S.M.81 Pipistrello | |
---|---|
Tipo | bombardeiro e transporte |
Fabricante | Savoia-Marchetti |
Primeiro voo | 8 de febreiro de 1934 |
Introducido | 1935 |
Retirado | 1950 |
Principais usuarios | Regia Aeronautica Exército do Aire de España Forza Aérea de Italia |
Unidades construídas | 735 |
O Savoia-Marchetti S.M.81 Pipistrello (morcego) foi un bombardeiro medio italiano que loitou na guerra civil española e na segunda guerra mundial. Voou por primeira vez en 1935, e entrou en servizo na primavera dese ano como equivalente de bombardeo do transporte Savoia-Marchetti S.M.73. Participou como bombardeiro ou avión de recoñecemento na guerra de Abisinia e na Guerra Civil Española, e ao comezar a segunda guerra mundial Italia posuía uns 300 exemplares que farían tamén tarefas de transporte de carga e paracaidistas, de remolque de planeadores ou de guerra antisubmarina.
A primeira vez que o SM.81 entrou en combate foi na segunda guerra italo-etíope, onde se mostrou como un avión versatil ao facer labores como bombardeiro, transporte e recoñecemento. O SM.81s tamén loitou na guerra civil española coa Aviazione Legionaria e foron os priemiros avións enviados polas potencias fascistas para axudar a Franco.
A pesar de que estaba obsoleto de cara ao ano 1940, cando Italia entrou na segunda guerra mundial, máis de 300 SM.81 estaban en servizo coa Regia Aeronautica. Os primeiros avións italianos en entrar en acción no leste de África foron dous SM.81. O 11 de xuño de 1940, un deles atacou Porto Sudan e o outro realizou un voo de recoñecemento sobre o mar Vermello. Esa mesma noite, tres SM.81 engalaron para bombardear Aden, pero un tivo que volver, e un dos outros dous chocou nun oteiro preto de Massawa mentres intentaba aterrar.
A súa baixa velocidade e a vulnerabilidade aos cazas fixeron que durante o día realizasen labores secundarias, sobre todo como transporte. Pola noite o SM.81 foi un bombardeiro efectivo, particularmente no teatro do norte de África. Tamén realizou traballos anti-buque, pero sen un éxito significativo.
Moitos SM.81 foron retirados cando se asinou o armisticio italiano en 1943, aínda que algúns permaneceron en servizo tanto coa Repubblica Sociale Italiana como coa Aviazione Cobelligerante Italiana.
Moitos exemplares sobreviviron á guerra e serviron na Aeronautica Militare Italiana, pero cara 1950 todos foron retirados.