Preoccupations | |
---|---|
A banda no NOS Primavera Sound 2015 de Porto | |
Orixe | Calgary, Alberta, Canadá |
Período | 2012-presente |
Xénero(s) | post-punk, art punk, noise rock, indie rock, industrial |
Selo(s) discográfico(s) | Mexican Summer, Flemish Eye, Jagjaguwar |
Membros | Matt Flegel Mike Wallace Scott Munro Daniel Christiansen |
Artistas relacionados | Women, Lab Coast, Chad VanGaalen, Friendo |
Na rede | |
Bandcamp | |
Preoccupations é unha banda canadense de post-punk procedente de Calgary, Alberta, e formada no ano 2012 co nome de Viet Cong. O grupo está composto por Matt Flegel (voces, baixo), Scott Munro (guitarra, sintetizadores), Daniel Christiansen (guitarra) e Mike Wallace (batería). O estilo musical da banda foi descrito como "post-punk labiríntico".[1]
No ano 2010 a banda Women entrou nun hiato indefinido tras unha pelexa no escenario.[2] O guitarrista do grupo, Christopher Reimer, morreu en 2012.[3][4] Tras a morte de Reimer e a disolución de Women o seu exbaixista Matt Flegel decidiu formar un novo grupo co guitarrista Scott Munro (anteriormente en Lab Coast); os dous xiraran recentemente como músicos ao vivo con Chad VanGaalen. Recrutaron ao exbatería de Women Mike Wallace e ao guitarrista Daniel Christiansen (que tocara nunha banda de versións de Black Sabbath xunto con Flegel e Wallace).[5]
O EP de estrea da banda, un casete autoeditado, foi publicado no ano 2013.[5]
A banda actuou no festival SXSW no ano 2014,[6] e despois asinou co selo canadense Flemish Eye.[7] O primeiro casete da banda foi reeditado en vinilo por Mexican Summer o 8 de xullo de 2014.[8]
A banda editou o seu álbum de estrea, Viet Cong, o 20 de xaneiro de 2015 a través dos selos Jagjaguwar e Flemish Eye.[9] O grupo anunciou plans para unha xira por Norteamérica e Europa para promocionar o álbum.[10]
A banda frecuentemente enfrontouse á controversia debido ao seu nome orixinal, con acusacións tanto de racismo como de apropiación cultural debido á asociación do nome co Viet Cong vietnamita orixinal. En marzo de 2015 tiña que actuar no Oberlin College, pero o concerto foi cancelado debido ao seu "nome ofensivo".[11]
En setembro de 2015 o grupo anunciou que cambiaría o seu nome, publicando na súa páxina de Facebook, "Somos unha banda que quere facer música e tocala para os nosos seguidores. Non estamos aquí para causar dor ou recordarlle á xente atrocidades do pasado".[12] O 29 de marzo de 2016 a revista musical canadense Exclaim! informou que a banda aínda estaba tocando co nome de Viet Cong, e colocou un contador a tempo real na súa páxina que marcaba os "días dende que Viet Cong prometera cambiar o seu nome".[13]
O 21 de abril de 2016 Flegel anunciou nunha entrevista para Pitchfork que a banda pasaría a actuar e gravar baixo o nome "Preoccupations".[14] O seu segundo álbum de estudio, Preoccupations, foi editado xa baixo o seu novo nome o 16 de setembro de 2016.[15]
O 16 de xaneiro de 2018 a banda estreou un novo sinxelo, "Espionage". O seu terceiro álbum de estudio, New Material, foi publicado o día 23 de marzo dese mesmo ano.[16] No mes de setembro Preoccupations anunciou unha xira cos estadounidenses Protomartyr nos meses de novembro e decembro.[17]
A principios do ano 2019 o grupo iniciou unha xira por Europa que os trouxo a Vigo o día 27 de xaneiro, onde tocaron no Radar Estudios coa banda local Kings of the Beach.[18]
O 5 de outubro de 2020 a banda anunciou en Twitter que estaba traballando nun novo álbum.[19] Este cuarto traballo, titulado Arrangements, foi publicado o día 9 de setembro de 2022.[20]
Álbum | Ano | Selo | Notas |
---|---|---|---|
Viet Cong | 2015 | Flemish Eye/Jagjaguwar | como Viet Cong |
Preoccupations | 2016 | Flemish Eye/Jagjaguwar | |
New Material | 2018 | Flemish Eye/Jagjaguwar | |
Arrangements | 2022 | Flemish Eye/Jagjaguwar |