![]() ![]() | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | 17 de decembro de 1977 ![]() Ponteceso, España ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Altura | 182 cm ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Peso | 80 kg ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista, xogador de fútbol praia, Q124719432 ![]() ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período de actividade | 1996 ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol Fútbol praia ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Dianteiro ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
![]() ![]() |
Ramiro Figueiras Amarelle, nado en Ponteceso o 17 de decembro de 1977[1], é un adestrador e ex xogador de fútbol praia galego, actual adestrador da selección de fútbol praia de Trinidad e Tobago.
Considerado un dos mellores xogadores de fútbol praia da historia,[2][3] comezou xogando ao fútbol no Ural, pasando logo ao equipo xuvenil do Deportivo da Coruña, co que gañou a única Copa de Campións da historia do club na tempada 1995/96. Xogou a continuación no Cerceda e no Imperátor en Terceira División e en 1997, con 19 anos, entrou na selección española de fútbol praia, sendo con moita diferenza o integrante máis novo do equipo, que ata entón estaba formado na súa totalidade por futbolistas retirados como Quique Setién, Rafa Gordillo ou Abel Resino.
Converteuse pronto no capitán e na estrela da selección, acumulando éxitos e títulos internacionais, destacando tres Eurocopas (1999, 2008 e 2009) e cinco Ligas Europeas (1999, 2000, 2001, 2003 e 2006), así como dous subcampionatos mundiais en 2003 e 2004, en ambas ocasións perdendo a final contra o Brasil en Copacabana (Río de Xaneiro). Foi elixido dúas veces mellor xogador do Mundial (2003 e 2008), e catro veces mellor xogador da Liga Europea (1998, 2000, 2001, 2003), así como catro veces máximo goleador da Liga Europea (1998, 2000, 2005 e 2007). Nos 16 anos que defendeu a camiseta da selección española disputou con ela 309 partidos e marcou 303 goles.
A nivel de clubs xogou entre 2006 e 2010 no Milano Beach Soccer, co que gañou tres veces a Serie A (2006, 2007 e 2010), catro veces a Copa Italia (2006, 2007, 2009 e 2010) e unha vez a Supercopa (2010). En 2011 fichou como xogador e adestrador da nova sección de fútbol praia do FC Barcelona, co que gañou a Copa Mundial de Clubs en 2015.
Antes do Barcelona levaba xa moitos anos adestrando equipos xuvenís. Pasou polas canteiras do Ural, Racing de Santander, Deportivo da Coruña e Lugo e entre 2017 e 2021 adestrou a selección de fútbol praia da China. Dende 2021 dirixe á selección de Trinidad e Tobago.
Comezou xogando ao fútbol no Ural CF e de aí pasou á canteira do Deportivo da Coruña. No equipo xuvenil do club coruñés coincidiu con xogadores como Dani Mallo, Deus ou Pablo López. O equipo adestrado por José María Blanco conseguiu o primeiro posto no Grupo I da División de Honra, por diante do Racing de Santander, segundo, accedendo así á Copa de Campións na súa primeira edición. No torneo disputado en Puertollano, o Deportivo chegou á final, onde se enfrontou ao Real Madrid, ao que derrotou na prórroga (2-1), conquistando a primeira Copa de Campións da historia do club.[4]
No verán de 1996, coa etapa xuvenil cumprida e sen sitio no Fabril para el nin para outros compañeiros, formou xunto a eles o Peluquería Antena, un equipo de fútbol praia co que participaron no Trofeo Dyc Cidade da Coruña, disputado na praia de Riazor. Lograron saír campións e clasificáronse para xogar a fase final nacional en Alacant.[5] Amarelle non puido xogar en Alacant por unha lesión, pero o seu equipo acabou gañando o trofeo.[6] Ao remate do verán fichou polo Cerceda, de Terceira División, adestrado por Paco Zas, pero despois de só media tempada deixou o equipo e ingresou no Imperátor, da Rexional Preferente. Co equipo coruñés conseguiu esa tempada un histórico ascenso a Terceira División tras derrotar ao Pontellas na fase de ascenso.[7]
