A saga de Hrafnkell (AFI:ˈr̥apncɛl ˌsaːɣa/), sacerdote de Frey («Hrafnkels saga Freysgoða» en islandés) é unha saga islandesa coa acción desenvolvida no século X e que relata o enfrontamento entre os xefes dos clans no leste da illa. O heroe epónimo da obra, Hrafnkell, goza dunha sólida reputación como duelista e, nun momento dado, fai o xuramento de adorar exclusivamente ao deus Frey. Porén, tras unha serie de derrotas e humillacións, como a destrución do templo que construíra para o seu deus, perde a fe e vólvese ateo[1]. A súa personalidade evoluciona, pois o heroe aprende a interactuar de modo pacífico co próximo. Ao ir gañando progresivamente a confianza de novos compañeiros, logra vingarse dos inimigos, e finaliza os seus días como un xefe poderoso e respectado. A ensinanza do relato é que a verdadeira fonte do poder non reside na fe divina senón na lealdade dos propios subordinados.
A saga de Hrafnkell, lida e apreciada desde a súa aparición, seduce pola súa estrutura lóxica, a verosimilitude e pola relevancia dos personaxes. Por todas estas razóns, a obra ocupa un lugar central no debate sobre a orixe das sagas islandesas.
A historia comeza coa viaxe do noruegués Hallfreðr, que participa en todas as primeiras expedicións de colonización de Islandia cara ao ano 900, e instálase ao leste da illa en compañía do seu fillo, Hrafnkell, un mozo de valentía prometedora. Hrafnkell ten ambición e, co permiso do seu pai, pronto decide fundar o seu propio campamento. Para levalo a cabo escolle un val deshabitado onde instala unha granxa, á que chama Aðalból («Nobre Fogar»). Este val, debidamente identificado, será máis tarde rebautizado como Hrafnkelsdalr («Val de Hrafnkell»).
Alí Hrafnkell fai erixir un gran templo, onde efectúa fastuosos sacrificios. As mellores cabezas do seu gando son ofrecidas a Frey, o deus que venera por riba de todos os demais. Nun momento dado, coloca baixo a protección desta divindade o seu cabalo preferido, Freyfaxi, e xura que matará calquera que o monte sen o seu permiso. Estas manifestacións de fervor relixioso fanlle gañar o apelativo de Freysgoði («goði de Frey»).
Hrafnkell, sedento de poder, imponse como xefe de clan tiranizando os habitantes dos vales circundantes. Sempre está preparado a baterse a duelo, e nunca paga o prezo do sangue (o wergeld) despois de matar alguén.
A saga céntrase despois en Einarr, un dos pastores de Hrafnkell. Un día, un asunto urxente obrígao a montar un cabalo, pero ao achegarse todos os animais o rexeitan agás Freyfaxi. Así, vese obrigado a montar nel e partir co día. A continuación, o cabalo volve por si mesmo a Aðalból e comeza a rinchar: Hrafnkell, ao ver o seu animal sucio e suado, decátase do que pasou. Sae entón coa súa hacha e mata de má gana a Einarr, co fin de respectar o seu xuramento.
O pai de Einarr, Þorbjörn, queda devastado pola morte do seu fillo e busca a Hrafnkell para reclamar o prezo do sangue. Este replica que el non paga o wergeld por ningún home, pero admite que esta morte está entre as máis atroces que cometeu, e está disposto a dar unha compensación honorable. Entón proponlle a Þorbjör aloxalo e coidalo o resto dos seus días. Þorbjör, non obstante, rexeita este acto de sometemento e esíxelle polo menos un acordo formal entre persoas de igual rango. Ao enfrontar o rexeitamento de Hrafnkell, Þorbjör non perde a paciencia e busca un modo de lograr o seu obxectivo.
As leis da comunidade islandesa garanten, en efecto, a cada home libre, os mesmos dereitos. Pero na práctica, a ausencia dunha autoridade executiva central fai que un home ordinario atope dificultades ao enfrontarse ao xefe dun clan. En tales circunstancias, procedeu a buscar o apoio doutro xefe para axudalo nos trámites legais, xa complexos na época, e para posteriormente facer aplicar o veredicto, en caso de éxito ante a asemblea.
