Rua Kenana Hepetipa

Modelo:BiografíaRua Kenana Hepetipa

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento1869 Editar o valor en Wikidata
Maungapohatu, Nova Zelandia Editar o valor en Wikidata
Morte20 de febreiro de 1937 Editar o valor en Wikidata (67/68 anos)
Matahi, Nova Zelandia Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónlabrego Editar o valor en Wikidata
Cronoloxía
nacemento póstumo Editar o valor en Wikidata

Rua Kenana Hepetipa ou Rua Kēnana Hepetipa , nado en Maungapōhatu en 1869, e finado en Matahi o 20 de febreiro de 1937, foi un profesta, sanador da fe e activista polos dereitos das terras maorí. Chamábase a si mesmo Te Mihaia Hou, o Novo Mesías, e afirmou ser o sucesor Hepetipa de Te Kooti Arikirangi[1] que reclamaría a terra de Tūhoe que se perdera ante os pākehā (brancos neozelandeses). As crenzas de Rua dividiron a Igrexa Ringatū,[2] que Te Kooti fundara arredor de 1866/1868. En 1907 Rua formou unha comunidade relixiosa non violenta en Maungapōhatu, a montaña sagrada de Ngāi Tūhoe, en Urewera. En 1900, Maungapōhatu era unha das poucas áreas que non fora investigada polo Tribunal de Terras Maorís.[3] A comunidade, tamén coñecida como Nova Xerusalén, incluía unha cooperativa agrícola e unha caixa de aforros. Moitos pākehā crían que a comunidade era subversiva e viron a Rua como unha influencia perturbadora.[4]

En 1916 a policía creou unha expedición armada para a Maungapōhatu o 2 de abril e arrestar a Rua por sedición. Foi declarado inocente deste cargo pero encarcerado por resistirse á detención. Rua foi liberado en abril de 1918 e regresou a Maungapōhatu, mais a comunidade xa estaba en declive e, a comezos dos anos 30, a maioría da xente marchara para buscar traballo noutro lugar. Rua trasladouse a Matahi, no leste da baía de Plenty, onde viviu ata a súa morte en 1937.

En setembro de 2017, o goberno comprometeuse a indultalo como parte dun acordo do tratado de Waitangi.[5]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Rua naceu en 1869 en Maungapōhatu, na cordilleras de Urewera, en Nova Zelandia. Foi o fillo póstumo de Kenana Tumoana, quen foi asasinado en Makaretu en novembro de 1868 mentres loitaba por Te Kooti, e de Ngahiwi Te Rihi. Rua era membro do hapū (clan) Tamakaimoana, da tribo Tūhoe e, aínda que non era un xefe por dereito propio, era de nobre nacemento e podía rastrexar a súa descendencia até Potiki e Toroa da canoa Mataatua.

En 1887 Rua deixou Maungapōhatu para aprender agricultura. Traballou en explotacións de ovellas nos distritos de Gisborne e Baía de Plenty e foi membro dun grupo de esquiladores da costa leste. Durante este período estudou a Biblia. En 1905 volveu a Maungapōhatu onde se estabeleceu como profeta do Novo Testamento. Aquí formou a súa nova comunidade autosuficiente en Maungapōhatu á que chamou a "Nova Xerusalén", cunha poboación eventual de entre 800 e 1000 seguidores.

O profeta en Maungapōhatu

[editar | editar a fonte]

Te Kooti Arikirangi, o fundador da relixión Ringatu, previra antes de morrer que tería un sucesor.[6] A declaración de Rua de que era o sucesor de Te Kooti foi anunciada por primeira vez a través dunha experiencia que viviu en Maungapōhatu, a montaña sagrada de Tūhoe. As narracións orais contan como Rua e a súa primeira esposa, Pinepine Te Rika, foron convidados a escalar a montaña por unha aparición sobrenatural, que máis tarde se revelou como o arcanxo Gabriel. Alí mostróuselles un diamante agochado, a pedra gardiá da terra, cuxa brillante luz estaba protexida polo chal de Te Kooti. Rua, pola súa banda, volveu cubrir a pedra para protexela. Nalgunhas versións da narración Rua coñeceu tanto a Whaitiri, a devanceira de Tūhoe, como a Xesús na montaña. Rua pronto afirmaría ser o irmán maorí de Cristo.[7]