No verán de 1997 disputou de novo co Antena o Trofeo Dyc de Riazor, logrando revalidar o título, e tendo como premio un partido amigable contra a selección española de fútbol praia.[8][9] Dita selección acababa de crearse pouco antes e estaba formada por vellas glorias retiradas do fútbol como Rafa Gordillo, Claudio Silva, Lobo Carrasco, Abel Resino ou Quique Setién.[10] O equipo coruñés empatou 5-5 coa selección e a actuación de Amarelle chamou a atención do seleccionador Manu Sarabia, que o convocou para disputar un torneo en Iugoslavia ao mes seguinte.[11]
Durante as seguintes campañas compaxinou os partidos da selección de fútbol praia cos partidos de Preferente do Imperátor. Tras case unha década de éxitos coa selección, en 2006 fichou xunto ao seu compañeiro Nico Alvarado polo Milano Beach Soccer, de Milán.[12] En xullo conquistou na localidade de Vasto, á beira do Adriático, a Copa Italia, o primeiro título na historia do club lombardo. O título chegou despois de derrotar na final ao Catania por 7-6, anotando Amarelle catro dos goles da final, incluído o gol da vitoria na prórroga.[13] Un mes despois en Catanzaro, gañou tamén a Serie A, vencendo na final ao Friulpesca Udine por 7-2, anotando de novo catro dos sete goles. Recibiu ademais o premio ao máximo goleador do campionato, que compartiu con Pasquale Carotenuto, con 26 goles cada un.[14] Revalidou ambos títulos en 2007, despois de gañar na final da Copa ao Cavalieri del Mare Viareggio (5-2) e na da Serie A ao Coil Lignano Sabbiadoro (3-3 e 6-5 na quenda de penaltis), facendo dous goles en cada unha das dúas finais.[15][16]
Tras non conseguir ningún título en 2008, ao ano seguinte o equipo volveuse proclamar campión da Copa nunha trepidante final baixo a choiva contra o Viareggio que finalizou con empate a nove goles no tempo regulamentario, dous deles de Amarelle. Na quenda de penaltis, o portugués Madjer errou o lanzamento do equipo toscano, mentres que Amarelle anotou o seu, dándolle así a terceira Copa ao Milano.[17] Na Serie A o equipo milanés chegou tamén á final, onde se enfrontou ao Napoli, capitaneado por Diego Armando Maradona Junior. Amarelle abriu o marcador e anotou aínda outro gol máis, pero o triunfo foi para o equipo napolitano por 6-5. Ao remate da tempada Amarelle recibiu o galardón como mellor xogador do campionato.[18] No 2010 sumou tres novos títulos ao seu palmarés, na campaña máis triunfante da historia do Milano, conquistando a Serie A, a Copa e a Supercopa.[19][20][21]
En marzo de 2011 foi incorporado polo FC Barcelona para dirixir a súa nova sección de fútbol praia como xogador-adestrador.[22][23] Só un par de semanas despois da súa chegada disputou en São Paulo a primeira Copa Mundial de Clubs.[24] Aínda que pasaron a fase de grupo como primeiros, caeron nos cuartos de final fronte ao Sporting de Lisboa.[25] A historia repetiuse ao ano seguinte, pasando como primeiros de grupo e caendo de novo ante o Sporting,[26] mentres que no 2013 non conseguiron pasar da fase de grupos.
Na edición de 2015, celebrada no Río de Xaneiro, o Barcelona foi primeiro de grupo, nas semifinais eliminou ao Al-Ahli emiratí na quenda de penaltis, e na final proclamouse campión do mundo vencendo tamén nos penaltis ao Vasco da Gama brasileiro.[27] Retirouse en 2017.
