Nome orixinal | (en) Siobhán McKenna (ga) Siobhán Nic Cionnaith |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 24 de maio de 1922 Belfast (Reino Unido) |
Morte | 16 de novembro de 1986 (64 anos) Dublín (Irlanda) |
Causa da morte | cancro de pulmón |
Actividade | |
Ocupación | actriz de teatro, actriz de cinema |
Selo discográfico | Tradition Records (en) |
Familia | |
Cónxuxe | Denis O'Dea (1956–1978) |
Premios | |
|
Siobhán McKenna, nada como Siobhán Giollamhuire Nic Cionnaith en Belfast o 24 de maio de 1922 e finada en Dublín o 16 de novembro de 1986, foi unha actriz irlandesa de cine e teatro.
Naceu como Siobhán Giollamhuire Nic Cionnaith en Belfast, Irlanda do Norte, no seo dunha familia católica e nacionalista.[1] Medrou en Galway, onde o seu pai era Profesor de Matemáticas na Universidade de Galway, e no Condado de Monaghan, sendo falante fluído de irlandés. Cando aínda era adolescente fíxose membro dun grupo de teatro gaélico e fixo a súa primeira aparición no Teatro Gaélico de Galway, o Taibhdhearc, en 1940.[2]
É lembrada polas súas actuacións en inglés no Teatro Abbey de Dublín onde eventualmente realizaría o que se considera o seu papel máis brillante na obra de George Bernard Shaw Saint Joan.[2]
Mentres actuaba no Teatro Abbey na década de 1940, coñeceu ó actor Denis O'Dea, con quen casou en 1946.[3] Até 1970 viviron en Richmond Street South, Dublín. Tiveron un fillo: Donnacha O'Dea, que nadou por Irlanda nos Xogos Olímpicos de 1968 e gañou un World Series of Poker en 1998.[2]
No ano 1947, fixo a súa primeira aparición no teatro de Londres en The Chalk Garden. Recuperou o papel en Broadway en 1955, polo cal recibiu un nomeamento ós Premios Tony por "Mellor actriz en papel principal, drama." En 1956, apareceu na produción do festival de drama de Cambridge de Saint Joan no Off-Broadway de Phoenix Theatre. O crítico Elliot Norton considerou a súa actuación como a máis brillante de Xoana de Arco. A popularidade de Siobhán McKenna valeulle aparecer na portada da revista Life. Recibiu un segundo nomeamento ós Premios Tony polo seu papel na obra de 1958 The Rope Dancers, a cal protagoniza a carón de Art Carney e Joan Blondell.[1]
Malia ser unha actriz de teatro, McKenna tamén fixo diversas aparicións na televisión e no cine. Sae no filme King of Kings de 1961, interpretando á Virxe María. En 1964, apareceu no filme Of Human Bondage e o ano seguinte en Doutor Zhivago.[1]
McKenna foi galardoada coa Medalla de Ouro da Sociedade Éire de Boston, por ter "cumprido significativamente cos ideais da Sociedade Éire, en particular, por ter estendido o recoñecemento dos logros culturais do pobo irlandés."[2]