No primeiro dos tres períodos de asentamento en Maungapōhatu, Rua chegou a este posto avanzado illado cando comezaba o inverno. Os que estaban alí aínda lembraban a dureza daquel primeiro ano: a colleita de patacas fallou e non había porcos. Tatu, un dos riwaitis, tivo que volver a Te Whaiti para recoller 6 porcas para comezar a súa propia colonia de reprodución. Polo menos 50 persoas morreron ese inverno, a maioría nenos, pola insuficiencia das vivendas, un gromo de febre tifoide que viña dos campamentos do val e unha epidemia de xarampelo que arrasou a comunidade. Ás veces non había máis para comer que o escaravello huhu, e as follas grosas de toi, que normalmente se usan só para vestir. Pero a partir deste comezo desfavorable, a comunidade loitou ata un primeiro verán de grande abundancia. Dous grupos uníronse para construír 'te pa tapu o te atua', o sagrado pā do Señor, os Tūhoe, aproximadamente a metade de toda a tribo, e os Whakatohea, que mediante a desamortización quedaran case sen terra. Para significar a unión entre estas dúas tribos Mataatua, Rua construíu a casa do Señor, Hiruharama Hou, construída a dúas augas. Un bando era para Tūhoe e outro para Whakatohea.[8]

Maungapohatu, cidade da néboa.

Rua afirmou ser o novo Cristo, o fillo de Xehová, e dixo que ninguén que se unise a el morrería. Chamábase Te Mihaia Hou, o Novo Mesías. Rúa debeu o seu poder á grande habilidade coa que aplicou as escrituras aos acontecementos do día a día da vida dos que crían nel. Os seus ditos proféticos (nga kupu whakari) deron sentido a unha existencia dura e ofrecían esperanza para o futuro. Tentou crear un novo sistema de propiedade e uso da terra. Organizou unha forte base comunal en todos os asentamentos que fundou pero tamén fixo fincapé no concepto de propiedade familiar da propiedade. Deixou de lado todas as prácticas tradicionais de tapu maorí e substituíunas por novas formas especificamente asociadas coa fe en si mesmo como o Mesías Prometido. Os seus seguidores cederon as súas terras a Rua e el vendeullas de novo. O asentamento foi administrado polo propio parlamento do profeta. Tamén formou unha empresa mineira maorí para explotar os recursos minerais do Urewera. Por orde do profeta, 5 millas de bosque foron talados e unha próspera comunidade agrícola creceu baixo o seu liderado. Rua actuou como banqueiro do seu pobo e colleu décimos de todo o que gañaban. En troques, deulles unha prosperidade que nunca antes coñeceran.

Hīona, a casa de reunións circular construída en Maungapohatu.

Rua construíu un curioso templo circular de adoración de dous andares en Maungapōhatu, chamado Hīona (Sión) que tamén se converteu no seu parlamento dende onde se administraban os asuntos comunitarios. Esta casa de reunións circular, construída en 1908, estaba decorada cun deseño de trevos azuis e diamantes amarelos, e situábase dentro do santuario interior do pa. Esta era a "Sala do Consello e Palacio de Xustiza" de Rua, tamén coñecida como "Templo de Rua". Rua pensou que tiña como modelo o Templo de Xerusalén (aínda que a súa cámara non debía ser un lugar de culto), mais o modelo real era a cúpula da Rocha na cidade de Xerusalén, lugar sagrado musulmán e un dos santuarios islámicos máis sagrados. A súa forma de cilindro faríao único.[6] Deixouse medrar o cabelo longo e unha barba espesa seguindo a tradición patriarcal dos nazareos xudeus. Como a súa lectura da Biblia parecía prescribir sete esposas, Rua sempre tivo este número e substituíu inmediatamente a calquera que morrese ou fuxira. En total tivo 12 mulleres e máis de 70 fillos.blue clubs