Foi convocado por primeira vez para a selección española de fútbol praia polo adestrador Manu Sarabia en xullo de 1997 para disputar un torneo en Budva, despois da súa grande actuación contra o propio combinado español o mes anterior na praia de Riazor.[11]
No verán de 1998 disputou a primeira edición da Liga Europea de Fútbol Praia. O equipo español obtivo a cuarta posición final, con Amarelle como máximo goleador da liga con 24 goles e sendo elixido mellor xogador do torneo, por diante de estrelas como Cantona, Rummenigge ou Stielike.[28] Na Eurocopa disputada en setembro do mesmo ano en Siracusa, o equipo español acabou subcampión, despois de empatar na final contra Portugal, e de que Amarelle fallase o seu lanzamento na quenda de penaltis.[28]
Comezou o ano 1999 voando ao Río de Xaneiro para disputar na praia de Copacabana o seu primeiro Campionato do Mundo, competición que por aquel entón se celebraba todos os anos no Brasil.[29] O equipo, ao que se sumaran dous xogadores galegos recomendados por Amarelle, Roberto Valeiro e Cedeira, caeu en cuartos de final fronte a Portugal. Foille mellor no ámbito europeo, gañando ese ano tanto a Eurocopa como a Liga Europea. Nos dous seguintes anos gañou dúas Ligas Europeas máis, sendo elixido en ambas mellor xogador do torneo, e na de 2000 sendo tamén o máximo anotador con 15 goles. Tamén ese ano foi o máximo goleador do Mundialito celebrado na vila portuguesa de Figueira da Foz, empatado a 11 goles con Eric Cantona e Neném.[30] No Mundialito de 2001 foi elixido mellor xogador.[31] No 2002 foi elixido mellor xogador da Eurocopa, na que España acadou o seu segundo subcampionato consecutivo.
Despois de boas actuacións nas edicións anteriores, foi elixido mellor xogador do Campionato do Mundo no 2003, no que a selección española rematou subcampioa ao perder na final contra o Brasil. Amarelle foi ademais o segundo máximo goleador con 10 tantos, só superado polo brasileiro Neném.[32][33] Tamén ese ano foi subcampión da Eurocopa e campión da Liga Europea, sendo elixido nesta última mellor xogador por cuarta vez. No Mundialito do mesmo ano, no que España foi terceira, Amarelle foi o máximo artilleiro do campionato e levou o premio ao mellor xogador por segunda vez.[34]
En 2004 Amarelle anotou sete goles no Mundial, no que España volveu chegar á final e volveu caer por segundo ano consecutivo fronte ao Brasil. A historia repetiuse na final do Mundialito en agosto.
En 2005 anotou 37 goles na Liga Europea, gañando o seu terceiro trofeo como máximo goleador da competición. En maio disputou no Río de Xaneiro a primeira edición da Copa do Mundo organizada pola FIFA. España caeu en cuartos de final fronte a Francia e Amarelle recibiu o Balón de Bronce como terceiro mellor xogador do torneo, por detrás do portugués Madjer e o brasileiro Neném.[35] Tanto ese ano como o seguinte a selección española, na que xogaban xa once galegos,[36] quedou eliminada da Eurocopa nos cuartos de final, pero proclamouse campioa por quinta vez da Liga Europea en agosto de 2006, tras vencer na final a Portugal por 2-4, con dous goles de Amarelle e dous de Nico.[37] En decembro de 2006 Amarelle foi o máximo goleador e o mellor xogador da Copa Latina, na que España acabou cuarta.[38]
En 2007 volveu ser, por cuarta e derradeira vez, o máximo goleador da Liga Europea, empatado co suízo Dejan Stankovic, mentres que no Mundial celebrado no Río de Xaneiro anotou catro goles máis, cos que España pasou a primeira fase como líder do grupo pero caeu en cuartos de final contra a selección mexicana.
