Sikorsky H-5 | |
---|---|
Tipo | helicóptero |
Fabricante | Sikorsky Aircraft |
Primeiro voo | 18 de agosto de 1943 |
Introducido | febreiro de 1945 |
Retirado | 1957 |
Principais usuarios | USAF Armada dos Estados Unidos Garda Costeira dos Estados Unidos Corpo de Marines dos Estados Unidos |
Produción | 1944 - 1951 |
Unidades construídas | máis de 300 |
Variantes | Westland WS-51 Dragonfly |
O Sikorsky H-5 (inicialmente designado R-5 e tamén coñecido como S-48, S-51 e pola designación da compañía VS-327)[1] foi un helicóptero construído por Sikorsky Aircraft Corporation.
Foi usado pola Forza Aérea dos Estados Unidos e a súa predecesora, as Forzas Aéreas do Exército dos Estados Unidos, así como pola Armada e a Garda Costeira (coas designacións HO2S e HO3S). Tamén foi usadopol Departamento de Correos estadounidense. A versión civil, designada S-51, foi o primeiro helicóptero en ser operado comercialmente, comezando en 1946.
En decembro de 1946 asinouse un acordo entre a compañía británica Westland Aircraft e Sikorsky para producir unha versión do H-5, que sería fabricada baixo licenza no Reino Unido como o Westland-Sikorsky WS-51 Dragonfly. Cando a súa produción rematou e 1951 fabricáranse máis de 300 exemplares de todos os tipos do H-5.
O H-5 foi construído orixinalmente por Sikorsky como o seu modelo S-48,[2] designado como o R-5 polas Forzas Aéreas do Exército dos Estados Unidos. Deseñouse para proporcionar un helicóptero con maior carga útil, aguante, velocidade, e teito de servizo que o Sikorsky R-4. O R-5 diferenciábase do R-4 por ter un maior diámetro de rotor e unha nova fuselaxe máis grande para dúas persoas en tándem,[1] aínda que mantiña a tren de aterraxe cunha roda na cola do R-4. Máis grande que o R-4 e o posterior R-6, o R-5 estaba equipado cun motor radial Wasp Junior de 450 cabalos máis potente, e rapidamente demostrou ser o máis exitoso dos tres modelos.[3] O primeiro XR-5 dos catro pedidos fixo o seu voo de estrea o 18 de agosto de 1943. En marzo de 1944 as Forzas Aéreas do Exército dos Estados Unidos pediron 26 YR-5A para probas de servizo, e en febreiro de 1945 foi entregado o primeiro YR-5A. Este pedido foi seguido por un contrato de produción por 100 R-5, equipados con estantes para dúas padiolas, pero só 34 foron finalmente entregados.[1] Deses, 14 eran R-5A, basicamente idénticos ao YR-5A.[2] Os restantes 20 construíronse como o R-5D de tres prazas, que tiña unha cabina ensanchada cun banco de dúas prazas detrás e unha pequena roda de morro engadida ao tren de aterraxe, e opcionalmente podía levar un guindastre de rescate e un tanque de combustible auxiliar externo. Cinco dos YR-5A para probas de servizo posteriormente convertéronse á versión con controis duais YR-5E.[1] A Armada dos Estados Unidos avaliou tres R-5A como o HO2S-1.[1]
Sikorsky desenvolveu rapidamente unha versión modificada do R-5, o S-51, cun maior diámetro de rotor, máis capacidade de carga e peso bruto, e un tren de aterraxe en triciclo redeseñado; este voou por vez primeira o 16 de febreiro de 1946.[1] Con espazo para tres pasaxeiros e o piloto, o S-51 tiña inicialmente a intención de atraer tanto a clientes militares como civís, e foi o primeiro helicóptero en ser vendido a un usuario comercial.[4] Once S-51 foron pedidos pola USAF e designados R-5F, mentres que 92 foron para a Armada como o HO3S-1, coñecidos comunmente como 'Horse'.[1]
No Reino Unido, Westland Aircraft comezou a produción en 1946 do Westland-Sikorsky S-51 Dragonfly para a Royal Navy e a Royal Air Force, todos eles impulsados polo motor Alvis Leonides de 500 cabalos. Este consguía unha meior velocidade máxima de 165 km/h e un teito de servizo de 14 000 pés. En total fabricáronse 133 helicópteros Westland-Sikorsky Dragonfly. Westland tamén desenvolveu unha versión bastante modificada como o Westland Widgeon, pero o tipo nunca chegou a entrar en servizo.
A Armada estadounidense pediu catro S-51s a Sikorsky a finais de 1946 para usar na Antártida e na Operación Highjump, colocándoos no inventario naval como o HO3S-1.[5] Transportado a bordo do portahidroavións USS Pine Island, o día de Nadal de 1946 un HO3S-1 do VX-3 pilotado polo tenente comandante Walter M. Sessums converteuse no primeiro helicóptero en voar na Antártida. Tras demostrar as súas capacidades, o pedido inicial de HO3S-1 foi seguido por máis compras por 42 aeronaves en 1948.[6] A Armada equipou varias clases de buques de guerra con helicópteros utilitarios HO3S-1, incluídos portaavións, portahidroavións, quebraxeos, cruceiros da clase Des Moine, e acoirazadaos da clase Iowa. En febreiro de 1948 o Corpo de Marines equipou o HMX-1, o seu primeiro escuadrón regular de transporte cn helicópteros,con seis HO3S-1. Cunha carga de pasaxeiros de tan só tres persoas lixeiramente vestidas, os HO3S-1 foron operados principalmente como helicópteros utilitarios polos Marines; para o rol de transporte, engadíronse posteriormente nove helicópteros Piasecki HRP-1 ao escuadrón.[7] Finalmente a Armada mercaría un total de 88 HO3S-1 (S-51).
Construíronse 39 helicópteros de rescate adicionais, designados H-5G, en 1948, mentres que 16 foron equipados con pontóns como o anfibio H-5H en 1949.[1]
Varios H-5Hs foron convertidos en 1949 ao rol de evacuación médica, con cápsulas con padiolas para feridos que ían dun lado ao outro da fuselaxe. A estación de padiolas traseira estaba situada xusto diante do brazo de cola e a estación principal estaba detrás da cabina da tripulación. A estación dianteira podía acomodar a dous feridos e era accesible polo médico durante o voo, mentres que a estación traseira levaba a un único ferido sen acceso por parte do médico. Hai moi pouca información sobre o uso operativo desta modificación por parte da USAF, sendo abandonado pouco despois das probas en 1950.[8]
O R-5 fora deseñado baixo o sistema das Forzas Aéreas do Exército dos Estados Unidos, unha serie que comezaba por R-1 e seguía ata ao redor de R-16. En 1947 coa creación da Forza Aérea dos Estados Unidos, houbo un novo sistema e moitas aeronaves, aínda que non todas, foron redesignadas. O R-5 converteuse no H-5.
* Rawlins, Eugene W., Lt. Col. ''Marines and Helicopters 1946–1962''. Washington, D.C.: History and Museums Division, U.S. Marine Corps, 1976.