Da tradición King-ite herdou a idea de que os maorís posuían unha nacionalidade separada, e isto, xunto co éxito da súa comunidade, espertou os celos dos xefes locais e provocou a inimizade do Goberno. A través da súa visión persoal, a súa relixión mesiánica prometeu o regreso das terras maorís e mana aos maorís, e a fin da súa suxeición ao dominio pākehā. Quería afastar o pobo Tūhoe totalmente da influencia europea e induciu a moitos a vender todas as súas propiedades e intereses agrícolas.[9]

En 1908, a loita polo poder de Rua levara aos Tūhoe ao bordo da guerra civil e o primeiro ministro neozelandés Joseph Ward interveu para frear a influencia do profeta. O Goberno organizara en marzo de 1908 unha reunión en Ruatoki de todas as tribos Tūhoe nun intento de resolver as diferenzas políticas entre as dúas faccións principais de Tūhoe, a de Rua Kenana e a de Numai Kereru, xefe dos Ngatirongo e o principal opoñente do movemento relixioso xudeocristián Tūhoe de Rua.

Rua e catro das súas esposas.

Como se esperaba un conflito, o primeiro ministro neozelandés decidira visitar informalmente ámbalas partes antes da conferencia. Nun encontro dramático con Joseph Ward na beira da praia de Whakatane o 23 de marzo de 1908, Rua e Joseph Ward intercambiaron palabras. Rua, flanqueado por algunhas das súas esposas e seguidores mentres estaba sentado nunha cadeira que fora prestada do pub, recoñeceu que Joseph Ward se achegaba. Ward dirixiuse a ambas as partes publicamente, pedindo a súa axuda para conciliar as diferenzas na próxima reunión en Ruatoki. Ward díxolles aos seguidores de Rua que non podía aceptar todo o que Rua pedise. En particular, a súa petición de que os seus partidarios fosen colocados no papel electoral europeo (presumiblemente porque eran superados en número no Electorado Maorí Oriental) era inaceptable, xa que os maorís teñen "representación especial propia". Ante a petición de Rua de ter un goberno especial maorí, dixo: "Díxenlle a Rua... que en Nova Zelandia o rei Eduardo é rei, e aquí está representado polo seu goberno ou rei. Non pode haber dous soles brillando no ceo ao mesmo tempo". Rua respondeulle a Ward: "Si, só hai un sol no ceo, pero brilla por un lado, o lado Pākehā, e escurece polo outro".[10]

Rua converteuse nunha fonte de vergoña para a clase política neozelandesa, e xurdiu a necesidade por parte do Goberno de facer un exemplo deste home que era visto como un axitador, coa esperanza de que unha represión desanimase a outros activistas maorís. A igrexa dominante anglicana animou ao Goberno a repreimir a Rua Kenana. En 1907, a igrexa aprobou unha moción que apoiaba "a recente acción do Goberno na dirección da supresión do tohungismo (cura tradicional maorí), e confía en que a Igrexa poida facer unha acción máis agresiva entre as tribos que están especificamente afectadas por este mal". As autoridades viron a Rua Kenana como unha influencia perturbadora e acusárono coa Lei Tohunga de 1907, que prohibía aos curandeiros tradicionais maorís usar herbas e outros métodos curativos que formaban parte da súa medicina tradicional.[11] A Lei de supresión de Tohunga foi deseñada para neutralizar os poderosos líderes maorís tradicionais e foi feita á medida como arma política especificamente contra Rua Kenana e o seu movemento de disidentes maorís.[12]

En 1910, como consecuencia dunha serie de acusacións de obtención de alcol, Rua foi multado e, en 1915, cumpriu unha breve condena de prisión por un delito semellante. Ao ser puesto en liberdade, volveu consumir alcol ás agochadas.