Þorbjör solicita a axuda do seu irmán Bjarni, que rexeita verse envolto nunha disputa co poderoso Hrafnkell. A continuación, proba sorte con Sámr, o fillo de Bjarni, pero este aconséllalle que acepte a oferta de Hrafnkell. Porén, Sámr, séntese finalmente obrigado a aceptar, en vista da insistencia do seu tío. O mozo acepta formalmente tomar ao seu cargo o caso de Þorbjör no proceso que se aproxima, e convértese entón no querelante.
Sámr prepara a súa acusación contra Hrafnkell e convócao ao Alþingi para o verán seguinte, o que provoca a risa do poderoso xefe. Cando Sámr e Þorbjör chegan a Þingvellir, onde se reúne a asemblea, pronto descobren que ningún dos grandes xefes de clans desexa ofrecerlles a súa axuda. Esta vez, Þorbjör está decidido a abandonar, pero Sámr insiste para que o asunto finalice dun ou outro modo. Sámr e Þorbjör atópanse por casualidade con Þorkell, un rapaz aventureiro orixinario de Vestfirðir, (fiordes do oeste). Este simpatiza coa súa causa e axúdaos a obter o apoio do seu irmán Þorgeirr, un xefe poderoso. Grazas a isto, Sámr pode iniciar o proceso e alí demostrar toda a súa pericia. Hrafnkell é declarado culpable, e como resultado do xuízo Sámr recibe o dereito de matar a Hrafnkell e confiscar os seus bens e terras. O mozo, acompañado de Þorgeirr e Þorkell, chega a Aðalból unha mañá moi cedo, sorprende a Hrafnkell durante o soño e captúrao.
Ofrecen a Hrafnkell dúas posibilidades: ser executado no campo ou converterse en súbdito de Sámr, despoxado da súa honra e dos seus bens. Hrafnkell, ante a disxuntiva, escolle vivir. Þorkell predí entón a Sámr que se arrepentirá de perdoar a vida ao seu inimigo[2].
Sámr toma oficialmente posesión de Aðalból e invita aos habitantes locais a unha gran festa, durante a cal é recoñecido como novo xefe. Hrafnkell, pola súa parte, marcha para construír unha nova morada noutro val. A súa ambición, que mantivo intacta, e o seu tesón permítenlle converterse nun respectable granxeiro despois dalgúns anos de dura labor.
Þorkell e Þorgeirr mantiñan a súa sede de vinganza, polo que deciden «entregar a Freyfaxi ao seu propietario» e botan o cabalo desde o alto do acantilado, e amais, incendian o templo de Hrafnkell. Ao sabelo, Hrafnkell chega á conclusión de que «é unha loucura crer nos deuses», e desde entón nunca máis realiza sacrificio algún. O seu comportamento vólvese máis civilizado, e o antigo xefe tiránico faise cada vez máis agradable cos seus servidores. Deste modo vai adquirindo popularidade e atrae a lealdade do seu contorno[3].
Tras seis anos de paz, Hrafnkell estima que chegou a hora da vinganza. Descobre que o irmán de Sámr, Eyvindr, viaxe a un lugar próximo con algúns compañeiros. Hrafnkell reúne aos seus propios homes e lánzase ao ataque. Sámr, tan pronto como se decata da emboscada, vai en axuda do seu irmán con algúns homes, pero chega demasiado tarde.
Á mañá seguinte Hrafnkell sorprende a Sámr durante o soño e ofrécelle a mesma elección que este lle fixera seis anos atrás. Ao igual que o seu inimigo a vez anterior, Sámr prefire vivir. Entón Hrafnkell reinstálase en Aðalból, a súa antiga residencia e reasume as súas funcións como xefe de clan.
