O quinario (en latín: quinarius nummus) foi unha moeda da Antiga Roma de prata, creada no século III a. de C., en tempos da República, co valor de medio denario de prata ou cinco ases de bronce.[1][2][3][4][5]
No inicio do período imperial, utilizouse tamén a denominación de quinario de ouro (quinarius aureus) para se referir á moeda de medio áureo.[6]
O quinario comezou a ser cuñado no marco da segunda guerra púnica, en 211 a. de C., simultaneamente ao denario e ao sestercio, herdando o seu valor de cinco ases do anterior quincussis de bronce republicano[7]. De feito, a esta equivalencia de cinco ases (ou medio denario) debe tanto a orixe da súa denominación, quinarius nummus derivada de quinque ("cinco"), como a marca de valor que representa o numeral romano V (pola mesma razón, o denarios amosan a marca X).[8][9]
En palabras de Plinio (23-79):[10]
“ | (...) Placuit denarius pro decem libris aeris, quinarium pro quinque (...) | ” |
O mesmo Plinio recolle tamén na súa obra unha cita de Volusius Maecianus:[11]
“ | (...) Denarius primo asses decem valebat, unde et nomen traxit: quinarius dimidium ejus, id est quinque asses, unde et ipse vocatur (...) | ” |
A tipoloxía inicial destas primeiras emisións, tanto dos quinarios como dos denarios, consistía na cabeza con casco da deusa Roma no anverso e os Dióscuros no reverso.[12][13]
Logo da súa oprimera emisión, o quinario foi reintroducido en 101 a. de C. en substitución do vitoriato, pero nese momento coa nova equivalencia de oito ases, por mor do reaxuste do denario, que pasara a valer 16 ases nunha reforma de 118 a. de C.[14] Nos anos seguintes a esta reintrodución, cuñáronse grandes cantidades de quinarios, a maioría deles para a súa posta en circulación na Galia.[15]
A partir de aí, a produción de quinarios foi moi esporádica na fase final da República e durante o Imperio, ata o século III.[16] Na decadencia do Imperio, a partir de Aureliano (270-275), emitíronse quinarios moi desvalorizados de billón e, finalmente, só de cobre, antes da súa desaparición definitiva.[17]
A posterior denominación de quinarius aureus (quinario áureo ou de ouro), para o valor de medio áureo, que xa aparecera no período republicano, foi integrada no novo sistema monetario instituído por Augusto no ano 19 a. de C.[18][19]
A súa emisión foi esporádica e non circulou en todo o Imperio. Rrealmente non foi unha moeda relevante no sistema. A súa tipoloxía foi común á do áureo.[20]
No ano 64 d. de C., a reforma monetaria de Nerón reduce o peso do áureo a 7,26 gramos e o quinario áureo sufriu unha desvalorización proporcional.
Áureo | Quinario (Au) | Denario | Quinario (Ag) | Sestercio | Dupondio | Ás | Semis | Quadrans | |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Áureo | 1 | 2 | 25 | 50 | 100 | 200 | 400 | 800 | 1.600 |
Quinario (Au) | 1/2 | 1 | 12 1/2 | 25 | 50 | 100 | 200 | 400 | 800 |
Denario | 1/25 | 2/25 | 1 | 2 | 4 | 8 | 16 | 32 | 64 |
Quinario (Ag) | 1/50 | 1/25 | 1/2 | 1 | 2 | 4 | 8 | 16 | 32 |
Sestercio | 1/100 | 1/50 | 1/4 | 1/2 | 1 | 2 | 4 | 8 | 16 |
Dupondio | 1/200 | 1/100 | 1/8 | 1/4 | 1/2 | 1 | 2 | 4 | 8 |
Ás | 1/400 | 1/200 | 1/16 | 1/8 | 1/4 | 1/2 | 1 | 2 | 4 |
Semis | 1/800 | 1/400 | 1/32 | 1/16 | 1/8 | 1/4 | 1/2 | 1 | 2 |
Quadrans | 1/1.600 | 1/800 | 1/64 | 1/32 | 1/16 | 1/8 | 1/4 | 1/2 | 1 |
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Quinario ![]() |