Rua insistiu en que o seu pobo boicotease o servizo militar, argumentando que era inmoral loitar por un rei e un País Pākehā dada a inxustiza cometida contra os maorís baixo a coroa británica. Rúa dixo: "Teño 1400 homes aquí e non vou permitir que ningún deles se aliste ou vaia á guerra. Agora non teñen rei. O rei de Inglaterra non serve. Está derrotado. Os alemáns gañarán. Todos os cartos que teña dareillos aos alemáns. Os ingleses non serven. Teñen dúas leis: unha para os maorís e outra para os pakehā. Cando os alemáns gañen, eu seri rei aquí. Serei rei dos maorís e dos pakehā".[13] Isto foi intepretado pola clase dirixente como sedición e finalmente deulle ao Goberno e aos detractores de Rua o incentivo para intervir contra Kenana e a comunidade Maungapōhatu.

Rua Kenana reúnese co primeiro ministro neozelandés Joseph Ward na praia de Whakatane, o 23 de marzo de 1908.

Durante a primeira guerra mundial o Goberno de Nova Zelandia tiña a preocupación de que Rua se opuxese a que os homes Tūhoe que se alistasen para a guerra, e estas preocupacións provocaron rumores de que apoiaba abertamente a Alemaña. O Goberno detivo a Rúa despois dunha hahunga de 1915, unha cerimonia de limpeza de ósos, onde supostamente subministraba licor sen licenza. Foi citado para comparecer ante un maxistrado o 19 de xaneiro de 1916, Rua dixo que comparecería na sesión do xulgado de febreiro xa que estaba ocupado collendo herba de gallo, pero a súa non comparecencia foi considerada un desacato ao tribunal e comezaron os preparativos para unha expedición policial armada para arrestalo.[4]

O 2 de abril de 1916 un partido policial de 70 efectivos fortemente armados dirixidos polo Comisario de Policía John Cullen chegou a Maungapōhatu para arrestalo por sedición. Como a aldea de Rua estaba tan afastada, a policía tivo que levar moito material e acampou no camiño. Movéronse como un pequeno exército con vagóns e cabalos de carga, e incluían ao fotógrafo Arthur Breckon de The New Zealand Herald.[14] Para non alertar á aldea de Maungapōhatu da súa intención de lanzar un ataque, non levaron os uniformes policiais ata pouco antes da redada. Estaban convencidos de que cando chegasen a Maungapōhatu habería unha emboscada.

Non houbo resistencia violenta por parte de Rua persoalmente,[6] mais os seus partidarios libraron un enérxico tiroteo de media hora coa policía no que dous maorís, incluído un fillo de Rua, Toko, morreron e dous resultaron feridos. Tamén resultaron feridos catro axentes. Rua foi detido e trasladado a Rotorua, onde lle cortaron o pelo e a barba. Dende Rotorua, con outros seis prisioneiros maorís incluído Whatu, Rua foi trasladada a Auckland e enviado directamente ao cárcere de Mount Eden. Rua foi detido, nun principio, cunha condena de nove meses imposta polos cargos de 1915 e agora aumentada por non pagar as multas. Tras un xuízo por sedición que durou 47 días, o máis longo de Nova Zelandia ata 1977, foi declarado inocente mais condenado a un ano de prisión por resistirse á policía.[15]

Cando volveu aos Urewera, o asentamento de Maungapōhatu estaba deteriorado, dividido e as terras descoidadas e gran parte da comunidade trasladárase. A Misión Presbiteriana baixo o reverendo John Laughton mudouse a Maungapōhatu e ensinaba o cristianismo presbiteriano e os sistemas de valores pākehā. Isto conmocionou a Rua, xa que prohibira as escolas pākehā da comunidade orixinal. Os custos de defensa nos distintos xuízos estragaran economicamente á comunidade xa que tivo que vender accións e terreos para facer fronte á débeda. A comunidade foi incluso condenada a pagar os custos de todas as operacións policiais e as incursións en Maungapōhatu. Aínda que o tribunal supremo considerou ilegal a detención de Rua e que o 1 de maio de 1917 se redactara unha petición legal ante o Parlamento en nome da vila de Maungapōhatu solicitando unha investigación pública completa sobre os acontecementos do 2 de abril de 1916 e o ​​comportamento da policía alí, nunca se lle ofreceu ningunha compensación a Maungapōhatu.[16]