En xullo de 2008 viaxou coa selección a Marsella para disputar unha nova Copa do Mundo. España quedou encadrada no grupo D co Brasil, México e o Xapón. Na primeira xornada España perdeu contra o equipo brasileiro por 3-2, nun encontro con dous goles de Amarelle. Anotou outro gol máis na vitoria por 2-1 sobre México e outros tres na goleada por 6-1 contra os xaponeses.[39] Tras eliminar á Arxentina nos oitavos de final España cruzouse en semifinais coa Italia de Diego Armando Maradona Junior. Amarelle fixo os dous primeiros goles dos catro que anotou o equipo español, mentres que os italianos fixeron outros catro goles. Na quenda de penaltis saíu vencedora Italia despois de que Amarelle fallase o lanzamento español. O futbolista galego levou a Bota de Prata como segundo máximo goleador con 11 tantos, despois de marcar tres máis no partido polo terceiro posto, e recibiu ademais o Balón de Ouro como mellor xogador do Mundial.[40] En setembro gañou en Bakú a súa segunda Eurocopa, despois de acabar a fase de grupos na primeira posición e vencer a Suíza na final.[41]
En maio de 2009, no Circo Máximo de Roma, a selección española desquitouse da final do ano anterior e, despois de eliminar a Rusia e Portugal, conquistou a súa terceira Eurocopa derrotando na final ao equipo suízo, por seis goles a catro, dous deles de Amarelle [42] En agosto foi o máximo goleador do Mundialito celebrado na Praia da Rochan de Portimão, e en novembro marcou catro goles no Mundial de Dubai, caendo España en cuartos de final contra o Uruguai.[43]
Posteriormente sufriu unha hernia que o mantivo apartado da competición durante un ano e medio.[9] No 2011 a selección española non conseguiu clasificarse para a Copa do Mundo, sendo esta a primeira edición que se perdía Amarelle dende 1997. En xullo de 2012 liderou a España na fase de clasificación de para o a Copa do Mundo de 2013 en Tahítí. Con 24 países participantes, España conseguiu o pase á cita mundial nun partido contra Ucraína que se decidiu cunha espectacular chilena de Amarelle no último minuto da prórroga.[44][45] O futbolista galego, autor de nove goles, foi elixido mellor xogador do torneo.[46] En agosto de 2013 anunciou que non participaría no Mundial, dando por concluída a súa etapa na selección despois de 309 partidos e 303 goles.[47][3][48]
Xogou tamén coa selección galega, dende a súa creación en 2008, sendo un dos seus principais impulsores.[49][50]
Comezou como adestrador aos 18 anos, dirixindo equipos de xuvenís.[2] Despois de adestrar os infantís do Ural, entrou como adestrador na canteira do Racing de Santander na tempada 2002/03, da man de Quique Setién, director deportivo do club e antigo compañeiro seu na selección de fútbol praia.[51] Deixou o club cántabro dous anos despois, cando regresou ao Ural como director deportivo.[52] Dende 2008 traballou como instrutor da FIFA para desenvolver o fútbol praia en diferentes países.[53]
Na tempada 2009/10 adestrou o equipo alevín B do Deportivo da Coruña e en marzo de 2011 foi incorporado polo FC Barcelona para dirixir a súa nova sección de fútbol praia como xogador-adestrador.[54][45][22][23] Disputou varias veces a Copa Mundial de Clubs e finalmente en 2015 proclamouse campión do mundo.
Paralelamente, dende xullo de 2013 acompañou de novo a Setién, esta vez no Club Deportivo Lugo, onde estivo dous anos como adestrador do equipo xuvenil da División de Honra.
En 2017 converteuse no novo seleccionador da China, ocupando o cargo durante catro anos.[2][55] En marzo de 2021 foi anunciado como novo adestrador da selección de Trinidad e Tobago.[56]
Deportivo da Coruña
Milano Beach Soccer
FC Barcelona