Sámr parte cara ao oeste buscando novamente o apoio de Þorkell e Þorgeirr, pero estes replícanlle que el é o único causante da súa propia desgraza, pois debeu matar a Hrafnkell cando tivo ocasión. Rexeitan apoiar a Sámr nunha nova loita contra o seu rival, mais en compensación ofrécenlle vivir ao seu lado. Sámr declina a invitación e regresa onde Hrafnkell, ao que servirá ata o fin dos seus días sen poder vingarse.
Hrafnkell permanece como un xefe respectado até morrer en paz rodeado dos seus. Os seus fillos convértense en xefes de clans ao seu debido tempo[4].
A autoría da saga de Hrafnkell segue a ser descoñecida. O texto non a nomea, nin tampouco aparece noutras fontes da época, pero seguramente foi alguén nativo da illa e que viviu preto do lugar onde se desenvolven as peripecias da saga.
A data precisa de composición da obra é igualmente difícil de determinar: a hipótese máis probable parece ser a de finais do século XIII. O manuscrito máis antigo que subsiste está escrito sobre pergamiño, en papel vitela, e data da primeira metade do século XV, podendo tratarse da copia directa do texto orixinal, pero só se conserva unha das súas páxinas. Porén, a partir das copias deste manuscrito foron feitas as posteriores copias en papel, que permitiron preservar a integridade da saga. A obra inicial está ben conservada, e non foi necesario máis que realizar lixeiras reescrituras e puír erros de copia.
Unha das familias de manuscritos en papel, chamada C e C1 no esquema da imaxe, contén unha versión notoriamente diferente da saga, con moitas adicións menores. A maior parte dos investigadores relén estas obras xunto ao orixinal en vitela, pero pensan que os agregados son obra do autor da saga de Fljótsdæla, polo que se presta máis atención ás versións máis curtas da historia de Hrafnkell en comparación coas versións máis longas, xulgadas apócrifas.
Peder Goth Thorsen e Konráð Gíslasson editaron a saga por vez primeira en 1839 en Copenhaguen. Seguiron outras edicións eruditas, destacando a de Jákup Jakobsen en 1902-1903 e a de Jón Jóhannesson en 1950.
A saga de Hrafnkell tivo tamén numerosas edicións populares e traducións a diversas linguas. A edición publicada por Halldór Laxness en 1942 foi a primeira en aplicar a ortografía do islandés moderno a un texto en nórdico antigo. Isto foi tomado como unha perversión do texto orixinal polos detractores, pero os partidarios desta opción defenden que a ortografía do nórdico antigo é en si mesma unha construción artificial, non máis próxima aos antigos manuscritos que a ortografía moderna, e sen dúbida moito máis complicada para o lectorado. Esta tese terminou predominando, ao punto que as edicións actuais das sagas recorreron na súa maioría ás convencións tipográficas modernas.
O texto é estudado en profundidade en Islandia na educación secundaria, e serve como un bo texto de introdución para o estudantado de nórdico antigo.
O feito de que a saga de Hrafnkell sexa tan accesible fíxoa obxecto de estudo privilexiado para descubrir a orixe exacta das sagas islandesas. Neste caso, os mesmos elementos serven ás veces para soster teorías moi diferentes.
Durante moito tempo considerouse que as sagas eran fieis recensións de eventos históricos, transmitidas oralmente durante moitas xeracións antes de ser transcritas polos copistas preocupados da veracidade dos feitos. Esta teoría era defendida en particular polas investigacións do século XIX. Non obstante, a idea foi abandonada nos medios universitarios cara a 1940.
Quen defende que a saga de Hrafnkell é un exemplo típico de historia oral preservada con exactitude baséase na verosimilitude do relato, o realismo dos protagonistas e as súas reaccións, así como a ausencia de elementos sobrenaturais. Amais, a brevidade do texto fai crible que o contido podería ser transmitido por vía oral de modo coherente durante longo tempo. Pero esta interpretación histórica enfróntase a numerosas incoherencias e contradicións ao comparar esta saga con fontes da mesma época, como o Landnámabók, no que o nome do pai de Hrafnkell aparece como Hrafn, mentres que na saga é fillo de Hallfreðr.