Finalmente Rua trasladouse río abaixo a Matahi, unha comunidade que fundara no río Waimana no leste da baía de Plenty en 1910, onde viviu ata a súa morte o 20 de febreiro de 1937. Sobreviviron cinco esposas, nove fillos, e 13 fillas. Porén, a crenza na súa divindade non lle sobreviviu moito, xa que non cumpriu a súa promesa de resucitar de entre os mortos. Agora queda pouco de Maungapōhatu, e a súa igrexa (Te Wairua Tapu) conta con poucos seguidores. Urewera é pacífico, en contraste co que era nos tempos do profeta Rua.[17]

A gobernadora xeral, Patsy Reddy dá o visto e prace real á acta de indulto de Rua Kēnana en Maungapōhatu o 21 de decembro de 2019, mentres Tūheitia, o rei maorí, observa.

En setembro de 2017, o goberno comprometeuse a indultalo como parte dun acordo dun tratado.[5] O proxecto de lei que dá efecto ao indulto presentouse ao Parlamento o 22 de agosto de 2019 e recibiu a súa terceira lectura o 18 de decembro de 2019, e tres días despois recibiu a aprobación real pola gobernadora xeral, Patsy Reddy, en Maungapōhatu.[18]

  1. Te Ara: Te Kooti Arikirangi Te Turuki
  2. Te Ara: Māori prophetic movements – ngā poropiti
  3. "Native Land Court created - NZHistory, New Zealand history online". 
  4. 4,0 4,1 "Heritage et AL: Rua Kēnana - Māori prophet". 
  5. 5,0 5,1 "Kēnana pardon a chance to move forward - signatory". Radio New Zealand (en inglés). 2017-09-09. Consultado o 2017-09-12. 
  6. 6,0 6,1 6,2 "Prophet Rua Kenana". 
  7. Binney, Judith. "Rua Kēnana Hepetipa". Te Ara - the Encyclopedia of New Zealand. Ministry for Culture and Heritage. 
  8. Mihaia : the prophet Rua Kenana and his community at Maungapohatu (Judith Binney with Gillian Chaplin and Craig Wallace. Oxford University Press, 1979. pages 45–56).
  9. "Rua Kenana – Let the white man, fight the white mans war!". 
  10. Mihaia : the prophet Rua Kenana and his community at Maungapohatu (Judith Binney with Gillian Chaplin and Craig Wallace. Oxford University Press, 1979. pages 45–56).
  11. "Local, latest and breaking news from the Hawkes Bay region - Hawkes Bay Today". 
  12. A Return to the Tohunga Suppression Act 1907 – [2001] VUWLRev 17; (2001) 32 VUWLR 437
  13. Sheehan, Mark (1989), Māori and Pākehā: Race Relations 1912–1980. MacMillan, New Zealand.
  14. "Three Veteran Journalists Retire". The New Zealand Journalist. 12 de xuño de 1940. 
  15. Mihaia : the prophet Rua Kenana and his community at Maungapohatu (Judith Binney with Gillian Chaplin and Craig Wallace. Oxford University Press, 1979), páxinas 119-124)
  16. Mihaia : the prophet Rua Kenana and his community at Maungapohatu (Judith Binney with Gillian Chaplin and Craig Wallace. Oxford University Press, 1979, pages 131-132
  17. Foster, Bernard John (1966). "Rua Kenana Hepetipa". teara.govt.nz. Ministry for Culture and Heritage. 
  18. "Te Pire kia Unuhia te Hara kai Runga i a Rua Kēnana / Rua Kēnana Pardon Bill - New Zealand Parliament". www.parliament.nz. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]