranas.
Os plasmalóxenos foron descritos por primeira vez por Feulgen e Voit en 1924 baseándose en estudos de preparacións de cortes de tecidos.[1] Trataron ditos cortes de tecidos con ácido ou cloruro de mercurio como parte dun método de tinguidura dos núcleos. Isto deu lugar á rotura do enlace vinil éter do plasmalóxeno, rendendo aldehidos. Á súa vez, estes últimos reaccionaban cunha tinguidura de fucsina-ácido sulfuroso utilizada nesta técnica de tinguidura de núcleos e iso deu lugar a compostos coloreados dentro do citoplasma celular. Os plasmalóxenos recibiron o seu nome polo feito de que estes compostos coloreados estaban presentes na parte interna ou "plasmal" da célula.[1]
A biosíntese de plasmalóxenos (PLs) empeza coa asociación do encima da matriz dos peroxisomas GNPAT (glicerona fosfato acil transferase) e da AGPS (alquil-glicerona fosfato sintase) do lado luminal das membranas do peroxisomas.[5] Estes dous encimas poden interaccionar fisicamente un co outro para incrementar a súa eficiencia. Por esa razón, os fibroblastos con actividade AGPS teñen un nivel de actividade de GNPAT reducida.[6][7]
O primeiro paso da biosíntese é catalizada pola GNPAT. Este encima acila a dihidroxiacetona fosfato (DHAP) na posición sn-1. Isto vai seguido do cambio do grupo acilo por un grupo alquilo feito pola AGPS.[8] A 1-alquil-DHAP resultante é despois reducida a 1-O-alquil-2-hidroxi-sn-glicerofosfato (GPA) por unha acil/alquil-DHAP redutase localizada nas membranas dos peroxisomas e do retículo endoplasmático.[9] Todas as demias modificacións ocorren no retículo endoplasmático. Alí, unha alquil/acil GPA aciltransferase sitúa un grupo acilo na posición sn-2 e o grupo fosfato é retirado da molécula por unha ácido fosfatídico fosfatase para formar 1-O-alquil-2-acil-sn-glicerol.
Unha fosfotransferase que utiliza CDP-etanolamina forma 1-O-alquil-2-acil-sn-GPEtn. Despois de producirse a deshidroxenación nas posicións 1 e 2 do grupo alquilo por un sistema de tansporte de electróns e pola plasmeniletanolamina desaturase, fórmase finalmente o enlace vivnil éter do plasmalóxeno. A plasmenilcolina fórmase a partir de 1-O-alquil-2-acil-sn-glicerol pola acción da colina fosfotransferase. Como non hai unha plasmenilcolina desaturase, os plasmalóxenos de colina poden formarse só despois da hidrólise dos plasmalóxenos de etanolamina a 1-O-(1Z-alquenil)-2-acil-sn-glicerol, que pode ser modificado pola colina fosfotransferase e a CDP colina.[10][11]
Os trastornos da bioxénese dos peroxisomas son trastornos xenéticos autosómicos recesivos caracterizados pola alteración da biosíntese de plasmalóxenos. Nestes casos, o encima peroxisómico GNPAT, necesario para os pasos iniciais da biosíntese dos plasmalóxenos, está mal localizado no citoplasma, onde é inactivo. Ademais, as mutacións xenéticas nos xenes da GNPAT ou AGPS poden orixinar deficiencias en plasmalóxenos, o que leva ao desenvolvemento da doenza condrodisplasia punctata rizomélica (RCDP) tipo 2 ou 3, respectivamente.[12] Neses casos, ambas as copias dos xenes da GNPAT ou da AGPS deben estar mutadas para que se manifeste a doenza. A diferenza do que ocorre ns trastornos da bioxénese dos peroxisomas, outros aspectos da ensamblaxe dos peroxisomas en pacientes de RCDP2 e RCDP3 son normais como tamén o é a súa capacidade de metabolización de ácidos graxos de cadea moi longa.
Os niveis reducidos de plasmalóxenos no tecido cerebral foron asociados coa enfermidade de Alzheimer,[13][14][15][16] a adrenoleucodistrofia ligada ao X,[17][18] e a síndrome de Down.[19]
Ademais de nos mamíferos, os plasmalóxenos tamén se encontran nos invertebrados e protozoos. Entre as bacterias atopáronse en moitas especies anaerobias dos Clostridia, Megasphaera, e Veillonella. Os plasmalóxenos parece que tiveron unha complexa historia evolutiva baseada no feito de que as súas vías biosintéticas difiren nos organismos aerobios e anaerobios.[20]
Recentemente, demostrouse que os glóbulos vermellos do sangue de humanos e grandes simios (chimpancés, bonobos, gorilas, e orangutáns) teñen diferenzas na súa composición de plasmalóxenos.[3] Os niveis de plasmalóxenos totais nos glóbulos vermellos son menores en humanos que en bonobos, chimpancés, e gorilas, pero maiores que nos orangutáns. Os datos de expresión xénica de todas estas especies servíronlle aos autores do estudo para especular que noutros tecidos de humanos e grandes simios tamén hai diferenzas nos niveis de plasmalóxenos. Aínda que se descoñecen as consecuencias destas diferenzas potenciais, estas diferenzas entre as especies poderían influír no funcionamento de órganos e en múltiples procesos biolóxicos.