As incoherencias históricas da saga, así como outros elementos, levaron a Sigurður Nordal a formular unha nova teoría nun libro titulado «Hrafnkatla», publicado en 1940. A obra nútrese das críticas formuladas anteriormente e reúne as informacións recolectadas a través de Islandia para invalidar definitivamente a tese da veracidade histórica.
Máis alá das diverxencias anotadas co Landnámabók e a realidade xurídica da época, Nordal agrega que a saga trata tamén os datos xeográficos de modo incorrecta. Os vales nos que se desenvolven as peripecias do relato non poderían acoller unha poboación tan importante como suxire o texto. En canto ao acantilado situado preto de Aðalból e onde morre o cabalo Freyfaxi, o autor constata que simplemente non existe.
A diferenza das antigas teorías, Nordal ve no parecido e a consistencia da saga un indicio que lle fai pensar na autoría de alguén con talento literario, pero pouco preocupado pola exactitude histórica: se ben puido consultar en ocasións algúns documentos antigos, adaptou probablemente o contido para facelo concordar coa intriga do relato.
Outra escola de pensamento adicada á orixe das sagas apareceu na segunda metade do século XX. Subliña os elementos folclóricos presentes nos textos e pon de manifesto a supervivencia de lendas moi antigas.
Esta corrente achégase en certos puntos á vella idea relativa á preservación oral das sagas, pero sen focalizarse necesariamente na veracidade histórica. Os académicos utilizan os métodos da investigación moderna para determinar nunha historia os elementos susceptibles de persistir ao paso do tempo en oposición aos que resultan efémeros. A experiencia suxire que a intriga central das sagas pode conservarse a través da transmisión oral sen dificultade por largo prazo, mentres que os detalles máis anecdóticos como o nome dos personaxes secundarios poden modificarse durante o paso dos séculos.
O investigador islandés Óskar Halldórsson escribiu un breve estudo sobre a saga de Hrafnkell, criticando os traballos de Sigurður Nordal. Segundo Halldórsson, inexactitudes como o erro no nome do pai do heroe non proban en absoluto que a saga non sexa máis que ficción inventada completamente no século XIII. Pola contra, isto podería confirmar que a historia de Hrafnkell se puido preservar oralmente durante un longo período sen sofrer máis que alteracións secundarias, bastante despois da redacción do Landnámabók.
Por outro lado, Óskar Halldórsson estableceu un vínculo entre o episodio de Freyfaxi e a veneración dos cabalos, tradición amplamente estendida entre todos os pobos indoeuropeos. Defende que a presenza deste tipo de temas mitolóxicos ou folclóricos indica que numerosos elementos da saga de Hrafnkell proveñen en realidade do paganismo precristiano.
O debate relativo á saga de Hrafnkell permanece aberto. Nun libro publicado en 1988 Hermann Pálsson refuta novamente a tese da transmisión oral e busca ligar a obra coas grandes correntes de ideas da Europa Medieval. Contrariamente aos estudos precedentes, este exame foi realizado a partir da versión longa da saga.
Jón Hnefill Aðalsteinsson, no seu estudo realizado en 2000, subliña a omnipresenza dos temas pagáns no texto, e recoñece que unha gran parte da historia puido ser inventada no século XIII. Defende que moitos elementos parecen provir da tradición oral, como os sacrificios realizados por Hrafnkell ou a personalidade de Freyfaxi.
Jónas Kristjánsson, nunha pasaxe do seu traballo xeral de 1988[5] sobre as sagas, reconcilia eficazmente as diferentes teses en relación ao tema da saga de Hrafnkell: o interese principal desta última reside en que «suscitou a curiosidade por outros textos. Converteuse nun caso de escola, un exemplo clásico nas discusións sobre a relación entre a rudimentaria tradición oral e os copistas doctos, entre o pragmatismo tradicional das actitudes e a nova ética cristiá».
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Saga de Hrafnkell |